Entrevista de Xoán Costa a Marga do Val en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Cousas nace moi ligada á prensa …
– Marga do Val (MV): As narracións breves e as súas correspondentes ilustracións, unha non vai sen a outra, que configuran o libro de Cousas, chegaron ao público a través da prensa, foron publicadas en xornais como A Nosa Terra, Galicia ou El Pueblo Gallego e en revistas como Nós e Céltiga. A prensa tiña e ten un labor fundamental en achegar arte, neste caso literatura e ilustración ao público en xeral, que a arte entre nas casas, nos lugares de reunión e que sexa materia de conversa. Contribúe a prensa a normalizar unha lingua e a visibilizar a literatura.
– ND: … e agora fai parte dun coleccionábel sobre libros galegos do único xornal en galego que existe na Galiza…
– MV: Considero unha feliz idea que Nós Diario, dalgunha maneira, recolla ese testemuño.
– ND: Que é, que son, as Cousas?
– MV: É un libro singular na literatura galega, excepcional. O seu propio autor compila eses textos que foi publicando na prensa, cos que crea un xénero literario propio dentro da narrativa, que se caracteriza pola simbiose entre a narracióm e a ilustración, pola brevidade e pola linguaxe clara, que foxe da artificialidade formal. O ilustrador e o escritor que conviven en Castelao, traballan xuntos: pinta con palabras o que a imaxe conta. Son breves relatos e todos, todos emocionantes.
– ND: Que supón Cousas no sistema literario galego?
– MV: Cousas significa un paso adiante na narrativa galega, nese proceso de renovación que iniciaron os autores de Nós. Cousas é un pano que nos mostra a sociedade galega de inicios do século XX, ese mundo de cambios sociais coa desaparición da fidalguía e onde as clases populares son fundamentalmente as protagonistas. Esa voz, pensamento, esa forma de entender o mundo e actuar das personaxes é a cerna da obra. Cousas mostra a dignidade do pobo galego, neste sentido, como en Cantares gallegos de Rosalía de Castro, é a voz dese pobo a cerna da obra.
– ND: Como convencería alguén para ler, ou reler, as Cousas?
– MV: Sen dúbida a beleza das historias, a emoción que se transmite en cada “Cousa”, desde o lirismo da nena á que chaman a Marquesiña, desde a memoria do pobo que vai gardando a Siña Sinforosa até os anceios e as arelas de ser nais de dona Micaela ou de dona Florinda. Sen dúbida a actualidade da mensaxe que podemos atopar na “cousa” que fala do pai de Migueliño, hai moitos Migueliños e moitos pais coma ese nestes tempos; tamén hai moitos Panchitos que chegan a este país e constrúen aquí a súa identidade, a de ser galegos… Cousas tan actuais que nos lembran que na paisaxe sempre hai algo máis. Cousas é un libro co que está ben crecer, como con Cantares Gallegos ou Follas novas, unha obra en que cada lectura é unha nova lectura, unha nova descuberta. Unha obra que, insisto, emociona. Escrita tamén para que as persoas aprendan a emocionarse.”
Arquivo da categoría: Narrativa
Ourense: actividades destacadas do 5 de xuño na Feira do Libro 2021
O 5 de xuño finaliza a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 12:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
– 18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicada por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicada por Belagua.
– 18:00 h. Manuel Fontemoura asina A nena do vestido de flores, publicado por Aira.
– 19:00 h. María Reimóndez asina Cobiza e Bárbaras!, publicadas por Xerais.
– 19:00 h. Miguel Robledo asina Unha noite no tren da Vía Láctea, publicado por Aira.
– 20:00 h. Jamas asina Diario dun pirata confinado, publicado por Urutau.
– 21:00 h. Noa Moreira asina Meteoro imantado, publicado por Urutau.
– 21:00 h. Ramón Area asina Camiño negro, publicado por Positivas.
