O venres 12 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Nova Colón da Coruña (Rúa San Andrés, 112), preséntase Tes ata as 10, a nova novela de Francisco Castro, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participa Xesús Fraga.
Arquivo da categoría: Narrativa
Arteixo: presentación de Salseiros, de Suso Lista
O venres 12 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil de Arteixo (Rúa Historiador Vedía, 3), preséntase a segunda edición de Salseiros, de Suso Lista, publicado en Edicións Embora. Ao finalizar o acto, o autor asinará exemplares do libro ás persoas que o desexaren.
Ramón Vilar: “Hoxe os nenos do rural galego visten coma os de Nova York”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Ramón Vilar Landeira en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Os televisores estrábicos remata cun relato, ‘Diario de Caión’ que, ao meu ver, funciona coma un colofón, un texto moi diferente aos outros, no que se retrata un xornalista que acaba de ficar no paro, que se separa da muller e que decide capitalizar o subsidio e dedicarse “profesionalmente” á literatura. Primeiro, recoméndolle que tire dese fío en futuros proxectos. E segundo, dado que é un exercicio de ficción coas raíces moi cinxidas á súa propia vida, gustaríame saber como xestionou o pudor a expoñerse.
– Ramón Vilar Landeira (RVL): É certo que ese relato ten paralelismos coa miña propia vida pero é ficción, tan ficción coma o resto do volume. Claro está que o lector percibe máis de min nel ca noutros. Houbo quen me chamou todo alarmado para preguntarme se de verdade me separara. En realidade, tanto ese coma os outros relatos falan de fracaso, ao redor da crise e a soidade. Non tiven que esforzarme máis nel ca noutros. Si me pasou de haber lectores que o destacan moito sobre os outros; pero na mesma proporción están os que pensan que o mellor é ‘O orballo no retrovisor’, cun estilo e argumento que non teñen nada a ver con este outro do que falamos.
– B: Son relatos sobre o fracaso pero escritos co humor como lubricante. Non é que sexan historias humorísticas pero o humor mastígase no ambiente das narracións.
– RVL: Non está buscado a mantenta pero si considero o humor como unha válvula de escape para situacións que sen el poderían ser abafantes de máis. Para min, o humor é o que evita que crebemos, xa non só como recurso literario senón á hora de encarar a propia vida.
– B: Outro ambiente, o espacial, está moi definido. Non se escribe moito en Galicia sobre ese territorio máis vilego ca aldeán, o deses pequenos núcleos xa non tan rurais, con tendas e bares e incluso sucursais bancarias.
– RVL: Grandil, que é o espazo recorrente en todo o libro, quere ser unha amálgama de todos eses lugares en Galicia que non chegan a ser grandes vilas pero que tampouco son aldeas; núcleos de poboación a 20 ou 30 km de espazos urbanos dos que son satélites. Unha das miñas obsesións é reflectir o cambio social que se produciu nestes núcleos nos últimos 20, 30 anos. Di moitas veces miña nai: “Cando erades pequenos tiñades coloretes. Hoxe xa ninguén ten coloretes”. E é certo, será da alimentación ou non sei pero os nenos xa non teñen a cariña colorada. Neste tempo nada diferencia un neno do rural galego dun nacido en Nova York. Visten igual, coñecen as mesmas cousas… Cando eu era cativo xogabamos ao futbolín no bar da aldea; agora van xogalo a Ordes ou á Coruña. As aldeas convertéronse en suburbios, en arrabaldos, en urbanizacións das que desapareceu a vida económica e social. (…)”
A Estrada: entrega do Premio Manuel García Barros a Alberto Ramos
O venres 12 de decembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal da Estrada, terá lugar a entrega do Premio Manuel García Barros de Novela a Alberto Ramos, pola súa obra Máscaras rotas de Sebastian Nell, publicada por Galaxia.
A Coruña: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, na Libraría Couceiro
O xoves 11 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro da Coruña (Praza do Libro, 12), preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. O acto, no que estará presenta o propio autor, servirá tamén para dar a coñecer entre os terrícolas a talasonimia das augas que rodean á Coruña, “o Mar de María Antonia”, e honrar a memoria desta muller de Santa Lucía que lles deu nome.
A Coruña: Xabier P. DoCampo e Marcos Calveiro intervirán no ciclo A creación literaria e os seus autores: XI Encontros con escritores
Desde Xerais:
“Os escritores Xabier P. DoCampo e Marcos Calveiro intervirán o vindeiro xoves 11 de decembro ás 18:30 horas no Salón de actos da Uned de Coruña, dentro da actividade A creación literaria e os seus autores: XI Encontros con escritores. Organiza estes encontros o Centro de Formación e Recursos da Coruña, baixo a coordinación de Javier Pintor. Intervén como interlocutor na mesa de debate, Xavier Seoane, recoñecido autor galego. Estas xornadas pretenden propiciar un diálogo literario e cultural con algúns dos autores máis relevantes do momento presente. Ademais de comentar textos, aproveitase a presenza dos escritores para establecer vías de diálogo e pontes de debate, tanto sobre as súas obras como sobre aspectos culturais da actualidade dentro dun ambiente distendido e participativo. A intervención será retransmitida en directo a través desta ligazón.”
Carballo: presentación de Dende o conflito, de María Reimóndez
O xoves 11 de decembro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, preséntase Dende o conflito, de María Reimóndez, Premio Xerais de Novela 2014. No acto, xunto á autora, participa Belén Puñal.
A Pobra do Caramiñal: presentación de Salseiros, de Suso Lista
O xoves 11 de decembro, ás 20:00 horas, no Liceo Pobrense da Pobra do Caramiñal (Rúa da Paz, 27), preséntase Salseiros, de Suso Lista, publicado en Embora Edicións.