Arquivo da categoría: Poesía
Noelia Gómez: “Foi a través da escrita como souben aceptar o cambio. Así aprendín a comprender a perda”
Entrevista
de Montse Dopico a Noelia Gómez en Praza (foto de Carlos Rei):
“A aceptación da perda a través da asunción da idea da vida como tránsito, movemento. A escrita como berce desde o que reconstruírnos. O diálogo coa xinealoxía de mulleres que nos precederon. A mudanza, a transformación do rural e a súa fusión, quizais, co urbano. Son algunhas das ideas arredor das que se artella O xiro (Xerais), o primeiro poemario de Noelia Gómez. A autora respondeu por correo electrónico as nosas preguntas sobre este libro.
– Praza (P): O xiro é o tránsito, o movemento, a mudanza… Por que o poemario se chama O xiro? (Hai unha dedicatoria á avoa no principio do libro relacionada con isto)
– Noelia Gómez (NG): Hai tres anos, en outono de 2016, agromou en min a vontade de escribir sobre o xiro. Foi así tal cal: “quero escribir sobre o xiro”. Como quen di, “estou escribindo sobre flores”, por exemplo, eu dicía “estou escribindo o xiro”. No momento no que xa estaban as partes pechadas, cada poema, cada verso eran os buscados, cando chegou o momento de poñerlle nome a todo iso, decateime de que o título sempre estivo presente, desde o comezo.
Foi algo case innato o nome do poemario. Por outra banda, O xiro comeza a ferver dentro a partir da morte da miña avoa en novembro de 2014. Nese sentido, penso que a afirmación “quero escribir sobre o xiro”, estivo dous anos xestándose ata que un día abrollou. Polo tanto, detrás do poemario hai dous anos de fermentación case inconsciente e dous anos de creación e traballo.
– P: O xiro ten tres partes diferenciadas por un título: contorno, eixe e desprazamento. A primeira parece máis ligada ao rural e a terceira máis ao urbano. Por que esta estrutura en partes? Cal é a diferenza no contido de cada unha delas?
– NG: Cando tiven claro que quería crear un poemario sobre o xiro, pensei nunha estrutura que me permitise reflectir o momento xiratorio. A primeira parte tiña que tratar sobre o espazo e o lugar primeiros. A atmosfera a partir da que estamos xirando. Contorno é a parte máis extensa, está a infancia, o crecemento, a maduración das rapazas que nos criamos no rural. Este é o noso contorno. Un contorno de brañas, cociña de ferro, tractor, árbores, azul.
A segunda parte é o eixe. O eixe é o punto a partir do cal se xira. É o centro do movemento. Neste libro o eixe construímolo nós, as mulleres. É a parte máis feminista na que se tenta deconstruír a perspectiva patriarcal e erguer o edificio desde unha mirada feminista. E por último, no desprazamento, aparece o urbano, o material. Xa non estamos na casa de aldea, estamos na cidade, noutro mar. O desprazamento é o lugar actual no que se atopa a voz poética. A voz poética constrúe o poemario coa concienciación de que vive no desprazamento. (…)”
Miriam Reyes: “Xoguei, estudei, deixei falar o inconsciente. Botei man de todo o que tiña para aprender a dicir de novo”
Entrevista
de Montse Dopico a Miriam Reyes en Praza:
“A sardiña é un alimento humilde, popular, que forma parte do recordo do avó. Mais tamén é el, o avó. O alimento do que ela leva toda a vida comendo, manténdoo vivo. Porque el ensinoulle a amar. A pensar. A falar nunha lingua que, ao emigrar, sendo unha nena, parou de ser a súa sen deixar, ao mesmo tempo, nunca de pertencerlle. “Sinto que lle debo o mellor de min”, di. Ela é a poeta Miriam Reyes. El é o seu avó. E Sardiña (Chan da Pólvora) é o poemario no que ela recupera, 35 anos despois, a través da pegada del, e da poesía, o idioma que perdera ao marchar aos 8 anos a Venezuela.
