Contos Estraños nº 1 (2ª parte)

Artigo Xosé Duncande Xosé Duncan en Lermos.gal:
“(…) – Xosé Duncan (XD): Por que enviaches un relato a Contos Estraños?
– Jorge Emilio Bóveda (JEB): Enviei o relato porque sempre fun obsesivo coa figura de Lovecraft, que coñecía logo de ler biografías, de ler súa literatura e a de moitos epígonos da casa Arkham. Foi un grupo de persoas fascinante e moitos deles con biografías peculiares e agridoces. Sen dúbida o pulp é un concepto que me apaixona igual que o cinema de series B e Z, porque deu saída a verdadeiros artesáns da palabra e auténticos traballadores das letras. De aí que a idea de Contos Estraños fora tan acertada e me seducira. (…)
– XD: Que había, como autor/autora, antes de Contos Estraños?
– JEB: Antes de Contos Estraños houbo nove autoedicións de ensaios, novelas e grupos de relatos ata que Toxosoutos (Davide G. Couso) me publicou A vila das ánimas e A habitación secreta e Urco me publicou o libro de divulgación A xanela escura. (…)
– XD: Que houbo despois?
– JEB: O paso por Contos Estraños deixoume, principalmente, coñecer unha morea de xente creativa e marabillosa da casa Urco/Contos, xurdiron algunhas outras publicacións coa casa e con Enxebrebooks que á súa vez me estimularon con novas ideas para seguir coa miña vocación. Tamén teño especial interese en ser corporativo neste pequeno país tan dado ao minifundismo e cuns habitantes tan dados a ningunearse uns a outros. (…)”

O Carballiño: presentación de Un dente sen cadáver, de Miguel Anxo Fernández

O Miguel Anxo Fernándezxoves 11 de agosto, ás 20:30 horas, na Praza Maior do Carballiño, Miguel Anxo Fernández presenta Un dente sen cadáver, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Paco Fumega, Xosé Prada e Luís González Tosar.

Susana Sánchez Arins: “Se fez isso aos da casa que faria aos de fora”

EntrevistaSusana Sánchez Arins AELG a Susana Sánchez Arins en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): seique é un libro difícil de definir e sen embargo parece que está a resultar un éxito editorial, que che comentan os lectores a respecto do seu interese por unha obra inclasificábel?
– Susana Sánchez Arins (SA): O que chegou a mim nos lançamentos e encontros com leitoras foi a familiaridade da história que conto. Literalmente. Muitos comentários começavam com um “também na minha casa, na minha aldeia…”. Até a frase que o coro repite insistente era pronunciada noutros lugares. Creio que esse é um dos acertos do livro: contar a estória que escondia a minha família e que vem sendo uma estória semelhante a tantas outras que escondem outras casas. E fazê-lo respeitando o estilo oral em que essas estórias foram contadas às agachadas, nos escanos das cozinhas ou na escuridade da invernia. Isso reforçou a sensação de proximidade na leitura.
– SG: En que medida a literatura permite achegarse a unha verdade que na historiografía ten un acceso vedado?
– SA: Inicialmente eu quigem escrever História, assim com maiúscula. Mas encontrei um obstáculo para fazê-lo: a ausência de fontes. A historiografía requer dados verificados e contas bem botadas. As historiadoras não podedes afirmar nada sem um documento que vos garanta. E isto é um problema em contextos como o da repressão franquista, em que as acções paralegais, como os passeios, não constam nenhures e na que os arquivos foram limpados e saqueados e muitos dos documentos mentem mais que qualquer testemunho oral. Sem ir mais longe, o único que aparece documentado sobre o tio Manuel são essas louvanças morais das forças vivas do lugar e os seus nomeamentos como alcalde. Se atendemos à papelada só podemos afirmar que foi um cidadão sem tacha.
Na literatura não estamos coutadas por essas servidões e, mesmo correndo o risco de não ser verídicas, as nossas narrativas podem chegar a ser mais verdadeiras. Todo isto sem entrarmos no debate de se é possível a historiografia fugir à literatura, que eu acredito que não. (…)”

Manuel Rivas: “Atráeme o naufraxio na vida”

