Onde o mundo se chama Bernardo Atxaga, por Ramón Nicolás

Con motivo da súa visita a Galiza tras ser premiado como Escritor Galego Universal de 2014, Bernardo Atxaga ofreceu unha conferencia o día 2 de maio, venres, ás 20:00 no Pazo de Mugartegui do Concello de Pontevedra. O día seguinte recolleu o galardón na Gala das Letras que se celebrou tamén ás 20.00 no Teatro Principal da mesma cidade.
Este é o texto da presentación da conferencia do día 2 a cargo de Ramón Nicolás:

“Boa tarde. Preparando esta brevísima intervención decateime que a descuberta da existencia dun escritor eúscaro, que se chamaba Atxaga, produciuse hai por volta de vinte e cinco anos con ocasión de preparar algún tema dunhas oposicións ao ensino. Entre temas que circulaban libremente dei cunha proposta de traballo que amosaba dous poemas confrontados, para analizar, subscritos por un tal Celso Emilio Ferreiro, por un lado, e por Atxaga, probablemente do poemario Etiopía, polo outro, con dúas fotos, ademais, nas que os autores se miraban un ao outro sorrindo. Non conservo aquel texto, nin lembro sequera os poemas concretos, mais si reteño a lembranza exacta daquela fotocopia que, non sei a razón, ficou gravada nos arquivos da memoria. Pasados os anos pregúntome se a aquilo se debería chamar epifanía, se foi un momento cando os astros se alinearon ou se se trata doutra mostra máis do que un amigo meu chama “providencia laica” pois nunca sospeitaría que aqueles dous autores, que se ollaban fronte a fronte, cos seus poemas por baixo, ían ocuparme tanto e tan gozosamente no que estaba por vir; ían posibilitar que gustase máis da literatura, que esta me permitise manter unha actitude na que aínda hai lugar para as descubertas, para o que non se agarda, para a aprendizaxe como lector, como crítico literario, como docente, como persoa: no caso do poeta de Celanova en moitas frontes, no caso de Atxaga en primeira instancia como lector e, con fortuna e mercé á confianza que depositaron no meu traballo dous selos editoriais como son Edicións Xerais de Galicia e Kalandraka, como tradutor. (…)”

O texto completo pode ser consultado aquí.

Onte, onde o mundo se chama Bernardo Atxaga, por Ramón Nicolás

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Declarouse onte Bernardo Atxaga un siareiro absoluto do título do famoso libro de Celso Emilio Ferreiro, confesando que mesmo chegou a empregalo, con modificacións, nun limiar para unha edición estranxeira dalgunha obra súa e de aí o título deste apuntamento. Con todo, debo comezar por sinalar que supuxo unha fortuna onte poder acompañar a Anxos Rial, concelleira de Cultura de Pontevedra, Mercedes Queixas, secretaria da AELG, e ao escritor vasco, no Pazo de Mugartegui con ocasión dunha conferencia que ditou baixo o título de Reaccións ante unha pedra riscada.
Por veces todo aquilo que atesoura unha obra literaria ou, cando menos parte dela, pode ser revelado nun discurso de pouco máis de media hora. Iso foi o que aconteceu onte cun discurso que contrapuxo, ou confrontou, as interpretacións dos trazos peculiares dunha pedra que se derivarían dunha lectura materialista-científica ou doutra que se derivaría de aplicar unha clave imaxinativa. Polo medio circularon os asombros, os medos, as maxias, os bosques, as pantasmas, as paisaxes da conciencia e a subxectividade para chegar a Rousseau, cando na literatura comeza a rastrexarse algo íntimo e persoal, e concluír nas orixes da escritura, no pranto contido no Gilgamesh onde, por certo, se atravesaba un río que se chamaba Ulla. Velaí, finalmente, como a explicación máis subxectiva dos riscos distintivos que posuía aquela pedra, o que no fondo hai na literatura,  pode ser unha lectura tan válida, ou máis, para enfrontarse á vida como a outra.
Para min, que lera aquela Obaba fascinante en castelán, hai xa vinte e cinco anos, onte supuxo un verdadeiro día de festa. Eskerrik asko, Atxaga. Grazas tamén a Paz Castro polas fotografías: arriba, de dereita a esquerda, Marta Dacosta, Cesáreo Sánchez Iglesias, Bernardo Atxaga, Mercedes Queixas e Antía Otero).”

Compostela: conferencia Expedicións científicas reais e imaxinarias, por Marilar Aleixandre

O mércores 23 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n) de Santiago de Compostela, Marilar Aleixandre, pronunciará a conferencia Expedicións científicas reais e imaxinarias, dentro do programa de charlas de Inspiraciencia.
“A curiosidade pola exploración de lugares descoñecidos guiou sempre os naturalistas. Dende Plinio que morreu no século I por achegarse ao volcán Vesuvio, as viaxes a selvas, illas, mares, o Ártico, os desertos ou a Lúa ampliaron o coñecemento sobre a natureza, aínda que serviron tamén a outros intereses. Falaremos dalgunhas expedicións reais, doutras imaxinarias (como a dos personaxes de Verne ao centro da Terra) e das que están a medio camiño entre o real e o inventado.”

Santiago: conferencia de Miguel Anxo Murado

O luns 7 de abril, ás 12:00 horas, na Aula 13 da Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Anxo Murado ofrecerá a conferencia República e guerra civil. A construción da memoria, organizada desde o Grupo de Investigación Histagra.

Vigo: conferencia Nacemento e renacemento da pintura galega, de Carlos López Bernárdez

O xoves 3 de abril, ás 20:00 horas, no Hotel Los Galeones (Avenida de Madrid, 21) de Vigo, Xosé Carlos López Bernárdez impartirá unha conferencia baixo o título de Nacemento e renacemento da pintura galega, nun acto organizado polo colectivo cultural Pertenza.

A Coruña: conferencia de Francisco Rodríguez sobre Rosalía de Castro. A perspectiva galega do mundo

O martes 1 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, Francisco Rodríguez pronunciará a conferencia Rosalía de Castro. A perspectiva galega do mundo, nun acto organizado pola A. C. O Facho, dentro do seu ciclo Língua, Literatura e Naçom.

A “pulsión” de Xela Arias e Luísa Villalta ao vivo

Desde Sermos Galiza:
““Pulsión”, foi o termo escollido pola escritora Ana Romaní, unha das coordinadoras do encontro Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século, para definir o ánimo que se viviu durante toda a xornada no CCG. “Demostra que a cultura galega é un río, non unha lagoa”, concluíu o profesor Arturo Casas despois de que a escritora Iolanda Zúñiga canda o grupo musical Dous puxeran o ramo ás conferencias e mesas redondas cun espectáculo sobre Intempériome, de Xela Arias, que a propia autora estaba a preparar antes da súa morte. Con Fernando Abreu, membro do grupo musical, Xela Arias ideaba no fin da súa vida, levar os seus poemas ao escenario e só onte a súa voz se volveu escoitar nunha gravación que se combinaba coa de Zúñiga no remate da xornada.
Durante a tarde, en dúas mesas redondas, novas creadoras e creadores deron conta da vitalidade da memoria de Luísa Villalta e Xela Arias, das súas arriscadas apostas poéticas, da modernidade das súas propostas e da pegada que deixan en autores e autoras cos que compartiron espazos literarios. Sigue lendo →