Desde
Apiario:
Co aninovo arrincamos un curso de escrita creativa na Coruña. Os luns (19.00-21:00) aproximarémonos á literatura da man de Dores Tembrás dende dúas perspectivas: misterio e técnica. Emoción e mensaxe. Todo para adentrarnos na trampa, para descubrir o motor do texto. Un dos obxectivos é analizar o estrañamento que ten lugar cando un poema ou unha prosa nos toca. Traballar dende o íntimo ao universal. Percorrer os grandes tópicos, achegarnos ás palabras da tribo. Procurar as chispas metálicas que desprenden o contacto de determinadas palabras e analizar o traballo de grandes escritores universais (Cortázar, Marai, Müller, Pizarnik, Valente, Paz…) co fin de fascinarnos e tentar acceder ao mecanismo do poema e a maquinaria do texto.
Queres escribir? Buscas un espazo onde compartir a túa escrita e adquirir novas técnicas?
Estamos en Apiario (Rúa Pondal 4, Entrechán Esq.) Dende o luns 12 de xaneiro podes achegarte cando queiras.
Matrícula e toda a info: info@apiario.eu”
Arquivo da categoría: Obradoiros
A Coruña: presentación e obradoiro sobre Man, o alemán de Camelle, de Beatriz Maceda e Laura Veleiro
O
sábado, 3 de xaneiro, ás 12:30 horas, na Libraría Sisargas (Rúa San Roque, 7), na Coruña, terá lugar a presentación de Man, o alemán de Camelle, escrito por Beatriz Maceda Abeleira e ilustrado por Laura Veleiro, publicado por Galebook. Posteriormente, as autoras dirixirán un obradoiro sobre o libro.
A Coruña: Obradoiro Literario Itinerante A Coruña e o Mar, a cargo de Xurxo Souto
O
Obradoiro Literario Itinerante A Coruña e o Mar, a cargo de Xurxo Souto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, dentro da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, co patrocinio de Gadis, é un convite a desenvolver a creatividade literaria de cada un de nós.
Xurxo Souto insiste nos argumentos que lle son máis queridos: A Coruña e o Mar. Unha descuberta de dúas facianas desta cidade-barco, mediante dúas rutas ben diferentes cara o noso espazo interior:
A cidade é un libro que se le camiñando
Sábado, 13 de decembro
Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes, ou como a Cidade Vella e a Peixaría están inzadas de referencias náuticas que hoxe xa non sabemos ver.
Saída ás doce da mañá, dende o “Pórtico de San Andrés”.
Sábado, 20 de decembro
A toponimia das pedras percebeiras da península da Torre, ou o encontro co Mar Maior a poucos metros do centro mesmo da cidade.
Saída ás doce da mañá, dende o cargadoiro de pedra da Praia de Santo Amaro.
O obxectivo final deste obradoiro será realizar dentro dunhas semanas un recital ou lectura pública dos textos que xurdan tras destas dúas viaxes. Máis argumentos para seguir conformando (polo rego de Urbano Lugrís, Monterroso Devesa ou Luísa Villalta) a gran rapsodia da cidade-barco.
Cómpre acudir con papel e lapis, e en disposición de escribir e debuxar camiñando. En caso de que o mal tempo non permitise realizar estes paseos, as sesións do obradoiro desenvolveranse no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa dos Olmos, 16)
Para persoas a partir de 16 anos.
Inscrición no 981 133 233 ou oficina@aelg.org
A Coruña: V Día Lugrís, o sábado 20 de decembro
O
sábado 20 de decembro terá lugar na Coruña o V Día Lugrís, organizado polo Colectivo literario In nave civitas, en colaboración coa A. C. O Mural e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Este é o programa previsto:
– 17:00 h. A arribada do grafiti (Praza José Sellier).
Solemne e lírica inauguración do grafiti que recrea unha obra de Urbano Lugrís na Praza de José Sellier, cerna da Coruña lugrisá, seguido do tradicional Obradoiro de Paraugas Pintados (Praza José Sellier). Xuntarémonos para decorar os nosos paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas. (Que cada quen leve o seu paraugas, as súas pinturas e toda a súa imaxinación)
– 17:45 h. Manifestación atlántica e surreal (Praza de José Sellier-Xardín de San Carlos).
Cos nosos paraugas pintados e unha serpe mariña seguiremos as alancadas diurnas e nocturnas do pintor do mar até atoparnos con a outra metade de Ulyses Fingal: Antón Avilés de Taramancos.
– 18:30 h. Recreación do intre no que Antón Avilés de Taramancos coñeceu a Urbano Lugrís (Xardín de San Carlos).
Coa participación de todo o público asistente e Anxo Angueira.
– 18:45 h. Manifestación atlántica e surreal (continuación) (Xardín de San Carlos – Praza do Papagaio)
Segunda parte da marcha na que chegaremos até o Papagaio, seguindo os cantos de tritóns e sereas.
– 20:30 h. A habitación do vello mariño (Monty Ambigú)
Recital poético mariñeiro na memoria e honra do Noso Señor Lugrís polos vates mareiros Manuel O’Rivas, Serafín Mourelle e Xosé Iglesias.
Todos os actos deste V Día Lugrís son abertos.
Prégase que quen a tivera acuda cunha corna mariña para axudar a encher de sons atlánticos esta xornada e invitamos a que participedes nos actos disfrazados dalgunha das personaxes dos cadros do gran pintor sur-marino.
Vigo: presentación do Taller de imaxinación AlonsoBeloso (Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso)
A Coruña: presentación de Nestes Días, de Neves Soutelo
O
sábado 22 de novembro, a partir das 11:00 horas, no estudio de fotografía de Andi Irrazábal (Rúa Poeta Trillo Figueroa, 9) da Coruña, preséntase Nestes Días, de Neves Soutelo, publicado pola Porta Verde do Sétimo Andar. No acto terá lugar un obradoiro de Escrita Creativa e un recital poético. O aforo máximo é de 15 persoas.




