Desde A Sega:
“Aínda que existen moitos poemarios que recollen poemas máis que reveladores, poemas que se meten no corpo ou que asaltan a túa cabeza, sempre hai un poema con que cada lectora dá e que pensa: “Só por este texto este libro tiña que publicarse”.
No medio da situación actual en que nos encontramos, onde o ser muller está a baleirarse de signficado e onde o corpo semella pertencer a un mundo ao que miramos desde o sofá crendo velo dentro dunha película de serie B, ás veces unha encóntrase cunha sucesión de versos que paga a pena espallar. Pois ben, desta vez foron os versos de Marga do Val proxectados en A cidade sen a roupa ao sol e, máis concretamente, os versos pertencentes ao seu poema “Kahlschlag”. Quizais non sou eu a persoa máis indicada (en fin, quizais non, senón que seguramente non) para reflexionar sobre estas palabras, mais o importante da poesía, penso, é transmitir, facer estoupar e mover os corpos, mais da forma que nós mesmas decidamos e non da forma que deciden desde ese outro mundo guionizado e patrocinado por deus-sabe-quen.
e lustramos os zapatos/que gardan as pegadas do andado/e así procuramos/que sea máis doado cada día/mentres agardamos outro día/coa mesma tranquilidade/con que dobramos as sabas!
Unha, despois de ler isto, busca os zapatos que ten no armario e comeza a debater con eles sobre as historias que viviron, cales lembran e cales non, sobre os pasos que a trouxeron até o agora… Todo isto sen deixar de pensar que vivimos co terrible costume de alterarmos a estética dos pés cada mes, ou quizais cada semana, semellando que con cada calzado novo esquecemos as pisadas realizadas co anterior. Coa data de caducidade que cada elemento que nos rodea ten a día de hoxe chegamos ao punto de non manter ningunha relación de confianza, ningunha relación real. Conseguen/-imos que sintamos a necesidade de renovarnos mais nun proceso en que o baleiro está continuamente presente, é dicir, nun proceso que non avance e que apenas enfatiza o baleiro sen deixar que proxectemos ningún recordo ou que deixamos algunha mínima pegada na memoria. (…)”
Arquivo da categoría: Poesía
Betanzos: presentación de Follas novas, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira
Entrevista a Anxo Angueira sobre a súa edición de Follas novas
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, é entrevistado arredor da súa edición de Follas novas. A entrevista pode verse aquí.”
A Coruña: recital de Rosalía Fernández Rial e Ricardo Domeneck no Ciclo Poetas Di(n)versos
O luns
14 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Rosalía Fernández Rial e o poeta brasileiro Ricardo Domeneck. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos marzo 2016.
Allariz: Ponme un poemiña!, con Yolanda Castaño, e Ponme un poema!
Vilagarcía: LVII Mesa das Verbas
“Teremos unha especial atención cara a Rosalía de Castro e a súa obra, como tamén especialmente este ano teremos moi presente a Manuel María.”
Darío Xohán Cabana: “Hai dous ou tres anos da actividade poética de Manuel María que son un auténtico milagre”
Entrevista a Darío Xohán Cabana na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Manuel María. Antoloxía poética é froito do traballo de dúas persoas, vostede e Amelia Outeiro. Foi difícil poñerse de acordo na escolma?
– Darío Xohán Cabana (DXC): Casualmente, coincidimos nos gustos dunha maneira case milagrosa. Durmimos e vivimos xuntos, e iso marca moito (ri). É unha escolma de lectores de poesía que levan máis de corenta anos lendo a Manuel María. Tanto eu como a miña muller lemos moita poesía e ela é mellor lectora incluso ca min, porque fai unha lectura máis lenta e reflexiva. Non tiñamos outra pretensión que escoller poemas moi bonitos, e punto. (…)
– RAG: Da escolla feita dedúcese que teñen predilección pola que chama no limiar liña lírica persoal.
– DXC: Gústanos tamén. Hai poemas do íntimo na primeira época, pero tamén en libros como Mar maior ou nos últimos que escribiu, fundamentalmente a partir do ano 1980, con versos que poñen os pelos de punta pola súa beleza e, sobre todo, pola súa intensidade emocional. Na última época Manuel María consegue unha intensidade emocional cunha economía de medios extraordinaria: poemas que parece que non son case nada son un mundo lírico. Por exemplo, “Alta tarde” (incluído n’A luz resucitada), que é dunha eficacia expresiva e unha densidade lírica milagrosa: “Déixome ir indo, na alta tarde, /cara á noite que me leva / como o río a folla vagamunda. / Non ofrezo resistencia: voume/ sulagando amodiño na dozura / da luz que me agarima / como se unha aza levísima / rozara os meus ensoños. / Camiño estantío cara á noite / coa certeza de que a miña / materia corporal ten de facerse / clara, sonora e transparente / como un fráxil vidro delicado. / A noite e o meu corpo son / un único latexo. Unha luz soia”. (…)
– RAG: Que lle pide daquela ao Día das Letras Galegas de 2016?
– DXC: Nada, porque va dar máis do que lle poda pedir. Probablemente a celebración do Día das Letras Galegas de 2016 sexa única no que eu alcanzo a ver, porque Manuel María estivo en toda Galicia e en gran parte dos lugares da emigración. Coñecía Galicia á perfección, entre outras cousas porque deu centos de recitais e conferencias, estivo en contacto con ducias de sociedades e entidades, en vilas e mesmo aldeas, porque a onde o chamaban ía. Ademais da súa función como escritor, tiña outra función única, a de ser unha especie de sacerdote ambulante do galeguismo. Ninguén deu tanto coma Manuel María á construción dunha cultura nacional, e vanllo pagar agora. Mágoa que el non estea para velo.”
Entrevista a Tamara Andrés Padín
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Tamara Andrés Padin publica o libro de poemas Nenaespiraes. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Vigo: Círculo Poético Aberto, o sábado 12 de marzo
“Xa está de volta o Círculo Poético Aberto co marzal, o teu espazo en galego e para o galego. Estamos no Café Uf “Negra Sombra Blues” o segundo sábado do mes de marzo, día 12, ás 22:00 horas, na rúa do Pracer nº 19 en Vigo. Queres participar?, pois podes facelo con poesía, música, performance, monólogo, o que queiras… Só pedimos que sexa en galego e/ou portugués.” Organizado por Penúltimo Acto.