Ferrol: actos destacados do 25 de abril na Feira do Libro 2019

O 25 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

17:00 h. Recital dentro da Semana de Poesía Salvaxe. Participan Víctor Díaz, Karlotti Valle e Guillermo Fernández.
18:30 h. Pepablo Patinho asina exemplares de Lúa, na caseta de Edicións Embora.
19:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta de Secretaría.
20:00 h. Presentación de Antes de perdermos a memoria, de Alfonso Tellado, por Edicións Embora. Participa Xoán Barro.
20:00 h. Guillermo Llorca asina exemplares de Ferroláns na caseta de Edicións Embora.

Ferrol: actos destacados do 24 de abril na Feira do Libro 2019

O 24 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Presentación de Memoria histórica do barrio de Canido, de Guillermo Llorca e Juan J. Burgoa, publicado por Edicións Embora.
19:00 h. Miguel Anxo Romero asina Poemas con Canela, na caseta de Edicións Embora.
20:00 h. Presentación de 1[14]1, de Alberte Momán, publicado por Belagua. No acto participa, xunto ao autor, Henrique Dacosta.

“As outras poesías”

Artigo de Armando Requeixo en Criticalia:
“(…) Nos nosos días a poesía máis rupturista e innovadora vén da man das distintas modalidades da poesía experimental, sintagma baixo o que se acubilla unha moi ampla serie de propostas creativas que fincan as súas raíces nas vangardas históricas de primeiros do XX. (…)
En Galicia algunhas destas tendencias máis experimentais de poesías outras levan xa o seu camiño andado. Neste sentido, eu distinguiría tres momentos: un inicial, case que fundacional, coas xentes do Grupo Rompente (Avendaño, Reixa, Romón), que a finais dos setenta incorporaron á textualidade dos seus poemas códigos propios das artes visuais e sonoras e do universo pop art; un segundo momento cos poetas dos oitenta, que se achegaron, con distintas intensidades, á poesía visual e outras fórmulas hibridadas (X. Mª Álvarez Cáccamo, Xavier Seoane, Claudio Rodríguez Fer); e o presente, onde salientan creadores de poesía semiótica e Mail Art como Lois Magariños (Corporación Semiótica Galega) ou Pedro Gonzálves e todos aqueles que exploran as vías da poesía visual (Arturo Casas), a audiopoesía (Rosalía Fernández Rial), o poemic (Yolanda Castaño), a videopoesía (Celia Parra), a ciberpoesía (Fran Alonso) ou outras.”

A poesía de Manuel Rivas, Lupe Gómez ou María do Cebreiro, traducida ao inglés

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A poesía galega avanza na súa difusión internacional. Libros de María do Cebreiro, Manuel Rivas, Lupe Gómez e Yolanda Castaño verán luz en inglés nos vindeiros meses.
Camuflaxe (Chan da Pólvora, 2017) foi a reaparición de Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) logo de seis anos sen publicar. Novo estadio na súa contundente e singular obra poética, obtivo gran recoñecemento das lectoras e da crítica. Non por acaso recibiu o premio da Asociación Galega da Crítica 2018. A canadiana Erín Moure encargouse da tradución inglesa e o volume inaugurará o selo estadounidense Circumference Books, centrado na tradución de poesía.
Shearsman Books, con sede en Bristol, é unha das principais editoriais do xénero en Gran Bretaña. Este ano publicará tres poetas galegas. O deserto (Apiario, 2015), de María do Cebreiro (Compostela, 1976) e no seu día premio da Crítica, e A segunda lingua (Pen Clube, 2014, premio Abanca), de Yolanda Castaño (Compostela, 1977), terán versión do tradutor e poeta irlandés Keith Payne.
A Manuel Rivas (A Coruña, 1957) tamén o traducirá unha irlandesa, a poeta Lorna Shaugnessy que xa se ocupara de facelo con A desaparición da neve (Alfaguara, 2009). Desta volta será A boca da terra (Xerais, 2015).
Non só a poesía viaxará máis alá do campo literario galego. A editorial Small Stations, dirixida por Jonathan Dunne e Tsevetanka Elenkova, anuncia a publicación, ao longo do que queda de 2019, de cinco títulos, segundo informa o portal Galician Literature da Dorección Xeral de Políticas Culturais da Xunta.
Serán de Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) –Tristes armas (Xerais, 1994)-, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) –A Cabeza de Medusa (Galaxia, 2008)-, Elena Gallego (Teruel, 1969) –Dragal IV: A estirpe do dragón (Xerais, 2015)-, Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1955) –Pensa nao (Xerais, 1999) e Paco Martín (Lugo, 1940) –Das cousas de Ramón Lamote (SM, 1985).”

Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía 2019 (II)

O acto central do Día de Rosalía 2019, tivo lugar o domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Lectura do Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2019, por Ana Romaní, e recital de poemas rosalianos.