EntrevistaManuel Rivas a Manuel Rivas en Coruña Daily News:
“(…) – Coruña Daily News (CDN): Como naceu a túa vocación de escritor?
– Manuel Rivas (MR): Non houbo un momento xerminal e puntual que saíse da casa, caéseme un libro na cabeza e dixese quero ser escritor. Cada vez máis o asocio e sitúo co feito de escoitar. Houbo un intre prehistórico anterior, nesa pescuda arqueolóxica e biográfica sobre a miña vocación, que sería a de escoitar. De feito, se teño que elixir unha imaxe na que me recoñeza é a do neno que está a escoitar. E hai un lugar para esa escoita: a casa do meu avó materno. Era un lugar no que se contaban moitas historias. El mesmo era un extraordinario contador de historias, penso que tivo que ser un bo orador na mocidade. Estiveran a punto de matalo no 1936. Sacárono da casa para matalo, pero salvouse. É unha historia literaria tal e como el a contaba. Tiña, a pesares de ter ideoloxías opostas, unha grande amizade co cura de Tabeaio, que era de ideas carlistas e moi tradicionalistas. Ese mesmo cura chegou a cabalo, cun pistolón na man, e dixo: “Soltade a Manuel”, e levouno con el. Entre outras razóns porque sabía que había dez nenos na casa que quedaron chorando esa noite. A pesares dese episodio dramático, no límite entre a vida e a morte, era unha persoa moi extrovertida. Tanto el como o resto da familia. Era unha casa moi aberta, con xente que enchía a atmosfera como as avelaíñas na noite. E eles mesmos soltaban moita avelaíñas, palabras como avelaíñas. Para min, escoitalas era un feitizo.
– CDN: Comezaches escribindo poesía, que che atraía dela?
– MR: Recordo uns xogos iniciais coa máquina de escribir do meu padriño. Eu tíñalle moito respecto pero el sempre me dicía que escribira. Facía cousas moi breves que eu lles chamaba poemas pero eran un xogo. Imitaba ao que dicía miña nai que eran poemas. Na casa non tiñamos libros, pero ela aprendera poemas de Rosalía de memoria. Para min eran como cancións, como parte do folk popular. Pero realmente, cando tiven conciencia de estar escribindo foi nun exame de matemáticas no instituto de Monelos. Foi o primeiro instituto mixto de Galicia e recordo como viña xente dos colexios privados da Coruña a ver como saiamos xuntos os chicos con las chicas, xa que era a época desa canción de Los Bravos. Como dicía, estaba nun exame de matemáticas. Púxenme a escribir nun caderno como se fose un papel en branco para facer operacións. Non foi algo consciente, simplemente púxenme a facelo. O profesor viu, quedouse alí parado, colleu a folla e levouna. Lembro que estaba escrita en galego. Eu pensei que ía botarme unha bronca. Era un home moi serio, de lentes grosas. Cando volveu díxome: “No está mal, pero es muy triste. Ustedes siempre escriben cosas tristes”. Eu pensei: “De que tribo está a falar?”. Vinme incorporado a algo do que non era consciente. Ese foi o meu comezo. (…)
– CDN: Entón, como é o teu proceso creativo?
– MR: Penso na idea de feitizo, de converterte na chamada popular do corpo aberto. Penso que todos temos esa condición de ser un refuxio de vidas. Somos dalgún xeito unha arca, un peto de ánimas, no sentido de vida. E eu non vexo esa condición como unha especie de renuncia, como se foses absorto por outra vida. Penso que o que hai que conseguir é crear un hábitat. O suceso máis interesante é ese, que sexas capaz de crear un espazo no que os personaxes se sintan ben, que acepten a túa presenza e compaña. Ese personaxe que entrou nese espazo, que antes nin coñecías nin sabías que existía, tes que saber escoitala e darlle a liberdade para poder seguila, ter unha relación de confianza que permita seguir o seu camiño e avanzar no enigma que eses personaxes son. En definitiva, crear un encontro de voces que se axudan. (…)”

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do martes 9

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz martes 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

– 13:00 h. Presentación de As Irmandades da Fala (1916-1931), coordinado por Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, e publicado por Laiovento. No acto participan tamén Henrique Rabuñal e Afonso Ribas.
– 20:00 h. Vicente Araguas asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.
– 20:00 h. Sinatura de exemplares de Caer de cu polo universo, de Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo, publicado por Apiario, na caseta da Libraría Pedreira.
– 21:15 h. Alberte Santos presenta O rebumbio dos vagalumes, publicado por Laiovento. Participa, xunto ao autor, Xesús Ron.

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do sábado 6 e domingo 7

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz domingo 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 6
– 19:00 h. Xosé Duncan asinará exemplares de Negruña, publicado por Urco Editora, na caseta de Berbiriana.
– 20:00 h. Concha Blanco asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.

Domingo 7
– 13:00 h. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, organizada por Nova Galicia Edicións.
– 20:30 h. Presentación de Un dente sen cadáver, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. Intervirán o autor e o editor Carlos Lema.

