Arquivo da categoría: Narrativa
A Coruña: presentación de Amor é unha palabra coma outra calquera, de Francisco Castro
Gondomar: acto conmemorativo do pasamento de Victoriano Taibo, presentación da obra inédita Contos Pequenos
O
venres 18 de marzo, ás 20:30 horas, na Aula Ponte das Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, o Instituto de Estudos Miñoranos organiza un acto conmemorativo do cincuentenario do pasamento de Victoriano Taibo, que servirá para dar noticia do proxecto de publicación dunha nova obra que o mestre de Morgadáns deixou inédita: Contos Pequenos, un opúsculo que lle regalou a Hixinio, fillo dos seus amigos Antón Beiras e Antía Cal. Participarán no acto Xesús Alonso Montero, Gonzalo Navaza, Camiño Noia e Armando Requeixo.
No mesmo acto será convocado o IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, rescatado da súa máis que posible extinción polo concello de Gondomar, que asume integramente a dotación do premio e os demais gastos de xestión.
Entrevista a Antía Nara
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Coñecemos Cara ao leste: a nova obra de Antía Nara que publica Xerais. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Lisboa: presentación de Ostrácia, de Teresa Moure
Betanzos: presentación de Izan o da saca, de Xabier Quiroga
Antonio Tizón: “O xénero negro está tratado como un pretexto para falar da enfermidade mental”
Entrevista a María Canosa sobre O día que choveu do revés
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Xerais publica O día que choveu do revés, de María Canosa e Dani Padrón. A entrevista pode verse aquí.”
Agroterror con Botana, Duncan e Rodrigues
Entrevista
en Lermos.gal a David Botana, Xosé Duncan e Roberto A. Rodrigues:
“(…) – Lermos.gal (L): Xa sabemos que o número de lector*s en galego é moi reducido e que librarías, bibliotecas, crítica e demais organismos do mundo literario enfócanse principalmente nos contidos das dúas grandes editoriais… Sería unha tolería soñar cunha serie de novelas de ‘agroterror’ cando mesmo a fantasía o ten realmente difícil?
– Roberto Rodrigues (R. R.): Nada é imposible. Pero hai que ter en conta que publicar ten un prezo, económico e de tempo. Penso que para que un proxecto así saia adiante hai que lle botar moito altruísmo.
– David Botana (DB): Vender libros nesta terriña é complicado. Dígovolo eu que son fillo de libreiros, menos mal que tiñamos o As e a Superpop. Penso que primeiro vamos ter que buscar quen nos queira ler e quen o queira pagar, senón, como di Roberto, terase que escribir en plan misionero (polo do altruísmo, non polo da posición sexual… inda que…)
– Xosé Duncan (XD): Se a arte (si, o que nós facemos pode chamarse arte) ten que estar supeditada á economía… Todos temos a certeza que, agás uns poucos escollidos, non imos vivir disto de escribir e que sacrificamos o noso tempo de ocio (si, nós traballamos en outras cousas que non teñen que ver coa escrita) e martirizamos coas nosas neuras ás nosas familias é porque queremos ver o terror e a fantasía entre os xéneros que hai na literatura publicada en galego. Só espero que os nosos impulsos suicidas de escritores ignorados se contaxien a alguén máis…
– DB: Eu confío, sempre foi esta unha terra de tolos afoutos.
– L: E xa para rematar, se consideramos o rural galego algo tan ‘normal’ ou ‘habitual’ como os ermos páramos ingleses das novelas góticas, non debería ser o agroterror un elemento máis en calquera das obras de misterio escritas en galego? Ou xa o é/foi?
– DB: En parte xa o foi. Grandes autores galegos (falouse de Dieste e Fole) se teñen achegado ó rural na forma do terror, o misterio ou a fantasía. Pero o certo é que agora hai novos elementos, unha contaminación literaria distinta que está a dar cousiñas que dá gusto ler. Poida que o día de mañá ninguén se acorde, pero que risas que botamos mentres.
