Llerena Perozo Porteiro: “O fin primeiro cando me sentei a escribir era colocar na nosa historia de ficción e afectiva as historias das ninguén”

Entrevista de Ana G. Liste a Llerena Perozo Porteiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Como se organizou para escribir esta novela?
– Llerena Perozo Porteiro (LP): Eu son a raíña das listas cando traballo nunha produción ou cando fago unha maleta, pero cando escribo sei onde empeza e onde acaba a historia e teño unha idea básica do que quero contar, mais realmente non sei o que vou escribir ata que comezo: voume documentando sobre a marcha e moitas veces atopo información que me inspira outras historias. Concretamente nesta novela o maior atranco que tiven foi que tiña pensado meter en atrancos gordos a esta muller e non me preguntes por que, en cada sarillo que a metía saía vitoriosa. Estiven como dous meses sen escribir, estaba enfadadísima con ela porque non conseguía avanzar. Non conseguía o conflito e desatasqueime nunha viaxe a Arxentina, que non tivo nada que ver co libro, pero volver estar alí inspiroume e á volta puiden seguir escribindo.
É como se a novela estivese escrita nunha parte do subconsciente da túa cabeza e ao escribir só estiveses ‘vomitando’ o que xa existe. Eu métome a escribir e ten que vir o meu compañeiro a dicirme que ese día non comín ou que xa é a unha da mañá, porque me meto aí e esquézome do exterior.
– P: E como logra compaxinar iso cos outros traballos que fai?
– LP: A razón pola que puiden empezar escribir agora, case no medio século, foi porque fixen un cambio de vida moi drástico con isto de virme a vivir ao campo. Cambiei todos os ritmos urbanos, traballo moito pero teño a enorme vantaxe de que podo decidir que fago, que non e cando. Vivo con moi pouquiño e estou moi contenta con esta vida, e teño un compañeiro que me fai un mecenado de tempo porque cando me poño a escribir el se ocupa de todo. Agora teño este privilexio tan grande, que é ter control sobre o meu tempo.
– P: Isto tamén o leva á ficción, pois a protagonista decide planificar o seu tempo unha vez que pode e escolle como pasar o último treito da súa vida.
– LP: Claro, é que normalmente estas vidas tan intensas esgotan. Eu tiven moita relación con persoas de idade polos meus avós e a xente que os rodeaba, e isto é algo que neles non vía tanto porque viñan doutro tempo, pero que agora estou vendo na xeración dos meus pais. Hai máis demanda de parar e, á vez, unha vez que o fan quedan como descolocados, non saben como xestionalo porque parar non significa estarse quieto: significaría dedicar o tempo a aquelas cousas que degoiraches. Sempre me pregunto se había que esperar ata os 65 anos (ou 67) para iso.
– P: Ademais do feminismo, dálle á protagonista unha gran conciencia de clase. Dise na novela que “as verdadeiras revolucións fanse no monte e na rúa, non nos bares nin nas bibliotecas”.
– LP: Esa frase dixéronma a min porque no personaxe de Irene, co que está a falar María [a protagonista], está a miña filla-non-filla pero tamén estou eu e todos aqueles movementos políticos dos anos noventa: a insubmisión, os primeiros feminismos estudantís, os comités de facultade, as okupas, os centros sociais autoxestionados e moita política de bar, de ska e de rock and roll. Visto co tempo, e aínda que no momento aquela frase sentárame fatal, que razón tiña quen mo dixo. O cantante cubano Fran Delgado ten unha canción sobre iso, La guerrillera frustrada, que a escribiu cando estivo na Compostela dos noventa.
De cando en vez convén situar o relato e narrar a historia desde a nosa perspectiva, non sempre desde a dos vencedores, pero tamén resituarnos. Agora, nesta sociedade do ‘benestar’, temos un perfil que nos fai perder moito a perspectiva e ser moito máis manipulables. Por iso tamén me apetecía que María reflexionase sobre todo iso, e aproveito para deixar constancia de que non estou de acordo con ela en todo o que fai e que hai momentos nos que incluso me resulta tremendamente antipática. (…)”

Iria Collazo: “Escribín un libro trala morte do meu avó nunha residencia para lembrar a toda esa xeración”

