Cultura incorpora tres novos autores ao Portico of Galician Literature

Desde a Xunta de Galicia:
“A Consellería de Cultura e Educación engade tres novos autores galegos ao Portico of Galician Literature, o portal web en inglés, que ten como obxectivo principal dar a coñecer no exterior os escritores e as escritoras da literatura galega, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica.
A novela de Xurxo Borrazás Criminal (Vicious), Premio da Crítica Española e Premio San Clemente; unha compilación de relatos de Camilo Gonsar (Collected Stories 1961-1995) e a obra de Begoña Caamaño Morgana en Esmelle (Morgana in Esmelle) son as máis recentes incorporacións a este portal promovido pola Secretaría Xeral de Cultura que pretende impulsar a difusión da literatura e das escritoras e dos escritores galegos no mercado anglófono. Na web atópase a tradución de 40 páxinas dunha das obras de referencia de cada autor ou autora, xunto coa sinopse do libro e un texto biográfico. Con estes tres, son xa 33 os que se atopan a disposición do público. Antes de finais de ano incorporaranse tamén Xosé Cid Cabido e Xosé Monteagudo. (…)”

Entrega do diploma da «Lista de Honra do IBBY 2018» a Lendo lendas, digo versos, de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa

Desde Xerais:
“O libro Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, con ilustracións de Xosé Cobas, recibiu o diploma que acredita a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY no ano 2018. O acto de entrega tivo lugar no marco do 36º Congreso Mundial do IBBY, celebrado en Atenas do 30 de agosto ao 1 de setembro pasados.
Cada dous anos publícase en inglés o catálogo da Lista de Honra do IBBY, que inclúe libros de todo o mundo que se consideran sobresaíntes pola calidade dos textos, ilustracións ou traducións. Esta selección de títulos pretende dar a coñecer os libros que mellor representan a literatura actual de cada un dos países que forman parte do IBBY e recomenda a publicación noutras linguas das obras eixidas.
Os libros seleccionados formarán parte dunhas exposicións itinerantes que viaxarán ao Xapón, Rusia, os EE.UU., e á Feira do Libro Infantil Boloña 2019, para logo pasar a formar parte dos depósitos da Internationale Jugendbibliothek de Múnic.”

Uxía Casal: “Unha cousa é dignificar a lingua e outra, a pedantería”

Entrevista a Uxía Casal en Adiante.gal:
“(…) – Adiante (A): Que significa para vostede que esta obra [Saturno tamén é deus] teña tan boa recepción?
– Uxía Casal (UC): Supón a confirmación de que é boa. Desde hai vinte anos para acá leuna moitísima xente e todo o mundo, todo, dicía que era moi boa. Considero que teño un ego bastante pequeno e por riba son perfeccionista, terriblemente esixente respecto do que escribo… creo que efectivamente é boa. Estou notando ese recoñecemento.
– A: Son uns relatos escritos desde a angustia…
– UC: Adoitamos a falar pouco dos sentimentos. Creo que é do que temos que falar porque os sentimentos son o que nos conforma. Falo da angustia vital, si. Eu tiña trinta anos e unha doenza… e padecía doutra aínda sen diagnosticar, pero ambas estaban relacionadas. Para min, escribir era un escape tremendo. E é inevitable que nos relatos aparezan estados de ánimo, e máis cunha imaxinación turbulenta como a miña. (…)
– A: Supoño que tamén aprecia a concisión no que le. Cales son os seus referentes?
– UC: Non me gusta esa palabra: referentes. E que eu son rato de biblioteca e na miña casa sempre houbo libros. Tiña case todo ao alcance da man. Estaba prohibido, iso si, O Decamerón. Pero en canto meus pais saían, alá ía eu… E vaia aburrimento para unha nena de dezaseis anos! Debín ler milleiros de contos. Lin de todo, pero non lía libros de medo até que superei meus propios medos. (…)”

Alberto Ramos: “A simetría das bestas é unha obra sobre a integración ou, en realidade, sobre a falta dela”

