Entrevista
de Xan Carballa a Antón Riveiro Coello en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Nun momento dado da súa novela [Os elefantes de Sokúrov] un personaxe fai unha sorte de manifesto do escritor, “conforme pasan os anos, máis críticos e crueis nos volvemos con nós mesmos. Ao principio, canto peor escribimos, máis nos gustamos e, andando o tempo, o proceso faise inverso até o punto de que canto mellor escribimos máis duros somos coa nosa obra (…) o libro, ao final, é a suma desordenada dun soño”. Que hai da súa propia opinión neste texto?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Que os escritores cando escribimos loitamos contra Joyce é algo que se ten dito con acerto. Conforme pasan os anos pelexas contra ti mesmo e eu convértome no meu inimigo máis esixente. É paralizante. Téñenme preguntado en que momento un se sente escritor e penso que só cando es capaz de verte cunha ollada externa, como se foses un inimigo furibundo de ti mesmo. Trato de facelo e cando lle dou a ler un texto ao editor ou a unha persoa de confianza pídolle dureza porque sei que vai beneficiar o resultado. É curioso que hai xente que con pouco máis de vinte anos é quen de escribir a súa mellor obra, e non penso que sexa eu mellor e máis fresco con máis idade. Quizais porque de máis novo hai menos temores, pero a min pésame o tempo e cústame moito dar por boa unha páxina. Nunca estou contento e iso é terríbel. (…)
– B: Por que o cinema do siberiano Aleksandr Sokurov é un dos motivos do título? Só por un gusto persoal ou hai máis razóns?
– ARC: No título están os elefantes porque aparecen fisicamente na vida da protagonista, pero tamén polo seu sentido metafórico. Son animais altruístas, intelixentes, con boa memoria, con conciencia de si e de grupo, como os personaxes principais da novela. A presenza de Sokurov significa o interese pola arte e a creación. Quería unir a arte de masas coa alta cultura e a metáfora final da novela é que tanto os elefantes como os personaxes comparten un hábitat en perigo de extinción. Dunha banda está a cultura para o pracer, globalizada, e de outra a cultura transcendente como a do cine de Sokurov. El é un cineasta que, sobre todo en películas como Nai e fillo, Pai e fillo ou Fausto, elabora cadros sucesivos. O seu formalismo romántico está perto da estética dos grandes paisaxistas ingleses ou alemáns do XIX, e máis que manexar unha cámara parece que ten unha paleta de cores. Di que o cinema aínda está a medio de camiño de poder ser considerado arte, unha arte suprema que para el está sobre todo na literatura. Sokurov representa a transcendencia, porque a alta cultura antes axudábanos a entender os grandes problemas da vida humana e hoxe a cultura global axúdanos a evadirnos deles. No meu libro, a través de Janis, aparecen outros elementos, tamén a pintura, aínda que considerada con certa ironía e crítica, porque hoxe non hai un consenso sobre que valores estéticos debe ter unha obra para ser considerada artística.
– B: A novela transcorre en plena crise económica e iso está presente con crueza.
– ARC: Todos viven un momento complicado, e cando debuxaba o personaxe principal pensaba nas miñas fillas. Unha xeración cualificada inxustamente de hedonista ou que está baixo a síndrome de Peter Pan, que non marcha da casa… cando iso moitas veces é hoxe imposíbel. Porque na súa mente xa non está mercar unha casa, un coche, ter compromisos matrimoniais ou ter fillos… todo iso é unha quimera na actual situación de crise. E no libro tamén están tamén as dúas xeracións anteriores, con problemas diferentes, pero que están convivindo e actuando entre elas coa mesma crise, de desatención, de falta de saídas, de falta de traballo, de ausencia de futuro… (…)”
Arquivo da categoría: Narrativa
Entrevista a Marcos Calveiro sobre Fontán, no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“”(Os científicos) son menos públicos que os escritores, o seu traballo é tan importante na conformación dunha sociedade ou dun país pero sempre quedan fóra da luz dos focos”. Marcos Calveiro presenta Fontán, unha novela biográfica sobre o matemático e xeógrafo Domingo Fontán. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Vídeo da presentación de seique, de Susana Sánchez Arins, na Libraría Cartabón
Vídeos do X Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: mesa redonda de narrativa
O
X Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Afinidades electivas? é unha actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, coa que se quere achegar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras.
