Foz: actos destacados na Feira do Libro 2021 para os 21 e 22 de agosto

O 22 de agosto finaliza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Sábado 21
18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
19:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
20:00 h. Presentación e recital poético arredor do libro Manifesto 25N. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller, publicado por Alvarellos. Presentado por Montse González Álvarez, coa participación de Ruth Santiso, Toño Núñez, Pilar Maseda, Adela Figueroa e Luz Airado.
21:00 h. Presentación de Os mundos de agora, de Lois Oreiro, publicado por Galaxia. No acto, organizado pola Libraría Bahía, participan, xunto ao autor, Xavier Lombardero e Cielo Fernández.

Domingo 22
18:00 h. Concerto e sinatura de Extra!, de Paco Nogueiras, publicado por Kalandraka.
19:00 h. Ánxeles Goás asina exemplares de O asubío do avó, publicado por Galaxia.
20:00 h. Xulio Pardo de Neyra asina O abecedario no país das alvarizas, publicado por Medulia.

“Contemplar a extinción desde o poema”

Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“A poesía nace coa vontade de formar parte da existencia, de fundirse coa realidade e mesmo de contribuír a transformala. Nun tempo en que a principal ameaza sobre o mundo procede da súa sobreexplotación, na idade das extincións masivas, do quecemento global e do empobrecemento sen precedentes da biodiversidade, os poemas de Marta Dacosta apuntan unhas Notas sobre a extinción -o título do seu último libro- que advirten sobre o colapso do planeta, mais tamén invita a deterse e contemplalo para reparar na perda que se anuncia, para tratar de que sexamos conscientes da íntima conexión que o liga todo e que forma parte do noso ser.
A paisaxe érguese como horizonte último destes poemas, mais non a paisaxe épica dun Novoneyra, senón a das cousas humildes, a do morcego que se extravía no solpor, a da avelaíña que pousa nun libro, a da lentitude da herba. “É unha preocupación que teño desde sempre”, afirma Dacosta, “a paisaxe é algo moi importante para min, un tema de preocupación que neste momento de colapso acabou verbalizándose. O devir do mundo no que estamos é, loxicamente, un asunto que debe preocuparnos a todas e a idea de extinción recollía moitas das teimas que me ocupan o pensamento.
A extinción para min, non supón soamente a desaparición física, senón tamén a invisibilización, o esvaecemento que supón o non saber ver as cousas. Cando deixamos de ver algo, deixamos de nomealo, e iso, dalgunha maneira, é unha forma terríbel de extinción”.
Notas sobre a extinción, quizais pola magnitude do tema, semella máis reflexivo que o resto da obra de Dacosta, ou polo menos máis contemplativo. “Eu diría que é un libro de observación, de aprender a mirar as cousas. Mentres o escribía decateime de que deixaba un pouso diferente, talvez como resultado de adoptar esa posición de observadora. Claro, tamén é o resultado do paso do tempo, de como imos cambiando a mirada. Mais, en todo caso, si hai algunhas conexións con outros libros meus, de hai anos, que xa manifestaban ese interese pola paisaxe, como Crear o mar en Compostela. (…)”

Foz: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 20 de agosto

O 20 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

20:00 h. Carlos Labraña asina exemplares de Contra o reloxo, publicado por Galaxia.
20:00 h. Presentación dos poemarios gañadores dos Premios Illas Sisargas, O cuarto de Jane, de Charo Pita, e Rascamaceiras, de Laura R. Cuba, publicados por Caldeirón. Estarán acompañadas por Eduardo Estévez.
21:00 h. Paco Rivas asina Rosas envaiñadas, publicado por Medulia.

Lugo: Tarde e Tardiña 2021, 19 de agosto

A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organiza unha nova edición de Tarde e Tardiña, unha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves, e que en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade.

Este é o programa para o 19 de agosto:
Nono, de Pistacatro
Duración: 40 minutos
Idade recomendada a partir de 3 anos
Benvidos ao mundo de “Nono”, este inocente clown faravos viaxar pole seu mundo de fantasía, onde intentará mostrar os seus mellores trucos de malabares aínda que os problemas acontezan en cada esquina, e o final, rematen sendo resoltos con moito humor.
Poderedes disfrutar de incribles malabares, unha pelexa encarnizada cun mosquito, a aparición do seu inseparable amigo o mono, un combate de boxeo, e moito, moito máis.
Todo isto, nunha combinación de Mimo, Malabares, Manipulación de marionetas, clown e un mundo sen palabras que vos fará rir e saltar dos asentos. Un espectáculo rico e cheo de paixón para tódalas idades.

Tardiña 21:00
Tres tristes tigres
Xiana Arias, Beiro Molina, Olalla Cociña e Jesús Castro
Versos prófugos no código morse da xeografía lucense. Coma saídas dun faladoiro improvisado da cociña do Tropicana, o hotel onde comeza a novela de título homónimo de Cabrera Infante. Tres tristes tigres, da man da evocación melancólica das fonsagradinas Xiana Arias e o explorador de sons, Berio Molina, a lucidez somnámbula da vivairense Olalla Cociña e o verso revelación do pastoricense Jesús Castro. Atrás, tigre! É a poesía!.”

Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2021 para os 14 e 15 de agosto

O 15 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 h., e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 14
19:00 h. Luz Darriba asina exemplares de Abril, publicada por Belagua.
20:00 h. Primitivo Marcos presenta e asina exemplares de Viveiro 1810. Augas mortais, publicado pola Deputación de Lugo. No acto, o autor estará acompañado por Carlos Nuevo Cal.
21:00 h. Paco Rivas asina Talasonimia da Mariña Lucense. Os nomes do Mar, publicado por Embora.

Domingo 15
21:00 h. Presentación de Nas pulsacións, de Manuel López Rodríguez, publicado por Espiral Maior; Obra inacabada de Dosinda Christensen, de Xerardo Quintiá, publicado por Alvarellos; e Peixes que esvaraban ao unísono, de Medos Romero, publicado por Caldeirón. Coa presenza, xunto á autora e autores, de Eduardo Estévez e Carlos Lorenzo.

Lugo: Tarde e Tardiña 2021, 12 de agosto

A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organiza unha nova edición de Tarde e Tardiña, unha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves, e que en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade.

Este é o programa para o 12 de agosto:
Kaldi, de Maintomano
Duración: 50 minutos
Idade recomendada para todos os públicos
Un curioso ser fala a través de acrobacias aéreas e movementos sobre o mundo do café. A súa rutina diaria parece que está sendo do máis normal, ata que o café comeza a afectarlle. Vai pasando por diferentes estados, transformándose, cambiando a súa calidade de movemento e incluso a súa personalidade. Un trapecio, unha mesa, unha cadeira e moito café, sobre todo moito café.

Tardiña 21:00
Lírica Piringalla
Lois Pérez, Lito Pereira e Lucha Panorama
Facer balconing no Courel. Stop. Unha das voces fundamentais do wrestling mexicano, Lucha Panorama. Stop. En diálogo poético coa lenda viva do underground lucense, Lito Pereira. Stop. Reaparece en público logo de dúas tentativas de suicidio, mítico membro do menos mítico Colectivo Iguazú Hermanos Fanego de intervención poética e do Comando Poético Hexágono Rural Exodus. Vai Lois Pérez, tamén.”