Parada, O Courel: IV Festival dos Eidos, do 22 ao 26 de agosto

Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2018 para o 23 de agosto

O 23 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

– 19:00 h. Presentación de O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas, de Iago López, publicado por Xerais.
– 20:00 h. Presentación de Empatía dos gatos, de Mónica Sánchez, publicado por Chan da Pólvora.

A Laxe (Valadouro): Ponte Literaria 2018, o 24 de agosto

O 24 de agosto, a partir das 18:30 h., no local social da parroquia da Laxe (sito na recta de Tanín), no Valadouro, terá lugar unha nova edición da experiencia participativa Ponte Literaria, que artellan, desde o verán de 2015, un grupo de persoas vinculadas á literatura.
Tratouse, no inicio, dunhas lecturas a carón das diferentes pontes do Valadouro, mais na actualidade, considerouse que un encontro baixo teito pode favorecer a presenza dun maior número de participantes e ao mesmo tempo, resultar máis cómodo para o público.
Para participar, só é preciso estar no lugar indicado á hora sinalada, mais a organización gustaría de coñecer o número de intervencións con antelación.
Para anotarse ou resolver calquera dúbida, poden contactar a través do teléfono 600378363 (tamén Whatsapp).

Participarán, entre outras/os, Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón, Lionel Rexes, Iolanda Aldrei, Adela Figueroa, Manuel Regal…
Leranse textos de Rita Geada, autora cubana con raíces no Valadouro.
Por cumprirse neste ano o 70 aniversario da morte de Luís Trigo Chao “O Gardarríos”, Isaac Ferreira, escritor valadourense vinculado ao teatro, lerá unha peza dramática intitulada O cerco de Vilanova, baseada na noite en que o guerrilleiro caeu asasinado na capital de Lourenzá.
O autor Lionel Rexes lerá varios fragmentos da súa novela A raíña das velutinas, escollendo para a ocasión aqueles que fan referencia a persoeiros e lugares do Valadouro.

– Condicións xerais:
Lecturas de 15 minutos como máximo.
Cada lectura non deberá exceder os 15 minutos e os textos deberán ser de autoría propia.
Tras o tempo adicado ás lecturas, terá lugar un debate literario centrado nas obras expostas.
– Doazón espontánea:
É costume que os asistentes aproveiten a ocasión para se desfaceren de todos aqueles libros que xa non desexan conservar, deste xeito, outras persoas que participen na Ponte Literaria poderán conseguir exemplares que descoñecían e que nunca leran. Trátase, en definitiva, dun intercambio ou doazón espontánea de libros.
– Público implicado:
Se non desexas participar activamente, podes asistir como público; nese caso tamén poderás expor as túas sensacións no coloquio, e por suposto favorecerte da doazón de libros.

Artellan a Ponte Literaria: Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón e Lionel Rexes.
Agradecementos para:
Comunidade de Montes da Laxe
Concellaría de Cultura do Valadouro

A Sega celebra a vida de Marica Campo

Desde Sermos Galiza:
“O parque da Milagrosa, en Lugo, converteuse no epicentro da actividade da plataforma de crítica literaria A Sega para homenaxear Marica Campo (O Incio, 1948) no V Día das Galegas nas Letras. Un acto lúdico e reivindicativo do papel da muller na literatura.
Pasadas as 12 horas, o parque da Milagrosa, en Lugo, acollía perto dun cento de mulleres que, convocadas por A Sega, celebraban o 15 de agosto como “Día da Nosa Señora (das letras Galegas)”. Encetábano cun divertido roteiro imaxinario pola obra da quinta muller recoñecida co Día das Galegas nas Letras, Marica Campo.
Susana Sánchez Arins foi a condutora dunha actividade na que o maxín cumpriu un papel principal. A integrante da Sega ía contando anécdotas da vida de Marica Campo acompañada das lecturas do público, que tiraba de fragmentos da obra da homenaxeada. Andrea Barreira, unha das organizadoras da xornada, sinala, en declaracións a Sermos Galiza que as persoas participantes “ían lendo pasaxes de libros relacionados co momento vital de Marica Campo que narraba Susana Sánchez Arins”. “Foi todo imaxinario, percorremos o parque buscando semellanzas co que contaba Susana”, acrecenta.
Un dos momentos máis emotivos da xornada chegou coa lectura do manifesto, “centrámolo en explicar que Marica Campo, como autora, abriu o camiño ás que vimos detrás”, explica Andrea Barreira. “Marica vai removendo a terra para que poidamos medrar como autoras. Precisamente, por ser ela unha escritora que tira polas demais, pode ficar na profundidade da terra e non se recoñece o seu traballo tanto como se debería recoñecer”, engade.
“Hai autoras que son coma os ollos das patacas, como patacas con ollos, que dende a súa leira e o seu campo van tirando das que estaban aí, das que están ao lado. Sen preguntar de onde es ou que tipo de pataca serás no futuro, abren os seus ollos para abriren ollos en ti”, salienta o manifesto Os ollos das patacas. “Nosoutras, que somos segadoras, agardamos as patacas. Queremos ser patacas con ollos. Que fillen tantas outras cálidas, profundas e combativas coma ela. Coma a Nosa Señora das Letras Marica Campo”, conclúe.
A resposta de Marica Campo ás palabras que falaban de abrir camiños ás escritoras máis novas foi o agradecemento, “agradeceu todas as homenaxes que se lle están facendo en recoñecemento da súa obra, sobre todo as que son desinteresadas”. “Tamén deu as grazas pola presenza de todas as que participamos, entre elas, a súa familia, que no día de hoxe sempre celebraba a onomástica da súa nai”, afirma Andrea Barreira, que destaca o labor de Marica Campo na defensa e impulso da lingua e da cultura galega e da igualdade.
O groso da celebración chegou após o xantar, con contos a cargo de Vero Ríos; música de Raiceira, Xaora, Paloma Suances e Mercedes Peón; lectura de fragmentos da obra da homenaxeada por Ana Torres, Tereixa Campo e Belén López; o obradoiro Traer a lenda ao presente, da man de Andrea Barreira, e a lectura dramatizada de O Premexentes non pode cos paxaros rebezos, coordinada por Lorena Conde.”

Foz: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 18 e 19 de agosto

O domingo 19 de agosto finaliza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes dous días:

Sábado 18 de agosto
– 18:00 h. Luísa Castro asina Baleas e baleas na caseta da Libraría Bahía.
– 21:00 h. Presentación de Atlantidae. Mulher d’Água, de Adela Figueroa, publicado por Fundación Eira. No acto, a autora estará acompañada por Pilar García Porto.

Domingo 19 de agosto
– 20:00 h. Presentación de Hai mulleres, de Alfonso Otero Regal, publicado por Regal Cerámica.

Foz: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 17 de agosto

O 17 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

17 de agosto
– 19:00 h. Presentación de Gaiola aberta, de Xoán Neira López, publicado por Baía Edicións. No acto participan tamén Carlos Nuevo e Belén López.
– 20:00 h. Falando de libros con… Paco Rivas, Carlos Nuevo Cal e Pablo Mosquera.

Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 15 de agosto

O 15 de agosto finaliza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

– 19:00 h. Manuel Miragaia presenta Galeguia na caseta da Libraría Pedreira.
– 19:00 h. Henrique Dacosta asina Á deriva na caseta de Cartabón.
– 21:00 Presentación de Atlantidae. Mulher d’Água, de Adela Figueroa, publicado por Fundación Eira.