A Coruña: recital de Luís Valle e Jean Portante no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 13 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Luís Valle e o poeta luxemburgués Jean Portante. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos xaneiro 2020.

Vicente Araguas: “O amor é un tema que me fascina, son un romántico”

Entrevista a Vicente Araguas en Diario de Ferrol:
“Vicente Araguas (Xuvia-Neda, 1950) volta á poesía en galego con O amor non se fala soamente (Ronsel do 68), editado por Medulia.
Máis de trinta poemas dan forma a un traballo no que a épica e a lírica van da man, onde o “nós” e o “eles” deixa paso tamén ao “eu”, porque para esa primeira persoa que é Araguas o maio do 68 significou moito. Case todo.
Nesa época chegou á Universidade, a Compostela, e alí foi parte do movemento estudantil que alzou a súa voz pola liberdade e por un mundo máis xusto. Araguas fíxoo ademais con letras e música, xunto cos outros compañeiros universitarios cos que nacía Voces Ceibes, canción protesta nunha época tinguida pola escura ditadura.
O prolífico escritor nedés, afincado en Madrid –onde segue a exercer como profesor emérito, pero que regresa con asiduidade á súa vila natal–, reivindica ese maio do 68 nun libro que emerxe como unha sorte de calendario, con versos que se moven entre “Viña seembro tan cheo de vontades” ou o “Outubro, río turbo”, para facer tamén unha parada no “Novembro de ventura” ou na “Semana Santa do 68”.
Estes son só algúns dos poemas que dan vida a unha obra que, como o propio autor relata, foi cociñada a propósito dun curso monográfico que impartiu o pasado ano na Universidade Senior da Complutense de Madrid e que xiraba precisamente sobre a revolta que tivo o seu xermolo en Francia.”

Miriam Ferradáns: “En Agosto quixen tensar as palabras, a escrita e a min mesma ata o límite”

Entrevista de Montse Dopico a Miriam Ferradáns en Praza:
“A dor da perda situábase no centro de Nomes de fume, o anterior poemario de Miriam Ferradáns. E volve facelo na súa nova obra publicada, a plaquette Agosto (Apiario). Unha pequena alfaia feita a dúas mans: o deseño de Mauro Trastoy e os versos de Miriam Ferradáns. Nada sobra, nin falta, neste monllo de poemas feitos coa palabra xusta. Mais, se en Nomes de fume había unha imposición social que tentaba obrigar a esquecer a ausencia –ata o punto de non mencionar a persoa que xa non estaba– en Agosto a dor faise carne. Corpo ferido. Flor murcha. Angustia, desorientación e silencio. Ata a aceptación da morte. E a volta, malia todo, da beleza.
– Praza (P): A obra é unha plaquette feita con Mauro Trastoy (o deseño é del). Foi proposta de Apiario o formato e o deseñador?
– Miriam Ferradáns (MF): Foi unha proposta de Apiario. Ata o último momento non coñecín o deseño, si ao deseñador, pero vin a plaquette pouco antes que os lectores. Gustoume moito, síntome moi identificada con el. É fantástico sentir que te entenderon tan ben.
– P: O libro nace da perda dun ser querido: unha amiga. Tamén Nomes de fume nacera da perda. En Nomes de fume a memoria da persoa que xa non estaba ía perdendo cor, debilitándose. En Agosto hai flores que van marchitando. Que son as flores en Agosto? Que teñen que ver coas fases da dor da perda?
– MF: As flores, por un lado, xeran na voz poética a reflexión sobre a morte, obrígana a lembrar, violéntana. Neste aspecto establécese unha comparación entre unha flor cortada e un cadáver, as fases polas que pasan ata ser po. Por outro lado acompáñana na decadencia, prodúcese unha mímese entre a flor e a voz poética, as fases do abandono son compartidas, a perda de vigor, a alegría. (…)”

Modesto Fraga: “Os poemas son coma fillos”

Entrevista a Modesto Fraga en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): E que hai neste volume [Poesía amorosa escollida]?
– Modesto Fraga (MF): Unha antoloxía da miña produción poética amatoria, o mellor dela. Dende os libros iniciais, como Do amor salgado, ou Derrotas con raíces, ata os máis recentes.
– LVG: Son poemas cronolóxicos?
– MF: Non, a orde non ten nada que ver con cando se publicaron.
– LVG: E como fixo para seleccionalos?
– MF: Ese foi o primeiro gran dilema que tiven, porque, claro, tes que escoller. E os poemas son coma fillos: a cal escolles, como seleccionas? Porque, ademais, máis do 90% do que escribín é poesía, hai moito no que mirar. Eu creo que son dos máis representativos da miña traxectoria. Podería poñer outros? Seguramente, pero para engadir, non para quitar ningún dos que puxen, estou moi contento de como quedou.
– LVG: Tamén responderán a diferentes momentos vitais.
– MF: Claro, neles teño vivencias, experiencias… A compoñente emotiva é moi importante.
– LVG: Tamén é moi rechamante que sexa unha edición bilingüe.
– MF: Si, é unha antoloxía bilingüe. Non foi sinxelo. A miña poesía está moi traballada, coas medidas, coas estrofas… Non se trata de traducir ao castelán sen máis. Precisamente o da métrica é un problema que tiven que solucionar, para manter a mesma, pero sen perder a esencia. Digo problema, pero en realidade foi unha tarefa que me entusiasmou. Aqueles versos que parecía que en galego non ían quedar ben en castelán, pois coa adaptación si que quedan. Nalgúns tiven que variar a orde sintáctica, pero seguen mantendo esa forza poética. Non foi cambiar por cambiar.
– LVG: Tamén foi detallista na edición?
– MF: Moito, xa dende a portada, co bico de Rodin, que representa ese amor do que escribo. E tamén en cada páxina. O lector vai atopar á esquerda o poema en galego, e á dereita en castelán, e pode comparar. Ve dous poemas que en realidade é un, que mantén a coherencia e o discurso.
– LVG: Por que escribe sobre o amor? Tanto, quero dicir.
– MF: É algo que leva comigo dende sempre, dende os inicios. Sempre foi algo que me encantou, atópome moi cómodo con esta temática. Creo ademais que moita xente xa asocia a miña poesía cos textos de amor. (…)”