Entrevista a Alberto Ramos en Lecturafilia:
“(…) – Lecturafilia (L): A simetría das bestas é o título da túa última novela, como a definirías e que supuxo para ti gañar con ela por segunda vez o Premio Vicente Risco de Creación Literaria?
– Alberto Ramos (AR): En 2012 gañei o Premio Vicente Risco de Creación Literaria con Todos os días. O texto foi editado por unha Sotelo Blanco xa en estertores finais coma quen di, polo que o libro probablemente esmoreceu coa súa vida útil antes do que debería. Decidín presentarme novamente por ter a oportunidade de publicar unha obra premiada cunha editorial como Urco, que está a traballar de forma interesante nos últimos anos. Por outra banda, os premios literarios significan varios meses de alugueiro.
– L: Os protagonistas son dous seres que se atopan nese espazo de imperfección e marxinalidade. Que simbolizan?
– AR: Son dúas persoas con certo grao de bestialidade. Non o digo por fealdade nin por violencia, senón pola súa capacidade de adaptarse ao medio hostil que é a sociedade que nos envolve, onde a imperfección e a asimetría poden levarte ao ámbito de inivisibilidade. Sobre todo no caso de Caridad Verdet, a escritora protagonista, esa é a súa realidade. Ela é a maior das bestas, porque dende o momento en que naceu tivo que adaptarse ao medio para sobrevivir. Para min, esta é unha obra sobre a integración ou, en realidade, sobre a falta dela. (…)
– L: Na túa biografía literaria contas xa cuns cantos premios. Cal cres que é o papel que xogan estes á hora de escribir?
– AR: Os premios literarios serven par acadar unha sorte de difusión, para publicar con maiores garantías e acelerar os procesos de edición. Ademais, como che comentaba, no meu caso garante uns cantos meses de alugueiro.
– L: Estás traballando actualmente nalgún proxecto, literario ou doutra índole, do que nos poidas adiantar algo?
– AR: Normalmente nunca lle digo a ninguén, ou case, cando estou a escribir algo novo ou non. Mesmo o nego, afánome en ocultalo. É unha sorte de comportamento neurótico, pero é a verdade. En calquera caso, pódoche dicir que non estou agora mesmo embarcado na escrita de ningunha obra. Palabra.”

“O mito da integración na vida dunha besta sabotada”

Artigo en La Voz de Galicia sobre A simetría das bestas de Alberto Ramos:
“A enfermidade terminal que lle é diagnosticada a Caridad Verdet é o pano de fondo que dá lugar á reflexión en A simetría das bestas (Urco Editora), a última novela do escritor Alberto Ramos, que presentou na Feira do Libro da Coruña. A obra trata, segundo indica Ramos, «da integración, do trauma e sobre todo de Caridad Verdet, a protagonista, que é a maior das bestas, non por fealdade, senón pola necesidade de adaptarse a un medio hostil para sobrevivir». Esta protagonista é unha persoa que, como explica o escritor, «nace cunha sabotaxe da natureza, que é unha malformación que salta á vista, e chegado o momento da súa vida adulta recibe outra sabotaxe, que é o diagnóstico dunha enfermidade terminal».
Esa doenza que pon a morte na vida desta personaxe é o detonante que utiliza Ramos para «falar de todo o demais», e que fai que Caridad Verdet reflexione sobre «as pantasmas do pasado, sobre o que quedou pendente e non se fixo, xa que ao final non nos damos de conta de falar da vida ata que empezamos a falar da morte, xusto cando vemos que o tempo se acaba e que sempre estivemos na vida». Dentro desas reflexións sobre o pasado hai espazo para o encaixe dunha persoa imperfecta e diferente -neste caso a protagonista- no mundo no que lle tocou vivir. Sobre isto, o escritor indica que Verdet repite moitas veces na novela que «a integración é un mito como o do Minotauro, pero peor contado». O simbolismo tamén ten lugar en A simetría das bestas, xa que cada capítulo está titulado con algo relacionado co mundo animal, dende a medusa ata o rinoceronte, o que ten moito que ver «cos mecanismos de defensa que teñen os animais para adaptarse ao medio hostil», explica o escritor, «que tamén é algo que utilizan os humanos para sobrevivir ao darwinismo social». (…)”

Burela: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 1 e 2 de setembro

O domingo 2 de setembro remata a Feira do Libro de Burela, que estará aberta na Praza da Mariña, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 1
19:00 h. Presentación de Senlleiras, de Antía Yáñez, publicado por Galaxia.
20:30 h. Presentación de Conserveiras de Celeiro, de Carlos Nuevo Cal.
21:00 h. Presentación de Hai mulleres, de Otero Regal.

Domingo 2
20:00 h. Presentación de Crua e Nua, libro de poemas ilustrado de Suevia Figueroa e Otto Treto.