– Praza (P): No poemario cóntase, dalgunha maneira, un proceso real: o teu intento de recuperar unha lingua -o galego, esquecido ao marchar aos 8 anos- cos seus significados. Foi así como o pensaches desde o principio, ao ser convidada por Antón Lopo a escribir un poemario en galego? Como foi o proceso de creación?
– Miriam Reyes (MR): Cando Antón Lopo me propuxo facer o libro eu díxenlle que estaba tolo, que eu non era quen de escribir en galego. El contestoume: aí cho deixo. Coma quen planta unha semente. Aos seis meses volveu preguntarme polo libro, e xusto entón un pequeno talo empezou a asomar da terra. O primeiro que veu foi o meu avó: o libro é unha homenaxe e un lugar no que atoparme con el.
Ese lugar está feito da súa lingua, que non é a miña. Os poemas documentan o meu achegamento á lingua así como as miñas limitacións e frustracións nese proceso. Están feitos con consultas ao dicionario da RAG e a manuais oficiais, con canción populares e cas palabras de poetas que ficaron reverberando en min. Xoguei, estudei, deixei falar o inconsciente. Botei man de todo o que tiña para aprender a dicir de novo.
– P: Tachas algúns versos, mais deixándoos lexibles. Por que? É un xeito de evidenciar o proceso de escrita?
– MR: Quería evidenciar tanto a inseguridade, o tatexo o e o tenteo a máis dun nivel coma a autocensura, que ás veces ten que ver co estilístico, ás veces co normativo e outras co cultural. (…)”
Compostela: Polvorín de versos (11). Caldear
A Coruña: proxección de Vértice de versos e coloquio e recital posterior
Allariz: Ponme un poema! Poesía en barra, con María do Cebreiro e O Leo
A Coruña: Primavera literaria 2019. Encontro con Dores Tembrás
Outeiro de Rei: presentación de O vento nas brasas, con Manuel Lourenzo
Arteixo: 3º Festival de primavera
A Nova Poesía Guitirica (NPG) presenta a súa páxina web
A
NPG Nova Poesía Guitirica lanza a súa web, presentada como unha revista poética dixital aberta a outros grupos poéticos de base e coa vocación de ser nun futuro tamén revista en papel.
A web conta xa con unha primeira colaboración como exemplo de Antón de Guizán (NPG) e Toño Núñez e a sección ESTRAPERLO de publicacións dixitais para descargar gratuitamente.
En proximos días estrearemos cabeceira con deseño da artista Luz Darriba.
O consello Editorial está constituido por unha persoa de cada grupo poético (Poesía galega ceibe da Costa da Morte, Moraima de Ferrolterra, In Nave Cívitas da Coruña e NPG da Terra Chá). Ao Consello Editorial iranse incorporando tantas persoas como grupos se adiran no futuro, dos que se prevén novas incorporacións nos próximos días. A coordinación corresponde ao poeta Moncho Bouzas (NPG).
A debuxante vilalbesa Isabel Pardo é a encargada das ilustracións, que comezaron xa cos retratos dos poetas participantes.
A NPG GaZeta será on soporte básico dos certames futuros, tanto para as convocatorias como para as publicacións e tamén o motor de colaboración entre diferentes colectivoa poéticos de base.
Este novo paso consolida o camiño comenzado o 23 de outubro de 2015 pola NPG, que en pouco máis de tres anos se ten convertido en referente da actividade poética chairega e mesmo alén da comarca polo dinamismo e orixinais propostas de participación aberta. Vilariñas, Poemas pendurados de farolas, publicacións dixitais, recitais, concertos, xornadas… teñen convertido á NPG nun dos grupos poéticos máis activos do país.
Ao éxito do facebook con máis de 3000 aderid@s, a Nova Poesía Guitirica suma agora plataforma web para sumar cualitativamente na difusión da poesía galega dun xeito directone en rede.






