Agolada: Homenaxe a Xosé Vázquez Pintor, o 13 de xullo

“Agolada, 13 de xullo, ás 12:00 h.
1.- Texto na placa a colocar na súa casa
A XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR.
AQUÍ ONDE RESIDE A SÚA PALABRA.
2.- Concentraciòn dos asistentes na praza diante do Concello.
3.- Ás doce da mañá, breve “Benvida e saúdos” aos asistentes (Ángel Utrera).
4.-Inicio da marcha cara á casa de Pintor, para a descuberta da placa no muro da súa casa. Palabras e explicaciòns do acto polo noso Sr. Alcalde presidente da Corporación, Luís Calvo.
5.- Marchamos seguindo a música de Bico da Balouta cara ao centro da terceira idade, onde se colocará a segunda placa, co nome da rúa:
RÚA XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR.
Descuberta da placa e palabras de explicación do acto (Raquel Vidal, en representaciòn das máis de cento cincuenta firmas dos veciños e veciñas que, por acción popular, presentaron a solicitude de fillo predilecto e nome de rúa para Pintor).
Entrega de agasallo recordo do acto, a Pintor.
Intervención de María en representación de Pintor.
6.- Ao rematar a descuberta da placa, regresarase cara Os Pendellos, onde está prevista a interpretación da Coral dun poema de Pintor, entre outras cancións.
7.- Petiscos nos pendellos e a musica da charanga e os de Bico da Balouta, para amenizar e acompañar.”

Padrón: Abride a Fiestra 2024, o 14 de xullo


Festival-xornada de portas abertas na Casa de Rosalía. Entrada libre. Aparcadoiro nos arredores

PROGRAMA

11.00 Visita guiada polo reformado Xardín de Rosalía da man de Miguel Lois
11.45 Pilar García Negro e Carme Fernández Pérez-Sanjulián conversan arredor de Intenso e solidario feminismo.
12.00 Concerto de Pakolas
12.00 Visita guiada pola Casa da man de Manuel Lorenzo Baleirón
12.30 O poeta Juan Carlos Mestre e Anxo Angueira conversan sobre 200 gramos de patacas tristes
13.00 Concerto Paco&Lola de Caamaño & Ameixeiras
13.00 Visita guiada pola Casa da man de Rita Bugallo
14.00 Cata de viños con Paco & Lola, da man da enóloga Nuria de la Torre
XANTAR NA HORTA DE ROSALÍA
17.00 Obradoiro de creación libre: Argallando na Horta de Rosalía
17.00 Presentación do nº 8 da revista Follas Novas, con Xosé Luís Axeitos e Uxío-Breogán Diéguez
17.30 Visita guiada pola Casa da man de Carme F. Pérez Sanjulián
18.00 Noelia Gómez e Rui Grenha presentan Xirando (concerto poético-musical)
18.30 Contacontos Os nosos bosques con Diego García
18.30 Visita guiada pola Casa da man de Pilar García Negro
19.00 Conversa entre a xornalista Ana G. Liste e Diego Ameixeiras, que presenta O anarquista
20.00 Celso F. Sanmartín conta contos
21.00 Concerto de Xurxo Fernandes

Carballo: Praza dos Libros PLIC 2024

As cantareiras e a poesía popular oral protagonizarán o Día das Letras Galegas 2025

Desde a Real Academia Galega:
“Foron creadoras e transmisoras de arte e beleza malia a vida difícil que lles tocou vivir. A través delas, Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–, a Real Academia Galega renderalles homenaxe no Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral. Así o acordou a institución na sesión plenaria ordinaria celebrada este mediodía no pazo de María Pita, na que se referendou unha candidatura múltiple representativa “das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron” unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións. O vindeiro 17 de maio dialogará asemade coa modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular partindo da tradición recibida, sempre unida a outro tesouro patrimonial colectivo: a música.
“A lingua galega continuou viva e vizosa durante séculos, malia as prohibicións e a súa desaparición do espazo oficial, porque o pobo galego a custodiou. En particular as mulleres preservaron a lingua e crearon anonimamente unha poesía popular transmitida nas cantigas das avoas ás netas, das nais ás fillas, dunhas veciñas a outras”, salienta a proposta aprobada. Nela enlázase a celebración vindeira coa deste ano a través dun verso de Luísa Villalta que sintetiza ese herdo transmitido dunha xeración á outra: “As coplas aprendidas na saia da avoa”.
Cantareiras e pandeireteiras xorden no contexto das rogas, os traballos de axuda mutua entre a veciñanza da sociedade labrega, na que a conclusión desas tarefas se celebraba con música e baile. Pero cando a finais do século XIX os coros compilaron as músicas populares, a imaxe que se fixou como icona foi a do gaiteiro que, acompañado co tambor, exercía o seu oficio no espazo público, ignorando as achegas da cantareiras e pandeireteiras, relegadas á esfera privada. Por iso, aínda habendo un enorme número de mulleres que compuxeron e transmitiron cantigas populares, a maioría delas permaneceu no anonimato.
Nas últimas décadas do século XX, o traballo realizado pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico fonsagradino Antón Santamarina, autores da recolleita e edición nos anos 80 do século pasado da biblia do noso folclore, o Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié), permitiu identificar informantes como Adolfina Casás Rama (1912-2009), Rosa Casás Rama (1913-2005), tía e sobriña naturais da Vila da Igrexa, lugar da parroquia de Cerceda. Tamén a principios dos 80 Milladoiro subía aos escenarios a Eva Castiñeira quen, canda a súa sobriña, foi a primeira pandeireteira en actuar cun grupo folk. Antes, dende os primeiros 70, actuarían en palcos folclóricos as Pandeireteiras de Mens. A historia destas cinco mulleres foi recuperada na presente década nun libro de Beatriz Busto Miramontes editado pola Central Folque, selo que editou tamén outro volume sobre Adolfina e Rosa Casás Rama escrito por Richi Casás.
Estas e moitas outras iniciativas de persoas que foron recollendo individualmente os cancioneiros populares por todo o país contribuíron a visibilizar a enorme riqueza dunha expresión artística colectiva deostada durante séculos e ameazada polo proceso de urbanización do país. Así e todo, fronte ao que aconteceu noutros territorios, o cancioneiro popular conseguiu chegar cheo de vida ao século XXI, e deixou unha fonda pegada na alta cultura, empezando polos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. A RAG fai agora xustiza con este legado e as súas autoras dedicándolles a gran festa da cultura galega no que será o segundo 17 de maio colectivo, vinte e sete anos despois das Letras Galegas de 1998, centradas nos trobadores da ría de Vigo Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax. (…)”