Conferencia 200 anos con Marcial Valladares (1821-1903), de Xosé Antonio Fernández Salgado
Ourense: actividades destacadas do 4 de xuño na Feira do Libro 2021
O 4 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. David Navarro asina O soño de Liam, publicado por Excellence Editorial.
– 19:00 h. Arancha Nogueira asina A mestra corremundos, publicada por Cuarto de inverno, e #hashtags para un espazo / confinamento agónico, publicada por Positivas.
– 20:00 h. Antonio Tizón asina Os incurábeis, publicado por Xerais.
– 21:00 h. Jorge Emilio Bóveda asina O libro cero, publicado por Galaxia.
Melide: presentación de Pangalaica e O retorno dos homes mariños, de Xurxo Souto
Premios Xerais 2020 1 vídeo completo
Olivia Rodríguez: “O porco de pé é a primeira novela urbana galega moderna”
Entrevista de Xoán Costa a Olivia Rodríguez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que é O porco de pé?
– Olivia Rodríguez (OR): É a primeira novela urbana galega moderna e a primeira en recoller as técnicas narrativas que se estaban a ensaiar en Europa e América desde a Fin de Século ata os anos 20. Forma parte do plan literario consensuado no seo do grupo Nós: unha narrativa histórica, obra de Otero Pedrayo; e unha narrativa testemuñal da contemporaneidade, obra de Risco e tamén -coa orixinal mestura artística das Cousas-, de Castelao. Tras o calote da anunciada mancomunidade galega e coa prohibición de toda actividade política, Risco animaba o primeiro día do ano 1928 a Antón Losada a non renunciaren os irmandiños a escribir: “Compre que teñamos pol-o menos unha aitividade literaria: non deixar por dicir nada do que se deba decir, e é moito”.
Risco elixe un enfoque humorístico na liña da caricatura grotesca. Este código de lectura da novela, na que non se mencionan en momento ningún os termos caciquismo nin ditadura-, obedece á necesidade, dada a censura gobernamental, de reflectir oblicuamente un espazo, un tempo e uns personaxes-tipo tomados da realidade galega.
– ND: É un texto vangardista?
– OR: Totalmente e conscientemente vangardista. Risco é o introdutor das correntes de vangarda a través de traducións de literatura estranxeira e mediante artigos-ensaio que el xa publicaba en La Centuria (onde apareceu o seu manifesto de cerna simbolista, “Preludio a toda estética futura”, 1917). Continuará, en A Nosa Terra desde 1918 e en Nós, desde 1920 -entre outras tribunas- , dando a coñecer o que se estaba a facer fóra para incorporalo á nova arte e á nova literatura galega, sen pasar pola alfándega madrileña. As fontes eran maiormente catalás, portuguesas, francesas, centroeuropeas… Mesmo por carta orientou Manoel Antonio, que hoxe representa o cumio dunha vangarda galega e universal.
– ND: Cal é a pervivencia deste texto na actualidade?
– OR: Polo contido da historia, está viva desafortunadamente, pois experimentamos como se encetaron, cos caracteres propios do noso mundo cen anos posterior, algunhas das eivas denunciadas na novela: unha separación cada vez maior entre as castes sociais, un comportamento das elites que as afasta a pasos axigantados do ben común, perda do prestixio da cultura, colonización, barbarie, etc. En fin, sen poñernos pesimistas, é aquí onde ten hoxe sentido positivo a mensaxe da novela, porque é unha chamada á capacidade de sumarmos individualidades conscientes para enfrontarmos colectivamente a todos estes retos.
Pola forma, a novela está viva como modelo de literatura satírica de denuncia e resistencia: unha literatura para rir por non chorarmos, que facilita o coñecemento da realidade, establecendo entre o mundo que representa e nós a distancia emocional necesaria. Risco soubo facelo e ata el mesmo se caricaturizou en O porco de pé creando a figura, un chisco o seu alter ego, do doutor Alveiros, teósofo lanzado á política nacionalista que sucumbe esmagado baixo o símbolo do superporco.”



