Burela: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 1 e 2 de setembro

O domingo 2 de setembro remata a Feira do Libro de Burela, que estará aberta na Praza da Mariña, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 1
– 19:00 h. Presentación de Senlleiras, de Antía Yáñez, publicado por Galaxia.
– 20:30 h. Presentación de Conserveiras de Celeiro, de Carlos Nuevo Cal.
– 21:00 h. Presentación de Hai mulleres, de Otero Regal.

Domingo 2
– 20:00 h. Presentación de Crua e Nua, libro de poemas ilustrado de Suevia Figueroa e Otto Treto.

Xosé Daniel Costas Currás: “As mulleres foron fundamentais na construción de Moaña”

Entrevista a Xosé Daniel Costas Currás en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): De que vai falar durante o roteiro que guiará por Moaña?
– Xosé Daniel Costas Currás (XDCC): O roteiro percorrerá Moaña dende o Porto de Pasaxe ata o Concello. Imos ir facendo diferentes paradas centrándonos no mar e na memoria das mulleres, que tanto transformaron o mar e tanto o traballaron: no laboral, no ecolóxico e no xeito de vivir. Ao longo do percorrido irei lendo poemas adicados a mulleres redeiras, mariñeiras a mulleres que venden na praza, mariscadoras, ecoloxistas. Tamén iremos facendo diferentes paradas: no Mercado de Abastos, no mercadiño que se celebra todos os sábados, onda as mulleres que venden produtos do campo,… queremos interactuar coas mulleres de Moaña. Tamén imos parar en puntos que eu considerei que teñen trascendencia, como a estatua dos mariñeiros ou unha rúa do centro, onde lerei un poema adicado a Cándida Lago.
– DP: Vai empregar unicamente poemas seus ou de máis autores?
– XDCC: Eu tíveno fácil, porque collín todos os meus poemas, teño moita produción de textos vinculados co mar e vinculados con mulleres, e coloqueinos nos lugares de Moaña máis acaídos. O meu primeiro libro chámase Conservas e con el acadei o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Nel falo das conservas e da memoria, tanto miña coma da miña nai e das mulleres que me ensinaron a edificar a miña vida. Hai tamén moita temática das conserveiras da zona de Meira, e aproveitaremos o espazo de Moaña para ver Meira e explicar máis alá do centro da vila outros elementos que son importantes na vida moañesa.
– DP: Vai falar da muller traballadora en xeral ou tamén dalgún personaxe feminino destacado?
– XDCC: Falaremos globalmente da muller como traballadora, pero tamén queremos achegar o próximo. Falarei de mulleres anónimas, pero explicando quen son, que axudaron a construír Moaña. Tamén emprego personaxes que tiveron importancia na vila, que teñen rúas adicadas, que tiveron un traballo ecolóxico ou cultural importante. E tamén falaremos de memoria histórica, a través de persoas que estiveron toda a vida vinculadas ao mar pero que, por diferentes motivos, sufriron o exilio forzado na época da Guerra Civil.
– DP: Moaña non sería o mesmo sen as súas mulleres.
– XDCC: Non. A miña primeira frase en Conservas, está adicada a todas as mulleres que me ensinaron a ser muller. As mulleres son parte fundamental na construción social, marítima e económica de Moaña, porque levan toda a vida traballando na conserva, no marisqueo…, e conseguiron grandes reivindicacións laborais. Son capaces de que o Estado lles recoñeza o seu traballo e poder vivir con pensións dignas. Marisqueiras, redeiras… todas fixeron un gran traballo no pasado e tamén no momento actual, pois hoxe por hoxe está a Asociación de Mulleres de Moaña, que traballa fortísimamente. Temos moi presente como no pasado as mulleres axudaron a construír Moaña. (…)”

O escritor Xoán Neira preséntanos Gaiola aberta

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A obra reúne a poesía infantil que Xoán Neira escribiu nos últimos 20 anos. O libro está publicado en Baía, en edición do crítico literario Armando Requeixo. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Volve Pilar Pallarés sete anos despois con Tempo fósil