R.R.: Eu creo que debería, xaora, pero é que neste país as cousas non funcionan do mesmo xeito que no resto do mundo.
– XD: Pois, sinceramente, penso que, se a estas alturas da historia e da vida ás que estamos, temos que agardar a morrer ou a que pasen varias xeracións para que alguén se deteña, xa non digo a ler, a estudar o fenómeno do agroterror… Somos un país de zombies e non o sabemos. (…)”
Literatura de terceira época
Reportaxe de Manuel Gago en Cultura Galega:
“A vellez e a ollada retrospectiva das persoanxes é un motivo frecuente da literatura, pero nos últimos anos, co envellecemento da sociedade galega e o alongamento da vida, estamos a asistir a unha maior estensión das enfermidades nuerodexenerativas, aquelas que afectan a temas tan literarios como a memoria, a identidade ou ao sentido de lugar. Analizamos cos seus autores obras recentes sobre a aventura de ser (moi) maior.
Galicia estase volvendo anciá. A poboación do país a inicios de 2016 tira claramente cara o envellecemento. Dos máis de dous millóns setecentos mil habitantes, 680.720 superan os 60 anos mentres só 249.581 están por debaixo dos dezanove anos. A prologación do tempo de vida tamén multiplica a presenza de enfermedades neurodexenerativas, coma o alzheimer, cunha incidencia tan directa en dous temas tan literarios como a identidade e a memoria. Tras estes fríos números hai unha dura realidade social, de vidas encontradas, de responsabilidades asumidas, de procesos lentos que marchan ás persoas. E esa realidade acaba plasmándose na literatura galega.
Para
Alberto Ramos, autor de Máscaras rotas para Sebastian Nell (Galaxia, 2015), na Galicia actual “todos coñecemos o que é o declive dunha persoa de moita idade. Saber da dependencia é algo que nos toca a todos, así que hai moito de observación da vida real, de xente próxima”. Ramos sitúa ao protagonista da súa última novela, un actor británico de avanzada idade que afronta unha longa entrevista biográfica encamiñada a redactar as súas memorias tras un diagnóstico de alzheimer. “A enfermidade foi o marco para permitirme facer un libro sobre a memoria”, explica Ramos. “Ese momento vainos pasar a todos máis tarde ou máis cedo. Sospeito que a case ninguén lle van saír ben as contas e, se che saen ben, iso é preocupante”, comenta irónico.
A difícil
experiencia persoal no coidado de persoas maiores é determinante e cada vez máis está presente nas ambientacións que os escritores levan ás súas obras. Durante a presentación en Compostela de Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello, o escritor aludiu a como o marcou persoalmente a experiencia persoal de atender aos seus pais durante a súa vellez. Dese tránsito persoal acabou saíndo parte da ambientación da novela, onde a súa protagonista, Janis, de trinta anos, traballa atendendo a varias persoas de avanzada idade que van xogar un importante papel na sucesión da novela.
Esa relación
vital plásmase tamén en A vida fóra (Galaxia, 2011), de Miguel Sande. “Está inspirado na miña propia avoa”, afirma Sande, “xa que ao igual que a personaxe de María, ela tamén estivo moitos anos nunha cadeira de rodas e os últimos anos vendo pasar os días e a vida pola fiestra”. Para Sande, “o motivo final era facer unha pequena homenaxe ás avoas, as matriarcas que sostiveron este país, aínda que a disposición era relativamente arriscada”. Para iso, situou a María, a súa personaxe, nunha cadeira de rodas no interior dunha habitación, onde transcurre físicamente toda a novela. “Podería parecer unha historia moi triste, pero en realidade non o é”, sinala o autor, quen afirma que “a señora María ten unha peculiaridade. É unha anciá con pensamento de nena. Ela xa ten demencia senil e di que lle comezaron a morrer palabras. Por exemplo, ela quere un chocolate quente antes de que lle morra a palabra chocolate e non saiba como pedilo. Así que o lector, grazas a ese toque infantil que dá a demencia, le a novela cun sorriso nos beizos.” (…)”




