Arquivo da categoría: Narrativa
David Pobra: “Escribir non é só cousa de grandes mentes, porque toda persoa ten o seu lado creativo”
Entrevista
de Montse Dopico a David Pobra en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Xa tiñas publicados relatos e poesía. Esta é a túa primeira novela [Liña azul]. E non é nada simple.
– David Pobra (DP): Ten a súa complexidade, si. Tamén tivo o seu tempo. Comecei a escribila no ano 2006-2007, a raíz de empezar a colaborar en Vieiros, con artigos sobre a galeguidade en Barcelona. A partir diso escibín un relato. Tiña un paseo longo en metro, na liña azul precisamente… O relato tivo bastantes comentarios e entón decidín continuar. Só que engadín algo: a xente que comentaba tiña que darme ideas, que eu ía recollendo. A proposta tivo éxito, nese momento apareceu o personaxe do detective… e así foi. Un par de anos despois decidín darlle unidade e convertelo en novela. Mais escribir unha novela sempre é un traballo máis duro, que require dunha constancia… e non tiven tempo ata o ano pasado, que tiven menos alumnos.
– MD: Cando comezamos a ler parece unha novela negra, protagonizada por un detective un pouco parvo. Pero non é iso. É parte do xogo?
– DP: É buscado, si. Non quixen facer unha novela negra, nin moito menos. Aínda que si son lector de novela negra. Mais tiña moi claro que ía ser algo máis como as novelas de Vila-Matas, por exemplo. Unha novela literaria, ou metaliteraria, como queiras chamarlle. O malo da novela metaliteraria é que ás veces cae na autocompracencia, na autoreferencialidade e faise un pouco espesa. Eu non quería escribir un libro con demasiado contido teórico, que só puidese interesar a un público especializado. Quería facer todo o contrario. Entón, a novela negra é un molde que me serve para facer o que quería. Por iso xa desde o comezo hai avisos para o lector: un narrador que se identifica co detective… O personaxe do detective tómase moi en serio a si mesmo, quere ser un tipo duro, pero é un paspán. E o narrador omnisciente lévalle a contraria, ri das parvadas que fai. (…)
– MD: De fondo, hai certa crítica do mercado literario, non si?
– DP: Como membro de Estaleiro que son si teño unha visión crítica sobre moitas cousas. Defendo que haxa outras canles, que tamén teñen que existir. Porque ás veces publicar en ter padriño ou sen ter nome pode ser bastante difícil. Eu mesmo non conseguín publicar ata que gañei un premio. E ademais en Estaleiro non publican membros de Estaleiro. Publicamos textos que nunha editora grande non estarían. (…)”
Bertamiráns (Ames): presentación de Chovida do ceo, de Alfredo Conde
O
martes 17 de xuño, ás 20:30 horas, no Café Ferlós (Praza da Mahía, 5), de Bertamiráns (Ames), a Libraría Lenda e Edicións Xerais presentan o libro Chovida do ceo, de Alfredo Conde. No acto, xunto ao autor, participan José A. López Silva e Manuel Bragado.
Cuestionario Proust: Fernando M. Cimadevila
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Fernando M Cimadevila:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– O humor (advertidos quedades lectores de cuestionarios).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A boa calidade, por desgraza as persoas non veñen con selos de garantía.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Non moito, que lles vou pedir… xa bastante fan con aturarme.
4.– A súa principal eiva?
– A falta de eivas, ou o ignorar as mesmas.
5.– A súa ocupación favorita?
– Durmir! Talvez soñar!
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ese punto onde estás a piques de acadala pero sempre vai un paso por diante túa.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Prefiro non pensar a resposta, non vaia atraela.
8.– Que lle gustaría ser?
– Algo máis novo, algo máis alto, algo máis guapo… o normal.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Comarca (Terra Media), comendo, bebendo e traballando coas mans.
10.– A súa cor favorita?
– Varía segundo o cartucho que se esgota antes da impresora. Pero o ciano me relaxa.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A que medra libre no campo.
12.– O paxaro que prefire?
– Os “cento voando”, son moi de quimeras.
13.– A súa devoción na prosa?
– Eu non devociono, prefiro que me cegue o resplandor a vivir baixo a sombra de outros. Pero admirar admiro a moitos, a todos aqueles que escriben con sinceridade, con aprecio ás historias e aos personaxes, os que viven e aman os seus libros e se afastan da pretensiosidade e dos ditados da industria.
14.– E na poesía?
– Non son lector de poesía. Como músico (vocalista) a miña poesía é a música, e a forza das palabras reside na harmonía de ambas as dúas disciplinas.
15.– Un libro?
– O Hobbit, un conto para adultos que nos devolve o fogar perdido.
16.– Un heroe de ficción?
– Gandalf: poderoso, sabio, vai e ven cando lle peta, e fai e desfai ao seu antollo.
17.– Unha heroína?
– Eu non son de drogas, algo de café no almorzo, máis nada.
18.– A súa música favorita?
– Rock e metal, nas súas múltiples fusións. Guitarras grosas e contundentes.
19.– Na pintura?
– No apartado pictórico son moi de banda deseñada, tamén nas súas múltiples variantes, nos últimos anos moi de álbum europeo e novela gráfica.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As nais en xeral, en especial a miña… santa paciencia!!!
21.– O seu nome favorito?
– Non teño moito onde escoller, os meus pais só me puxeron dous: Fernando e Manuel, polos meus avós, así que me quedo con ambos.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Os que non predican co exemplo.
23.– O que máis odia?