Terceiro día na Feira do Libro da Coruña, por Manuel Bragado

DesdeMB_Maria_Canosa_Ramon_Nicolas_Mercedes_Queixas_03-08-2016-1024x768 Brétemas, de Manuel Bragado:
“(…) Pechou a xornada a presentación d’ O espello do mundo, a primeira novela de Ramón Nicolás, acto no que participaron as escritoras María Canosa e Mercedes Queixas. Comezou o seu discurso María Canosa sinalando que “presentaba unha novela moi especial, a opera prima dunha figura excepcional”. “O espello do mundo expresa a ollada dun escritor moi observador, que sabe da mirada exacta, sen excesos. Novela moi ben estruturada, narrada dun xeito natural sen gradilocuencia ningunha, ben diseccionada, como o carácter tranquilo e sinxelo de Ramón Nicolás”. “O autor coñece á perfección todo o que se conta nunha novela con pouso, madura, madurada, que dá seguridade ao lector. Os personaxes son consistentes, ben construídos, congruentes na definición”. Rematou María Canosa salientando que estamos diante dun “libro elegante, consistente, unha novela con maiúsculas, unha alfaia que fará ledicia a que se achegue a ela”.
Pola súa banda Mercedes Queixas lembrou que nas páxinas de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro intuíra que había un narrador de ficción, “imaxinaba que algo Ramón Nicolás puidera estar escribindo”. Mercedes expresou a súa convicción de que “O espello do mundo será unha obra que axude a mover marcos no noso sistema literario”. “A novela está definida no propio texto como o intercambio epistolar de dúas personalidades converxentes que a historia se encargou de borrar. Un libro, pois, para superar os territorios d ainvisibilidade, unha superación do oficialmente contado”. “Tras as lecturas da novela viñéronme dúas imaxes que sintetizan: a dun reloxo de area e a dunha bufarda. A do reloxo para expresar o tempo degustado na Idade Media, a idea de esquecer o tempo e introducirnos na rodaxe pausada, un río que discorre sempre con pouso e a sabedoría das palabras escollidas por alguén que coñece o uso do idioma e as historias ben contadas.” “A imaxe da bufarda como punto de luz que traspasa eses muros románicos e trae ao presente unha historia pendente de contar, a da descuberta da ciencia, da educación, da lingua desas mulleres dunha igrexa con poder, con moita responsabilidade, cultas, con vocación de acceso ao coñecemento, posuidoras dunha vontade de proxectos colectivos, de sororidade”. Rematou Mercedes Queixas sinalando que “esta obra pon en altísimo valor un tempo e un espazo, propio e alleo, un xogo entre a ficción e a historia, que demostra que non se pode ser máis universal ca sendo local”.
Rematou as intervención Ramón Nicolás que dedicou as súas palbras a Agustín Fernández Paz. Reflexionou o autor sobre a importancia da lectura: “para escribir cómpre ler moito, escribir é reescribir o que se leu”. Confesou que o atrevemento de ficcionalizar algúns episodios da biografía de Celso Emilio Ferreiro levouno a emprender este proxecto no que asume que “a novela é un xénero híbrido, o xénero das preguntas”. Rematou Nicolás confesando que a novela quixo entrar no período medieval e agromou en Escudeiros, nas Terras de Celanova, na Galicia esquecida”.

Moito público na Feira do Libro da Coruña, por Manuel Bragado

DesdeFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz Brétemas, de Manuel Bragado:
“(…) Na presentación d’ A dúbida, María Reimóndez recoñeceu que o texto nacera con aparentes limitacións formais para axustarse ao xénero da novela por entregas o que a autora viu como un desafío: «A escrita ten que ter a capacidade de subverter os xéneros, a miña intención foi reocupar ese formato para s abordar temas que non son usuais“. “Pretendín ofrecer unha escritura subversiva que contribuíse a crear un discurso e unha concienciación sobre os abusos sexuais.” “Quixen poñer á protagonista, como ao lector, nunha situación con respecto aos abusos sexuais da que probablemente non somos conscientes. A novela pretende axudar a reflexionar sobre o papel que temos ou podemos ter sobre este tema do que non se fala”.
A seguir, Reimóndez xustificou a relevancia do tema dos abusos sexuais do que saen noticias na prensa todos os días: “Un de cada cinco casos do Tribunal Supremo é por abusos sexuais a menores. O 70% dos casos danse no entorno familiar, e nun de cada catro o agresor é o pai biolóxico. Como a maioría das resolucións dos xulgados de familia se orientan á restauración da estrutura familiar máis que a toma de medidas cautelares”. A autora confesou que no proceso de documentación da novela contactou con traballadores sociais e recolleu información, “intentando transformar o que foi un proceso de ira nalgo que funcione literariamente”. (…)
Na presentación d’ O beato, Alfredo Conde expresou a súa satisfacción por esta novela na que pretendeu facer un retrato de ficción do beato Sebastián Aparicio da Gudiña fuxindo das haxiografías das historias de santos. “Imaxinei un personaxe no que todo o relato histórico está documentado e no que introducín algúns acontecementos propios da vida dun ser humano normal”. Recomendou Conde “ler máis novela ca historia, xa que así podemos achegarnos máis o que foi realidade”.”