Entrevista a Iria Collazo na Movida:
“(…) – Movida (M): Cando decidiches que querías escribir sobre os teus avós?
– Iria Collazo (IC): Cando meu avó comezou cos primeiros síntomas da demencia con corpos de Lewi, eu empecei a escribir algúns fragmentos, que simplemente eran liñas soltas. Non pretendía con elas artellar un texto máis grande; quería que servisen nada máis como notas ou recordatorios. Pouco a pouco ás memorias sobre el fóronse sumando outras sobre miña avoa e o resto da familia. Á fin e ao cabo, falar dos avós é falar dunha comunidade. Cando finalmente ingresou na residencia DOMUS VI de Monforte e observei de primeira man a degradación do seu corpo e da súa mente naquel lugar en menos dun mes, e despois de asistir con impotencia á súa morte tras unha chea de despropósitos e falta de atención e coidados, souben que o seguinte paso, despois de interpoñer as queixas e denuncias debidas, era crear un texto que o recordase, a el, a miña avoa e a toda esa xeración que axudou a conformar a miña existencia.
– M: Os mortos que amei é unha visión moi fermosa e necesaria sobre a vellez. De feito ti falas sobre uns anciáns, Antón e Celeste, que desexan vivir de forma activa, que non queren ser relegados. De onde naceu esta visión?
– IC: Supoño que provén da miña propia experiencia cos avós. Nunca os vin como seres desfasados da realidade ou ancorados nun tempo pasado. De feito, en moitas ocasións sorprendíame a súa modernidade e a relación vital e alegre que mantiñan con nós, seus netos, pero tamén con amigos e co resto da familia. Coido que boa parte desa percepción provén do humor, e é que tiven a sorte de ter uns avós irreverentes e gamberros. Estou convencida que, de seren máis novos e viviren noutras latitudes, os meus avós serían punkies.
– M: Tamén están aquí os sentimentos das persoas que aman esas persoas maiores, eses avós que os coidan moitas veces e que despois se fan maiores e morren. É esta unha forma, quizais, de non esquecer, ou de facer por lembrar?
– IC: Si, escribir as notas para Os mortos que amei en moitas ocasións foi un intento desesperado de absorber a esencia daquelas persoas e daqueles anos. É obvio que foron tan importantes que serían inesquecibles, pero o que tiña medo a perder eran os pequenos detalles, as expresións, algunhas palabras, certas historias que nos contaron e que pertenceron a outras persoas e que por nada do mundo quería deixar que desaparecesen.
– M: Esta é a túa primeira incursión na narrativa para adultos, despois de libros para o público xuvenil. Cres que hai diferenzas na forma de abordar os proxectos dependendo do público ou non pensas niso a priori?
– IC: Os dous primeiros libros, Coma unha áncora e A soidade das medusas, tiveron moito éxito entre o público adulto, quizais máis ca entre o xuvenil, pese a estaren os dous inseridos na colección Costa Oeste, de Galaxia. Penso que incluso na editorial houbo dúbidas á hora de encadrar estes dous libros nunha colección ou noutra. Creo que fago moi mal, pero cando escribo, non penso nunca no público. Escribo para min, que ao final son a crítica máis feroz dos meus textos. (…)”

A Coruña: Congreso de Narrativas 2024


O Congreso de Narrativas, actividade da AELG que conta co apoio da Deputación da Coruña, CEDRO e o Centro Ágora, é un encontro cuxa finalidade é a de dotármonos dun espazo de reflexión sobre a situación do sistema literario no que estean presentes aqueles temas que preocupen ás escritoras e escritores.

Terá lugar o vindeiro 14 de decembro na Aula 9 do Centro Ágora da Coruña (Avenida Gramela). A asistencia é libre e gratuíta. As persoas interesadas deberán anotarse até o mércores, cuarta feira, 11 de decembro, no correo electrónico: oficina@aelg.org

Agardamos poder contar coa túa participación, para así determinarmos da forma máis plural posíbel as conclusións que nos permitan establecer as liñas de traballo a seguir nos vindeiros anos. Este é o programa previsto:

Sábado 14 de decembro

Presentación 10.15h 

Mesa 1 10.30h-12.00h
Outras narrativas: historias e relatos na rede, na prensa e no audiovisual
Relatoras/es: María Yáñez, Ismael Ramos e Álvaro Gago
Modera: Berta Dávila

Pausa café 12.00h-12.30h

Mesa 2 12.30h-14.00h
Moito conto: contar o mundo que soñamos
Relatoras/es: Lara Dopazo, Xabier Paz, Xurxo Borrazás e Santiago Jaureguizar
Modera: Xavier Queipo

Mesa 3 16.30h-18.00h
O mundo na palma dunha man
Relatoras: Marica Campo, Érica Esmorís e Fina Casalderrey
Modera: Beatriz Maceda

Pausa café 18.00h-18.30h

Mesa 4 18.30h-20.00h
A narrativa galega máis nova: temas, enfoques e perspectivas
Relatoras/es: Sica Romero, Fabio Rivas e Alba Guzmán
Modera: Xosé Monteagudo

Peche musical 20.00h
A Lingua do Eléctrico
Lois Pérez

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.