– Madrugar, indubidablemente.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Prefiro reservar o meu desprezo para aqueles que aínda a están a escribir. E nestes tempos que corren rífanse os candidatos.
25.– Un feito militar que admire?
– Os tratados de paz e en segundo lugar os armisticios.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Voar, a ver quen di o contrario.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Acadando a inmortalidade.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ese que cando nos preguntan “que tal?”, respondemos “imos tirando”.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non entrañan malicia.
30.– Un lema na súa vida?
– Ama, soña, escribe.”
Propostas con premio: O Gran Reino, de Eduardo Santiago, premio Jules Verne de literatura xuvenil 2014
Entrevista
de Ramón Nicolás a Eduardo Santiago en Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Sinalou que a novela [O Gran Reino] se xera nunha reacción ao boom das novelas xuvenís de mundos paralelos, por que?
– Eduardo Santiago (ES): A primeira versión escribina hai sete anos. Daquela as miñas fillas eran dúas adolescentes de doce e quince anos e eu lía todos os libros que lían elas, porque gustabamos de intercambiar opinións. De súpeto decatámonos de que estabamos a ler sempre a mesma historia con distintos personaxes.
– RN: E a vinculación co ocorrido coas novelas de cabalerías de finais do XVI?
– ES: Ocorréuseme que podería haber un paralelismo co Quixote e as novelas de cabalerías de finais do século XVI. Unha nena intelixente e problemática que se puxera a ler compulsivamente este tipo de literatura podería desenvolver un certo afastamento da realidade como lle sucedera ao cabaleiro castelán.
– RN: Ao que parece, penso que en O Gran Reino hai elementos que se vinculan coa súa anterior obra publicada…
– ES: A protagonista segue a ser unha moza que, neste caso, chega a crear todo un mundo imaxinario ao seu xeito, como unha metáfora do principio creador feminino. As rapazas que formaron parte do xurado comentáronme que elas estaban convencidas de que esta novela escribíraa unha muller. Non daban creto cando descubriron que o escritor era un home. É a maior gabanza que me fixeron na miña vida. (…)”
Ferrol: actos destacados do venres 13 na Feira do Libro
O
venres 13 de xuño continúa a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 11:30 h. Charla coloquio de Xavier Alcalá arredor do seu libro Viaxes no País de Elal. A Patagonia das aventuras, publicado por Galaxia.
– 19:00 h. Presentación do libro disco Brinca vai!, de Paco Nogueiras, con ilustracións de David Pintor, publicado por Kalandraka.
Ferrol: presentación da edición facsimilar do Conto galego de Rosalía de Castro
O
mércores 11 de xuño, ás 19:30 horas, no salón de actos do Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, preséntase a edición facsímil do Conto galego, de Rosalía de Castro, publicada pola Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos, estando a cargo de Xesús Torres Regueiro. No acto, presentado por Eliseo Fernández, participa, xunto ao editor, Xosé María Dobarro.
A Coruña: presentación de Salseiros, de Suso Lista
O
xoves 12 de xuño, ás 20:30 horas, no Bar O’Delito (Rúa Tabares, 1) da Coruña, preséntase o libro de relatos Salseiros, de Suso Lista, publicado por Embora. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Lourenzo e Manuel Rivas.
Cangas: presentación de A voz do vento, de Pemón Bouzas
O
xoves 12 de xuño, ás 20:00 horas, na Taberna O Rincón (Rúa Cega, 4) de Cangas do Morrazo, preséntase A voz do vento, de Pemón Bouzas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.
Propostas con premio: Dende o conflito, de María Reimóndez, premio Xerais de Novela 2014
Entrevista
de Ramón Nicolás a María Reimóndez en Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Manifestou que esta novela [Dende o conflito] forma parte dun proxecto de textos literarios relacionados entre si. Con que finalidade?
– María Reimóndez (MR): Coa finalidade de desafiarme e polo tanto de divertirme, e con algo de sorte compartir ese desafío e diversión con outras persoas. Quería facer un pequeno universo de textos onde as lectoras tivesen a posibilidade de coñecer as persoas dende diferentes ópticas. Personaxes secundarias ou mesmo moi tanxencias nunha novela cobran vida noutra. Quen lea todo o conxunto comprenderá as motivacións, os feitos e as circunstancias de cada unha cunha tremenda complexidade.
– RN: Dende o conflito percorre, ao que parece, outros camiños diferentes aos que xa tripou na súa obra narrativa, poética ou ensaística anterior…
– MR: Eu creo que percorre camiños xa coñecidos pero dende unha historia diferente. Gústame que cada novela sexa un mundo distinto, dende a forma de narrar ata as características das propias tramas. Dende o conflito, por exemplo, é unha novela moito máis lineal ca En vías de extinción e aínda que si ten un carácter algo fragmentario e mestura diferentes tipos de textos, a trama vaise movendo no tempo dunha forma máis ou menos cronolóxica. En vías… é o antagónico a isto. (…)
– RN: Nesta novela é tamén central esa idea de dar voz a quen non a ten ou non pode tela?
– MR: É unha idea central no sentido crítico, no sentido da responsabilidade de ter que representar as circunstancias de vida doutras persoas. A novela parte precisamente disto que eu considero unha falacia, «dar voz ás outras» como un acto de xenerosidade do suxeito hexemónico occidental para entender que só abrindo espazos para que a outra, múltiple e diversa fale por si mesma, cumpriremos un papel verdadeiramente significativo na transformación das desigualdades, da violencia e da guerra. (…)”
