Arquivo da categoría: Narrativa
Vigo: presentación de A neve interminable, de Agustín Fernández Paz
O xoves 18 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Ledicia Costas e Manuel Bragado.
Compostela: presentación de Delourando os días, de José Lorenzo Tomé
Héctor Cajaraville: Premio Xerais 2015
Andrea Maceiras: Premio Jules Verne 2015
Premios Xerais 2015. Vídeo do dictame e a entrega dos premios en San Simón
Tres novos nomes nos penates literarios
Héctor Cajaraville: “De remate é unha novela pouco convencional, anárquica, na que o lector vai construíndo a historia”
Entrevista de Alberto Ramos a Héctor Cajaraville en Praza:
“Héctor Cajaraville (Santiago, 1975) vén de gañar o XXXII Premio Xerais coa novela De remate. Trátase dun libro pouco convencional, no que se recompilan os artigos de Bieito Sanmarful, xornalista ficticio que durante anos publicou unha columna de opinión no tamén ficticio xornal Loaira. O director desa cabeceira encárgase de escolmar os artigos nun libro no que tamén se recollen fragmentos dun diario persoal, así como outros tipos de textos. O conxunto das pezas conforman un collage a través do cal o lector traza a historia vital e profesional de Bieito Sanmarful. Segundo o xurado, os textos asinados polo xornalista inventado “retratan con humor e moita chispa a Galicia actual, afondando nela con ironía e orixinais xogos de palabras”. Co Premio Xerais, Cajaraville estréase na literatura. Ademais, quedou de finalista do Premio Merlín desta mesma edición co título Quen dá a quenda?
– Praza (P): Primeira novela e leva o Xerais. Foi chegar e encher?
– Héctor Cajaraville (HC): Esa probablemente é a frase que máis escoitei durante o sábado pasado, na propia Illa de San Simón cando se declarou o veredicto do xurado. Saíu alguén coma min, unha persoa totalmente descoñecida para case todos os que estaban alí. Esa era a frase, porque é así. Eu fixen unha novela, que ademais é moi recente, eu escribina de finais do ano pasado a comezos deste ano. E abriu o prazo do Xerais, enviei a novela e case que apurando para presentala ao primeiro certame no que participaba. Fai un par de semanas saíron os finalistas e vexo que estaba entre eles.
– P: E chega a semana horrible da esperar o resultado final…
– HC: Si, foi unha longa semana. Porque eu ademais, nese tempo tamén escribira unha novela máis, que foi tamén de finalista no Premio Merlín. Así que vivín bastante inquietude e, a verdade, tiña bastantes esperanzas, xa que ao chegar a estar entre os finalistas destes premios, pois creas unhas expectativas. E a verdade, é que non podo pedir máis. Dous libros que mando a dous premios e nun gaño e noutro quedo de finalista. (…)”
Antonio Piñeiro: “A Compostela universitaria dos oitenta é un tema ensaístico e narrativo por explorar”
Entrevista de Carme Vidal a Antonio Piñeiro en Sermos Galiza:
“Con A identidade fascinada (Galaxia) o escritor Antonio Piñeiro leva á literatura a Compostela universitaria dos anos oitenta e a fin dun tempo que sitúa na noite na que a explosión na discoteca Clangor puxo fin a unha etapa de entusiasmo. Como unha “novela híbrida” define esta nova obra, que ten elementos da novela, da autobiografía, do ensaio ou da crónica.
– Sermos Galiza (SG): A identidade fascinada responde a un momento biográfico e histórico concreto. O tempo universitario na Compostela dos anos oitenta.
– Antonio Piñeiro (AP): Foi un tempo no que se deu unha renovación da identidade, un sentir novo que resultou por fascinación por un cambio tan repentino. Nunca á cidade e á súa Universidade chegara tanta xente, todos nacidos do boom dos anos cincuenta e da década dos sesenta. Foi unha explosión inmensa na cidade. (…)
– SG: Vostede presentouse e gañou numerosos premios e iniciou a súa carreira na poesía. Que supón este novo libro, que nace sen premio e en narrativa?
– AP: A clave coa que traballo é sempre a exploración, o ensaio continuo. Non teño présa nin degoiro, nin centro o meu esforzo na publicación. No que me sinto cómodo é no traballo diario, na descuberta da frase, na beleza da literatura. Esta obra é parte desa exploración, un ensaio narrativo distinto, onde se entrecruzan ensaio, novela e mesmo lirismo, porque na miña obra o poético está detrás de todo. (…)”
Chantada: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O sábado 13 de xuño, ás 19:00 horas, en Ubuntu Refugallos (Rúa Uxío Novoneyra, 16, baixo) de Chantada, preséntase Océano para terrícolas, unha parolada-concerto para embarcarse nas mil travesías do libro Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais.