Arquivo da categoría: Narrativa
María Solar: “Interesábame moito afondar nas parellas nas que existe o control e a posesión e iso se disfraza de amor absoluto”
Entrevista
de Montse Dopico a María Solar en Praza:
“(…) – Praza (P): Manuel, o neno protagonista [de O meu pesadelo favorito], recibe visitas dunha Alicia que vén do Mundo da Febre. En que se parece esta Alicia á do País das Marabillas? Por que optaches por falar do mundo dos soños?
– María Solar (MS): A miña Alicia, aínda sendo unha chiscadela evidente e unha admirada homenaxe a Lewis Carroll, é absolutamente antagónica á orixinal, no sentido de que a miña non é unha nena ben, esta é unha pequena que vive nun lugar onde os nenos coma ela traballan desde moi cativos, que non ten nai, e utiliza os soños de Manuel para coidar del porque o ve triste e enfermo. O de utilizar un mundo de soños en O meu pesadelo favorito foi porque me permitía liberar da forma máis atrevida a imaxinación e crear seres e personaxes fascinantes como o vendedor de olores de recordos e recordos de olores, dinorrinco, hipodrilo ou a repartidora de bicos. E ademais era óptimo para contrapoñelo ao plano da realidade, que é unha realidade absurda, que ás veces tamén asemella un soño. (…)
– P: En As meigas de Lupa había algo de Historia (o castrexo…). Como hai en As horas roubadas (o tempo da transición). Escolliches esas épocas históricas por algún motivo particular?
– MS: Escollinas por apaixonantes e singulares. Cada vez que visitei un castro sentinme abraiada polo xeito de vir desa xente e a dureza que tiña, non podía evitar pensar no tremendo que debía de ser. Pareceume que había que trasladalo a un libro. E no caso de As horas roubadas, está ambientado en 1979, porque é un tempo perfecto de transición no social, no político, no cultural, mesmo na TV que é case un personaxe do libro e en 1979 mudaba do branco e negro á cor, pero só se tiñas cartos para mercar unha televisor novo podías ver en cores. E esa transición estana a vivir tamén cada personaxe da novela nas súas vidas. Transicións persoais, no amor, diferentes, pero que precisan de valor para afrontalas. Era unha época perfecta para ambientalo, e para lembrarnos como eramos non hai tanto tempo. Nalgúns eidos como o da muller dá para pensar moito no que se alcanzou e no que segue lastrándonos. (…)
– P: Un dos temas do libro é o maltrato. Unha muller anulada polo seu marido e, en xeral, pola súa familia, que aproveita a situación porque, ata que comeza a espertar, resúltalle cómoda. En contraste, hai outra familia (doutra clase social) cunha concepción das relacións de xénero, do amor ou do matrimonio, moito máis modernas. Aínda que ambas poderían ser familias actuais. A idea é retratar un momento de cambio social, no que se poderían atopar os dous exemplos, pero sobre todo o primeiro?
– MS: A finais dos setenta eses dous tipos de mulleres convivían moi claramente. Mentres que unha era unha muller emancipada e de ideas claras entorno á súa liberdade, a outra estaba alienada por unha situación social na que vivir sen voz era habitual, igual que o era ser a escrava de todos na casa, ou ser considerada dependente e inmatura como persoa. Ela mesma confundira o control e a posesión da súa parella co amor. Ese perfil de parella segue a existir hoxe. Interesábame moito afondar neses personaxes, nas parellas nas que existe o control e a posesión e iso se disfraza de amor absoluto. (…)”
Compostela: presentación de O anxo negro, de Manuel Gago
O
xoves 26 de maio, ás 20:00 horas, na Igrexa da Compañía (Praza de Mazarelos, s/nº), en Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro O anxo negro, de Manuel Gago, publicado en Xerais.
A Estrada e Rois: presentacións de A teoría dos contrarios, de Pere Tobaruela
Compostela: presentación de A Voz dos Mundos
A
cuarta feira 25 de maio, ás 20:00 horas, na Livraria Ciranda (Rúa Travesa, 7, baixo), de Santiago de Compostela, terá lugar o lanzamento da colectánea de contos de ficción científica A Voz dos Mundos, publicada por Através Editora. No acto participan os catro autores galegos participantes na obra: Séchu Sende, Ramón Caride, Ângelo Brea e Valentim Fagim.
San Sadurniño: presentación de Amor é unha palabra coma outra calquera, de Francisco Castro
Andrea Maceiras: “As institucións deberían implicarse máis co galego”
O Temple, Cambre: encontro coa escritora Andrea Maceiras
Vila Nova de Gaia: conferencia O crânio de Castelao e outras incursões galegas de Miguel Miranda, por Carlos Quiroga
O
sábado 21 de maio, ás 15:30 horas, na Casa-Museu Teixeira Lopes (Rúa Teixeira Lopes, 32), de Vila Nova de Gaia (Portugal), Carlos Quiroga pronunciará a conferencia O crânio de Castelão e outras incursões galegas de Miguel Miranda. Posteriormente haberá outra conferencia de Pierre-Michel Pranville, co título Um dos mais expressivos representantes do romance policial português – Miguel Miranda, participando como moderadora Isabel Rio Novo.
Xosé Duncan: “Quen lea Negruña identificará comportamentos dos nosos políticos”
Entrevista
a Xosé Duncan en Coruña Daily News:
“(…) – Coruña Daily News (CDN): Como describirías a túa novela [Negruña]?
– Xosé Duncan (XD): Tomás González Ahola, un dos editores de Urco, describiuna como postapocalíptica, e non lle falta razón. Mais eu penso que Negruña é a narración do Apocalipse en tempo real. Sitúanos nunha Coruña alternativa no futuro, que a mete de cheo no xénero das distopías, nun momento no que o mundo está a colapsar por mor da incapacidade humana de frear a súa cobiza, malia que iso implique destruír o planeta no que vive. Asistimos, tamén, a un circo patético formado por políticos e empresarios que, para variar, non fan outra cousa que aproveitarse da miseria e da decadencia da cidadanía para acadar máis poder ou, cando menos, manter o que teñen.
– CDN: É entón un agoiro do noso propio futuro?
– XD: Estou convencido de que si. Como dicía antes, é un futuro levado ao extremo, ou iso espero, e con personaxes moi dramatizadas e caricaturizadas. Porén, quen lea a novela identificará sen problema certos comportamentos dos nosos políticos e mandatarios. A min mesmo pasoume mentres a escribía. Nalgún que outro capítulo, mentres pensaba que excentricidade se lle podía pasar pola cabeza ao alcalde negruñés, aparecían titulares reais nos xornais que superaban as miñas ideas máis disparatadas. (…)
– CDN: Falando de ciencia ficción, estase a producir un rexurdimento do xénero en Galicia?
– XD: Gostaríame crer que si. O certo é que unha editorial como Urco, que apostase directamente polo xénero fantástico, era moi necesaria. Aínda lembro a Feira do Libro de Lalín de hai tres anos. Na caseta había numerosos volumes traducidos ao galego de Poe, Lovecraft ou Jack London, e algún que outro exemplar de autores galegos, que co tempo se convertiría na liña Alcaián. Este ano, na Feira do Libro de Compostela, tiven a inmensa sorte de compartir espazo con Ramón Caride, Antonio M. Fraga, Cris Pavón, Fernando M. Cimadevila, Tomás González Ahola, Roberto A. Rodrigues, Andrea Barreira Freije ou María Alonso, entre outros. Todos eles, autores con varios volumes publicados dentro desa liña editorial e cunha gran calidade. Podemos presumir non só dun rexurdimento, senón que, ademais, contamos cunha plataforma que dá saída ao xénero.
– CDN: Tamén es un dos membros da web Lermos. Desde a dobre perspectiva de escritor e editor, cara onde vai a literatura galega?
– XD: Eu son pesimista por definición. Temos por diante unha guerra moi dura e non teño fe en que vaiamos gañar. Hai demasiados factores implicados: autores, editoriais, librarías, federacións, concellos ou deputacións. Cada un coas súas propias teimas e eivas. As crises caracterízanse por separaren as diferentes faccións, por forzar a que cada unha loite para sobrevivir. Por iso interesan tanto as crises. Só se conseguirmos organizarnos e funcionar conxuntamente lograremos construír a maquinaria precisa para que, primeiro, o galego non desapareza da narrativa xeneralizada e normalizada, e, segundo, gañar lectores.”