Damos a coñecer os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar na mesa redonda de narrativa, que tivo lugar o venres 9 de outubro no Charenton. Pódense consultar todos aquí.
– Introdución. Presenta Rexina Rodríguez Vega. Con Juan Tallón e Manuel Darriba. O vídeo pode verse aquí.
– Mesa redonda de narrativa. Intervención de Juan Tallón. O vídeo pode verse aquí.
– Mesa redonda de narrativa. Intervención de Manuel Darriba. O vídeo pode verse aquí.
– Mesa redonda de narrativa. Quenda de preguntas. Con Rexina Rodríguez Vega, Juan Tallón e Manuel Darriba. O vídeo pode verse aquí.
O Barco: presentación de A galera de Xelmírez, de Xabier Paz
A Coruña: presentación e coloquio sobre A antesala luminosa, de Antonio Tizón
O
mércores 2 de decembro, ás 19:00 horas, na Biblioteca de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, Antonio Tizón presenta a súa novela A antesala luminosa, publicada en Xerais, e manterá un encontro co club de lectura da Biblioteca. No acto, aberto ao público en xeral, estará acompañado por Begoña Varela.
Manuel Rivas: “A ironía levanta as palabras do chan, fixo que escribise esta novela”
Xavier Queipo: “Dá forza saberse recoñecido e agasallado por un Premio tan importante”
Entrevista
a Xavier Queipo en Sermos Galiza:
“O escritor Xavier Queipo (Compostela, 1957) vén de recibir o Premio Blanco Amor de novela por Os Kowa. (…)
– Sermos Galiza (SG): Como recibe un escritor tan premiado o anuncio dun novo recoñecemento?
– Xavier Queipo (XQ): Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. É natural pois fun unxido co bálsamo do recoñecemento, que amolece as quebras da saúde e do ánimo co elixir do éxito, coa forza que dá saberse recoñecido e agasallado por un Premio tan importante como este é. Ende máis se un revisa o xurado, cunha mestura de escritores de renome, críticos literarios e profesores, o recoñecemento magnifícase.
– SG: Como xurdiu a novela?
– XQ: Como a meirande parte das miñas novelas e dos meus textos narrativos en xeral, xurdiu dun soño, é dicir do inconsciente: o soño de ver a Amazonia estendéndose diante miña coma se fose un brécol xigante sucado aquí e alá por unha serpe sen ollos. Perfílanse a partir de aí outras imaxes de impacto como a música de Wagner soando no medio do mato ou o primeiro encontro cun indio, cun xaguar, cunha anta… Experiencia vivída, coñecemento acumulado, e xaora traballar coas verbas, coas imaxes, e sobre todo co ritmo da historia.
– SG: Se tivese que resumir en seis liñas Os Kowa…
– XQ: Folleando un libro de “Papillons tropicaux”, Francis descobre unha lámina que chama a súa atención. Trátase de Callitaera aurora, orixinaria da conca superior do Amazonas. Fuxindo dunha relación sentimental errada aproveita unha oferta de traballo dun equipo multidisciplinar que vai explorar o curso superior do Amazonas, recolle varios libros e sae en dirección a Copenhague, onde o esperan os outros membros do grupo. A partir dese comezo, plantéxase a viaxe dupla -física e interior- que constitúen unha acción en paralelo. Nos lles vou contar mais nada, pois comprometería a lectura, que espero reflexiva.
– SG: Que quixo transmitir na obra?
– XQ: Non hai unha intención didáctica na novela, non é o meu gusto dar consellos ou pretender coñecer a solución aos conflitos existenciais das personaxes. Simplemente conto como un home foxe cara adiante, confronta as súas contradicións, remexe nos seus sentimentos e é quen de identificar o seu lugar no mundo. Todo iso co pano de fondo da Europa occidental e da conca do Amazonas, nunha aventura que mestura momentos álxidos de soedade lacerante con momentos expansivos de encontros con outras culturas e outras xentes. (…)”
Vídeo da presentación de Xeixos, de Suso Lista, na Libraría Cartabón
Entrevista a Marcos Calveiro sobre Fontán
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Marcos Calveiro conseguiu o Premio Narrativa breve Repsol por Fontán. A entrevista completa pode verse aquí.”

