Betanzos: presentación de O día que detivemos o tempo, de José Domingo Vales Vía

O 6 de outubro, ás 20:00 horas, no Edificio Liceo de Betanzos (Aula da Cultura Xulio Cuns – Praza de Galicia, 1), preséntase o libro O día que detivemos o tempo, de José Domingo Vales Vía, publicado por Fervenza. O autor estará acompañado por María Teresa Amado Rodríguez e Lauro Xosé Pedreira Ares.

Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria Mulleres na literatura do cotián, con Eli Ríos, en Compostela

A Escola de Escritoras-es da AELG organiza o Obradoiro de creación literaria Mulleres na literatura do cotián, con Eli Ríos, en Compostela, unha iniciativa que conta co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

Desde unha perspectiva feminista, o obradoiro busca afondar na literatura do cotián, nos relatos protagonizados por mulleres “do común”. Irá á procura de historias do día a día, na realización de textos baseados en experiencias propias ou protagonizados por mulleres “reais” afastadas tanto das heroínas como das damas en apuros que coparon a literatura durante séculos. A creación será usada como terapia, como arma de empoderamento e sororidade, que nos convenza de que cada vida é unha historia única que merece a pena vivir e contar devagar.

A cargo de Eli Ríos e cunha sesión especial de Manuel Gago.
– Terá 8 sesións de tres horas cada unha.
– Hai 13 prazas dispoñíbeis, para persoas maiores de 18 anos.
– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, farase en oficina@aelg.org
– O obradoiro desenvolverase na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega (Rúa das Casas Reais, 8), en Santiago de Compostela.

Calendario
– Días: sábados 2, 9, 16, 23 e 30 de outubro; e 6, 13 e 20 de novembro de 2021
– Horarios: de 10:30 a 13:30 h.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

“10 anos, 10 autores, 10 libros | Santiago Lopo”

Desde a Cidade da Cultura:
“Este venres 1 de outubro o ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros da Biblioteca de Galicia continúa co escritor, tradutor e profesor Santiago Lopo, que falará dunha das grandes obras da nosa literatura, Merlín e familia. Lopo estará acompañado polo investigador, profesor e crítico literario Armando Requeixo, un dos máis grandes coñecedores, non só de Cunqueiro senón da literatura mindoniense.
O clásico de Álvaro Cunqueiro, publicado por primeira vez en 1955 pola editorial Galaxia baixo o título de Merlín e familia i outras historias, será o libro que artelle a conversa entre os nosos dous convidados. De seguro nos permitirá achegarnos a aspectos pouco coñecidos dunha obra que popularizou o ciclo artúrico nunha xeración de lectoras e lectores que descubrían por primeira vez o galego nas páxinas dun libro.
Como vén sendo habitual, a sesión de 10+10+10 arrancará no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia ás 19.00 horas, e a asistencia é de balde previa inscrición. Tamén se poderá seguir na nosa canle de YouTube.

Rafael Catoira: “Vivimos en realidade tres vidas”

Entrevista en Rafael Catoira en Radiofusión:
““Vivimos en realidade tres vidas: a real, a que soñamos polas noites e a que soñamos polo día”, manifesta o escritor Rafael Catoira. Prepara na actualidade a publicación da novela O peso da memoria, un libro que, tematicamente, non ten nada que ver coa súa obra anterior.
“Unha casa patrucial. A decadencia dunha familia. Un ser illado coa súa imaxinación, soña ou vive? O protagonista desta novela está na liña que divide a vida e o soño. Os soños nos que habitan a ledicia de vivir e os pesadelos nos que os monstros aparecen”. Podería ser ese o resumo da novela O escultor, escrita por Rafael Catoira e publicada por Medulia editorial. Rafael Catoira naceu na aldea de Laxe, en Culleredo. Traballou na construción, primeiro como obreiro e despois como empresario. Actualmente xubilado, dedícase ás súas afeccións, a lectura e a escritura. Gañou o segundo premio de poesía do certame literario de Vilalba. Tamén o primeiro accésit de poesía e o primeiro accésit de narrativa no Certame Literario de Paradela.”

A entrevista pode escoitarse aquí.

Tabela dos libros. Setembro de 2021

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Tras as vacacións e xa ás portas do outono, o equipo crítico da Tabela dos Libros (Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu) comeza o curso escolmando os títulos máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. E velaí.”

Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria Da verba á imaxe, con Miguel Anxo Fernández, no Carballiño

O Obradoiro de creación literaria Da verba á imaxe, da Escola de Escritoræs, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello do Carballiño e o patrocinio da Xunta de Galicia.

Máis alá das afinidades entre a escrita e o audiovisual, as palabras son ferramenta esencial para evocar un imaxinario. A materia seminal da escrita son as verbas, como os planos na materia audiovisual. E as afinidades amplíanse no proceso creativo, do parágrafo á escena, do capítulo á secuencia, da novela ao filme. Máis alá desa brincadeira, a ficción levada a imaxes pasa antes pola peneira dun guión, dunha harmoniosa mestura. A futura trama xermina entre unha fervenza de palabras que van collendo forma para culminar nunha pantalla ao servizo dun imaxinario colectivo, co/a lector/a mudando a espectador/a.

– A cargo de Miguel Anxo Fernández e cunha sesión especial de Ángel de la Cruz.
– Terá 5 sesións de catro horas cada unha.
– Hai 20 prazas dispoñíbeis, para persoas maiores de 18 anos.
– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, farase en oficina@aelg.org
– O obradoiro desenvolverase no Auditorio do Carballiño (Avenida do Balneario, 28).

Calendario
– Días: sábados 18 de setembro; 9 e 16 de outubro; e 6 e 20 de novembro.
– Horarios: de 10:00 a 14:00 h.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.