Artigo de Miguel Sande en La Voz de Galicia:
“A desaparición da casa familiar en Culleredo -que o pai construíra coas propias mans- por mor da ampliación do aeroporto de Alvedro impulsou este novo poemario de Pilar Pallarés, Tempo fósil, que agora vén de publicar Chan da Pólvora nunha edición moi especial e coidada. Un como lector aprecia -amais dos propios versos de Pilar- este libro nas súas mans como un agasallo. Non lle gusta demasiado a Pilar Pallarés falar publicamente deste episodio seu, familiar: «As explicacións que podo dar a través do propio sentimento xa están aí no libro, nestes poemas de perda e desaparición que saíron, coma todos, do máis íntimo», di.
De certo, os versos foron xurdindo, medrando, arredor daqueles entullos -«do monstruoso terraplén»- ao longo destes últimos anos. «No fondo está a perda das orixes, si; a destrución do lugar, esa imposibilidade de que queden xa pegadas físicas».
Pilar Pallarés escribe desde o máis íntimo para conectar co colectivo como só ela sabe facelo. Hipnótica e, aquí, radical. Cunha sensibilidade fría, quizais pola distancia, as circunstancias e o tempo. (…)
«Escríbese desde unha necesidade íntima, sen présa, para que? Nese senso son libre, sen presión ningunha», di. Ela foi a única poeta naquel colectivo dos 80, De amor e desamor; desde entón, as cousas mudaron: a presenza de mulleres poetas, tamén narradoras e dramaturgas hoxe en día, e lectoras, enriquece e fortalece as nosas letras. Así, en común.
Ela escribe de mañá; polas tardes a poeta coida os gatos todos da zona, fitándoos, «esculcándolles no fondo da pupila un rastro», mentres os animais, afeitos xa, comen da súa man.””

Entrevista a Olga Patiño sobre Territorio acoutado

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Un proxecto multimedia en que os poemas de Olga Patiño dialogan coas fotografías de Carlos Lorenzo e que no seu formato libro publica Espiral Maior. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2018 para o 25 de agosto

O 25 de agosto finaliza a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa para este día:

– 20:00 h. Presentación e recital de poesía e humor de Long Play, de Lois Pérez, publicado por Xerais.

Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2018 para o 24 de agosto

O 24 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

– 12:30 h. Presentación de Os Eidos, de Uxío Novoneyra, na colección Biblioteca de Mesopotamia, de Chan da Pólvora. Participa Pilar García Porto.
– 18:30 h. Manuel Miragaia presenta Galeguia.
– 20:00 h. Teresa Moure presenta Não tenho culpa de viver, de Ana Brouwer, publicada por Chan da Pólvora.
– 21:00 h. Presentación de Corpo, de Antón Lopo, publicado por Xerais.

Tras as portas do rostro, por Verónica Martínez Delgado

Artigo de Verónica Martínez Delgado na Sega:
“Tras as portas do rostro é o primeiro conxunto de poemas, xa que non foron concebidos de xeito unitario, de Marica Campo; unha escolma de corenta e dous poemas escritos durante vinte anos, desde 1971 ata 1990 que ven a luz en agosto de 1992. Conta cun prólogo de Pilar Pallarés e de Manuel María, que axudaron a darlle visibilidade á producción poética da escritora. Comenta o prologuista canto admira e goza da lectura de poemas desta poeta, e doutras autoras coetáneas ás que cita, facendo fincapé no valor da poesía escrita por mulleres e, moi especialmente, á de Marica Campo. Pilar Pallarés resalta a aconfesionalidade da obra, en como foxe da autobiografía para mostrar o colectivo, o “cerne do drama humano”.
Varios poemas deste libro foron musicados e popularizados polo grupo musical Fuxan os Ventos.
O título vén reflectido na primeira cita do libro dun poema da escritora Alejandra Pizarnik: “… pero pecha as portas do teu rostro/para que non digan despois/ que aquela muller namorada fuches ti”. Nesta obra recolle a máis autoras e autores, ademais de artistas, aos que homenaxea coa súa escrita, onde conformar un nós poético no que pon en valor as diferentes voces e manifestacións artísticas coas que identifica o seu propio eu artístico e voz poética.
O libro recolle poemas de diferente temática, ton, lonxitude e forma, ben orixinal nalgúns dos deles, aínda que todos cun fío condutor: o telúrico, a oda á nai terra, ás raíces, ás orixes, ao ser cando se posúe un lugar. De aí que o poemario comece co texto Apoteose da hebra, un canto ao mundo rural, ao Val de Mao, no Incio, matria da autora. Este universo telúrico compartirao anos despois coa escritora Olga Novo, no seu libro Cráter, moi próxima tamén xeograficamente, de Vilarmao na Póboa do Brollón. Aparecen outros temas ao longo do libro como son a existencia, o paso do tempo, a morte, o amor sempre nun continuo diálogo coa lectora e con ela propia como autora. O eu feminino que percorre toda a obra, diríxese a un interlocutor masculino nos poemas de temática amatoria, que nos lembra ás cantigas de amigo, no seu tratamento, mais o eu poético non agarda impasible, nin resignada, senón farta e cansa da espera. (…)”