Begoña Paz: “A cuestión é que queda despois da ferida. Bostela, cicatriz? Vida, de calquera xeito”

Entrevista de Montse Dopico a Begoña Paz en Praza:
“A paixón. A febre. A intuición do monstro, da besta. O sometemento, o abuso. As entregas aprendidas,. A negación do eu. Do nós. A admisión da ferida. A bostela. A pel renovada, endurecida. A liberación. Soas, enteiras e máis sabias. É o proceso que Begoña Paz describe en em>Caixa das bestas (Baile del Sol), o seu segundo poemario, publicado en edición bilingüe. Falamos con ela.
– Praza (P): Caixa das bestas foi publicado nunha edición bilingüe en galego e español pola editora Baile del Sol. Antes publicaras os teus libros en galego en editoras galegas. Pasou algo para que non saíse aquí antes?
– Begoña Paz (BP): Pasou que o enviei a unha ducia de premios de poesía -o xeito máis doado de publicar poesía en Galicia- e a varias editoras galegas. Que a obra non gañou premio ningún e que as editoras ou non contestaron ou fixérono dicindo que non encaixaba nas súas coleccións, que tiñan comprometida a edición de poesía para varios anos ou que era un libro caro de editar. O libro -que xa ten uns anos- traducino moito despois para que o puidese ler BK, a miña irmá malagueña. O seu primeiro comentario sobre o libro foi unha maldición marabillosa que me devolveu a fe.
Foi ela a que me animou a enviarllo a Baile del Sol, unha editora canaria que xa publicara poemas meus -tamén en bilingüe- nunha antoloxía de poesía, 23 Pandoras. Envieille o pdf ao editor un venres e o luns tiña o contrato na miña caixa de correo. “´-Orixinal e tradución?” “-Claro”. “-Cos collages en cor?” “-Claro”. Velaquí a diferenza entre o frío e a calor. Mais esa calor xa a sentira. O meu primeiro poemario, A mala vida, foi publicado por unha editora mallorquina, La Baragaña. O editor lera poemas meus en antoloxías publicadas fóra da Galiza e propúxome publicalo. Tan sinxelo, ás veces, todo.
– P: O texto vai acompañado de colaxes e, polo que pon o propio libro, ambos son da túa autoría. Que función querías que cumprisen as colaxes?
– BP: A primeira idea de Caixa das Bestas foi visual. Levaba un tempo matinando en recuperar a miña afección ás colaxes, unha amiga pediume que lle dedicase un dos meus libros e, como odio dedicar, colei unha colaxe na contracapa do libro. Esa colaxe é a primeira que aparece no libro. Dela naceu o primeiro poema. Doutras colaxes, máis poemas; doutros poemas, máis colaxes, nos que se entrecruzaban a reflexión e a ferida, o desconcerto, a paixón e a ferocidade. Cos títulos engadíndolle ironía ao conxunto. Para min son un todo indivisible. (…)”

Foz: actos destacados na Feira do Libro 2020 para os 22 e 23 de agosto

O 23 de agosto finaliza continúa a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes dous días:

Sábado 22
20:00 h. Nazaret López asina Formigas nos pés, publicado por Xerais.
21:00 h. Abraham Pérez asina Fragmento/Creba, publicado por Galaxia.

Domingo 23
19:00 h. Antía Yáñez asina Be Water, publicado por Cuarto de Inverno, e O misterio do torque de Burela, publicado por Galaxia.
20:00 h. María Xosé Porteiro asina Sándalo, publicado por Galaxia.

Isaac Xubín: “Ser un intruso fíxome observar a identidade como algo moito máis consciente do que a xente cre”

Entrevista de Irene Pin a Isaac Xubín en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): “O poeta é un intruso”, afírmase no reverso do libro [Xenealoxía dun intruso]. Ten realmente esta concepción do oficio?
– Isaac Xubín (IX): É algo máis a nivel da miña vida. Ao ter morado en tantos lugares desde cativo teño esa sensación, por exemplo, de non ter amigos da infancia, de afacerme cada catro ou cinco anos a un colexio e unha sociedade nova. E cando marchei da casa, comecei coa mesma dinámica. Por iso teño a impresión de ser sempre un intruso, alguén que está fóra, e ao tempo tamén de disimular para non parecelo. Traduzo e escribo desde esa perspectiva.
Aínda que eu me identifico como galego, non vivín na Galiza até os 10 anos. Os meus pais eran galegos e leváronme nacer á Galiza para que fose “galego completo”. Porén, se boto contas, seguro que vivín máis tempo fóra. Logo, a lingua galega é algo que adoptei eu, porque na casa non me falaban galego. O feito de ser un intruso penso que me facilitou observar a identidade como algo moito máis consciente do que a xente cre. Cando falamos dela parece que nos referimos a cousas que nos veñen dadas e son inmutábeis, que non temos marxe para modificar. Pero somos o que somos non porque queiramos, senón porque nos vén de atrás. E non é así, é moi voluntario. No meu caso, o nacemento non foi un accidente: leváronme a nacer para que nos meus documentos houbese un topónimo galego e poder dicir que son galego. (…)
– ND: Neste senso, volvendo ao libro, hai unha chamada á acción en versos como “alguén debería comezar a tirar / do gatillo dunha vez por todas”.
– IX: Nese poema hai ademais varias referencias a cancións vascas, que enlazan co que che comentaba da calidade. Todo o que está pasando alí está funcionando porque a cultura vasca, desde hai 40 anos, ten unha calidade brutal, desde Chillida a Fermín Muguruza. É moi fácil sentirte adherido a esa cultura. Por iso puideron saír fóra das fronteiras grupos como Kortatu, con tan mala prensa como tiñan. Non saían nas emisoras de radio, pero vendían moitos máis discos fóra que grupos de moda nos 40 Principales. E o importante non é o que dicían, senón que eran bos.
Pero volvendo á pregunta, a identidade pódese construír, as cousas non son tan inmutábeis como nos fan crer. E todo se resolve con acción. Algo que me saca moito da miña tranquilidade cando falamos dos galegos é o autoodio. En Euskal Herria ou Irlanda tamén había. Pero algunhas culturas saben xestionalo, revolverse e mudalo, mentres outras parece que estamos co San Benito de sermos así. Non nos audoodiamos porque sexamos así, senón porque había (e hai) unha situación social que nos convida a facelo. Hai que pórse mans á obra para mudalo, como fixeron os vascos.
Sempre comento o caso de Argala, que vivía na casa coa súa avoa, pero como seus pais non lle falaban en euskera, en toda a súa vida apenas intercambiou “ola”, “boas noites” e pouco máis. Alí tamén había autoodio, pero conseguiron cambialo. Cadaquén ten a súa maneira de superar os seus demos e as súas pantasmas. (…)”

Foz: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 20 de agosto

O 20 de agosto comeza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Inauguración a cargo de Natalia Alonso Ramos.
20:00 h. Natalia Alonso Ramos asina A síndrome de Hayworth, publicada por Medulia.
21:00 h. Elba Pedrosa asina O que non sabías, publicado por Xerais.