Finou Bento da Cruz, o portugués que narrou a guerrilla antifranquista galega

DesdeBento da Cruz Sermos Galiza:
O lobo guerrilleiro foi o romance que achegou de maneira singular a Bento da Cruz ao panorama literario galego cunha obra coa que gañaría o Premio Diário de Notícias en 1991 e Edicións Xerais publicaría, na normativa galega, dous anos despois, en adaptación de Moncha Fuentes. Na novela, o escritor e médico nado na aldea de Peirezes, Montalegre, construía un relato arredor da figura de André Lobo, fillo de labregos natural do Barroso que se convertería nunha das máis coñecidas obras arredor da guerrilla antifranquista que se moveu nese territorio ás dúas beiras arraianas. Na Raia Seca, lindando co Couto Mixto, o espazo literario de Bento da Cruz era tamén o ámbito de actuación dun movemento guerrilleiro que el tornou motivo da súa escrita.
De grande suceso en Portugal, a obra de Bento da Cruz pasaría tamén a formar parte da literatura creada arredor do golpe do 36 e a posterior represión. A relación de Bento da Cruz coa Galiza tería outro punto de relevo ao gañar en 1999 o Prémio Eixo Atlântico de Narrativa Galega e Portuguesa. De 2005 é a súa obra Guerrilheiros Antifranquistas em Trás-os Montes, na que, entre outros relatos, recolle o tráxico episodio de represión do Cambedo. En 2011, a Asociación Arraianos nomeouno Arraiano Maior, a terceira persoa en acadar o premio despois de Méndez Ferrín e Padre Francisco. (…)”

Andrea Maceiras: “Un premio como o Jules Verne é un pulo importante”

EntrevistaAndrea Maceiras a Andrea Maceiras en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Axudan estes premios a atopar as forzas para seguir escribindo?
– Andrea Maceiras (AM): Sen dúbida. Son unha dinamización do sistema en moitos sentidos diferentes. Unha das cuestións que quizais botemos máis de menos é a difusión e visibilización do noso traballo e, nese sentido, son moi importantes. Non só pola contía económica, que tamén está ben porque o oficio de escritor non sempre é fácil a nivel económico, ou noutro sentido, se non polo recoñecemento do traballo feito.
Tamén poden ser unha grande axuda á hora de publicar libros na actualidade que doutra forma sería máis complicado.
Sen dúbida, os galardóns que teñen como parte do premio a publicación son moi valorados polos escritores, alomenos polos que estamos comezando.
– DP: O director de Xerais, Manuel Bragado, falou da vosa como da ‘Xeración da Esperanza’ que está renovando a literatura galega actual. Que digan iso de un supón unha responsabilidade para continuar facendo as cousas ben?
– AM: Penso que que falen de nós como da ‘Xeración Esperanza’ ten máis que ver con que na literatura e na historia sempre é preciso facer categorizacións. Non o entendo como unha responsabilidade, se non como un feito. Algo está a xurdir e hai unha necesidade de darlle nome a unha xeración nova. É esperable que se busquen nomes e formas de sistematizar as xeracións existentes. Pasa en todos os sistemas literarios, enténdoo como algo natural. Tamén pola miña formación como filóloga quizais para min que se clasifiquen as xeracións é algo normal. (…)
– DP: Ata outubro non teremos a oportunidade de ler Europa Express, cóntenos un pouco sobre a obra.
– AM: A novela comeza cun mozo que chega a unha cidade de Noruega e alí merca unha postal na que descubre que saen el e o seu grupo de amigos que foran fotografados nese lugar dez anos antes. A partir de aí, a historia desenvólvese en torno a varios eixos. Novela de viaxes, de intriga, de amor e con distintas voces e saltos temporais que van conformando un relato que se parece ás pezas dun quebracabezas, que se vai arranxando a medida que avanza a trama. (…)
– DP: Todos os seus libros son para un público xuvenil, considera a opción de escribir para adultos?
– AM: Escribo literatura xuvenil por vocación e non sei o que farei no futuro. Supoño que si, que nalgún momento apetecerame escribir outras cousas, dirixirme a outro público ou explorar outros terreos. Pero, polo de agora, é un xénero que me gusta e me motiva moito porque ese contacto tan directo e máxico cos lectores dubido que exista co público adulto. Pero non descarto dar o salto á literatura doutro tipo, nunca se sabe. (…)”

Carballo: actividades do sábado 22 e domingo 23 na Praza dos Libros

Chega ao finPraza dos Libros Carballo 2015 esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que ten lugar no Xardín Municipal do 20 ao 23 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos para o sábado 22 e domingo 23, destacamos os seguintes:

Sábado 22
18:30 h. Concerto-presentación de A gramola gominola, publicado por Galaxia.
19:45 h. Presentación da novela O soño de Xoán, de Farruco Graña, publicado por Embora.
20:30 h. Presentación do poemario A boca da terra, de Manuel Rivas, publicado en Xerais, e recital de textos do libro. No acto o autor estará acompañado por Manuel Bragado e Patricia Blanco.

Domingo 23
18:30 h. Concerto-presentación de Un conto ao revés, de Chuches Amil, publicado por Galaxia.
19:45 h. Presentación e recital do poemario Atlántica Luz. Poesía mareira 1995-2015, de Modesto Fraga. No acto estará acompañado por Xosé Iglesias.

Foz: actos destacados da Feira do Libro do sábado 22

OFeira do Libro de Foz 2015 sábado 22 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz no seu penúltimo día (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Presentación do libro De paseo con Crunia, de Cristina Corral Meilán, publicado por Embora. Ao finalizar, a autora asinará exemplares da súa obra.
19:30 h. O fotógrafo Ignacio Castro, “Nachok”, asinará exemplares do libro Entrar na casa, con poemas de Eduardo Estévez, publicado por Estaleiro, na caseta da Libraría Bahía.
20:00 h. Presentación de De punta a chicote. Dicionario de expresións mariñeiras e Traca-traco, de Paco Rivas, publicados por Edicións do Cumio. Participan, xunto ao autor, Cándido Meixide e os mariñeiros Ton de Chao e Ricardo “Ridó”.
21:00 h. David Pobra, autor de Liña azul, publicado en Xerais, conversará sobre o detective Palmeira, protagonista da súa obra.

Carballo: actividades do xoves 20 na Praza dos Libros

ChegaPraza dos Libros Carballo 2015 unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 20 ao 23 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos para o xoves 20, destacamos os seguintes:

19:45 h. Presentación de 50 anos de historia do fútbol da Costa (1964-2014), de Xosé María Lema Suárez e Xosé María Rei Lema.
20:30 h. Presentación de Xeixos, libro de relatos de Suso Lista, publicado por Edicións Embora. No acto, o autor estará acompañado por Miguel Toval e Mercedes Queixas.