Arquivo da categoría: Poesía
Xoán C. Rodríguez: “Como temos moito que perder, non facemos nada. E o Estado sábeo e explótao”
Entrevista
de Montse Dopico a Xoán C. Rodríguez en Praza (foto: cedida):
“(…) – Praza (P): Hai unha continuidade, ou polo menos moitas conexións, entre Occidencia, Sectores de fogo e Cristal líquido, e sobre todo entre os dous primeiros. Escribiches o primeiro e a partir del foron xurdindo os outros dous? Ou máis ben son textos que fuches escribindo e que despois decidiches publicar separadamente?
– Xoán C. Rodríguez (XCR): Si que hai unha continuidade. Occidencia é o universo ficcional, desenvólvese en Sectores de fogo e remata con Iris cumprindo condena de prisión en Cristal líquido. Pero cada libro foi escrito dun xeito independente, iso si, tecendo conexións entre eles. Sinto a sensación de estar escribindo sempre o mesmo libro, representando sempre o universo que me fascina. Acabo de rematar O’Encantiño<, que tamén fun publicando en sectoresdefogo.com, e tamén podería enlazar con estes tres… (…)
– P: Occidencia tiña partes moi narrativas: historias que continúan ao longo de varios textos separados entre si, coma a do mariñeiro, e partes máis poéticas. Sectores de Fogo é máis narrativo, e contén textos máis longos ca por exemplo Cristal líquido, que voltan ser máis poéticos. Non é que sexa moi importante porque mesturar xéneros é moi normal mais, houbo algún motivo especial para esa mudanza de formato entre os tres libros?
– XCR: Occidencia ten como base a historia do mariñeiro coxo salpicada de poemas que son cartas dirixidas á Merla. Pero pode suceder que nun mesmo texto narrativo ou poético haxa partes doutro xénero. Mesmo do xénero dramático. Sempre escribo con hibridación de xéneros, penso que o dos xéneros está obsoleto. Nos tres libros hai textos narrativos moi poéticos e á inversa. Mais a miña tendencia natural é a escribir cun toque do que se entende por poesía, teña forma de texto en prosa ou en verso. Non sei, talvez me negue a ser poeta escribindo en prosa.
– P: Falando das fotografías, a túa é unha poesía moi creadora de imaxes, e seguramente moi ligada a momentos concretos, a sensacións… Como é o teu proceso de escrita, nese sentido? (Se cadra en Sectores de Fogo houbo máis intervención posterior nos textos xurdidos en certos momentos ca nos outros dous).
– XCR: Si que é moi debedora de imaxes e sensacións. Escribo como escenas de películas, todo é un proceso moi visual. O proceso de escrita é un flash que me vén e que logo escribo. É unha visión. En Sectores de fogo o que houbo foi máis intensidade nas sensacións e nas vivencias. Está aquí latente a cuestión do autobiográfico, que inmediatamente se converte en ficción e xa nunca recupera a súa veracidade. Son dos que necesita para escribir que algo lle pase ou lle doa. E despois de filtrar e repousar todo ese material é cando escribo. Quizais por iso a miña escrita ten sido lenta. (…)”
Allariz: Poemagosto. Festival Internacional de Poesía 2019
Compostela: Embegonhadas. Mulherenagem a Begoña Caamaño
Vigo: presentación de Partituras, de Xoán Carlos Domínguez Alberte e Mercedes Queixas
Sarria: presentación de As voces ágrafas, de Emma Pedreira
Bertamiráns: presentación de [sen-fin], de Eduardo Estévez
A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do seu Membro de Honra, Manuel Álvarez Torneiro
A
AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Manuel Álvarez Torneiro, quen nos deixa na súa poesía un excepcional traballo formal ao servizo da reflexión humanística, no sentido máis amplo, coa utopía sempre no albo.
A Asemblea xeral de Socias e Socios da AELG nomeouno Socio de Honra en 2011, canda a Víctor Campio Pereira González, uníndose así á listaxe conformada por Jenaro Marinhas del Valle, Rafael Dieste, Ricardo Carvalho Calero, Ánxel Fole, Francisco Fernández del Riego, Xosé Ramón Fernández-Oxea ‘Ben-Cho-Shey’, Álvaro Cunqueiro e Celestino Fernández de la Vega.
Os ángulos da brasa foi Premio da AELG á mellor obra de poesía do ano 2012, poemario que tamén sería recoñecido co Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Educación e Cultura e o Premio da Crítica Española en 2013.
O seu corpo está sendo velado na Sala 1 do Tanatorio Servisa da Coruña. Mañá xoves, 10 de outubro, será incinerado ás 11:00.








