Rafa Vilar gaña o Victoriano Taibo de poesía cun libro “de amor e vida”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Foi unha das voces máis prolíficas da xeración de poetas aparecida nos 90. Pero levaba tempo en silencio. Case unha década. O premio Victoriano Taibo recupera para o público a poesía de Rafa Vilar (Cee, 1968), e faino con Erosións, un libro “de amor, de amor e vida para ser máis preciso”. O xurado do certame referiuse á “sinxeleza e intensidade lírica” dunha obra “intimista e apaixonada”.
Un cento de poemas breves e de “linguaxe que intenta ser o máis precisa posíbel e tamén evocadora”, en palabras de Vilar, conforman o seu regreso á escena literaria. Pasaron nove anos desde Migracións (2008). “Non hai ruptura respecto á miña obra”, considera, “pero si unha maior depuración da lingua, que é máis espida”. Esta terza feira penduraba nas redes sociais unha mostra: “un mar tatuado / tras a noite // un silencio / que se embosca // as miñas unllas / sendo terra / en ti // a túa boca / no meu ventre”.
Neste demorado hiato, Vilar si escribiu para cativos –Acuarelas (2009), Patente de corso (2012) ou Animalario estrafalario (2013)- pero, sobre todo, aproveitou “para ler e para vivir”. “Foi un período moi longo”, apunta sobre o seu paro poético, “o que pasa é que ás veces cómpre deterse e que se vaia formando un substrato. Tamén precisaba un pouco de distanciamento”. Desde o seu debut en 1993 con Liques da memoria, Vilar convertérase nun dos rostros máis activos e visíbeis da súa promoción, ao primeiro desde o Batallón Literario da Costa da Morte. Na historia da literatura galega consta o seu arrepoñerse contra o teito de cristal que freaba os poetas novos e que encolerizara o mesmo Uxío Novoneyra.
Xustamente a outros autores e autoras novas menciona Rafa Vilar cando fala de “novas voces moi interesantes”. “Despois da eclosión dos 90 e de inicios de século”, engade, “parecía que non xurdían poetas significativos. Agora si, e estamos convivindo cun conxunto de autoras moi potente”. Ao seu ver, renovan linguaxes, temáticas e “mesmo a forma de se mostrar en público”. “A verdade é que resulta fascinante”, conclúe.”

Meira: V Festa de Afirmación e Dignidade, o 23 de setembro

Presentación pública do Festival Rosalía 2017

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora nesta iniciativa, Festival Rosalía 2017, organizada pola Deputación da Coruña.

Unha fábula? Non! É Rosalía!
Reinterpretada, revisitada, e reinventada constantemente durante os máis de 180 anos que leva entre nós, Rosalía de Castro converteuse na verdadeira heroína da nosa cultura e como tal o Festival Rosalía quere celebrar a súa vixencia e importancia.
O Festival Rosalía é unha iniciativa da Deputación da Coruña, que se desenvolverá na cidade de Santiago de Compostela os días 29, cunha gala no Teatro Principal, e 30 de setembro, cunha feira de produtos rosalianos na Praza de Cervantes. Neste 2017 a escusa é o centenario da inauguración do monumento a ela dedicado na Alameda de Compostela.
Colaboran: Concello de Santiago, Fundación Rosalía de Castro e Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Para cantarlle, para recitarlle e para sentila entre nós, o venres 29 de setembro ás 21:00 h. realizarase o primeiro evento do Festival Rosalía, unha gala con poesía e música no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Dirixida por Avelino González e presentada por Lorena Conde, contará coas actuacións de Uxía & Sérgio Tannus & Santi Cribeiro, Najla Shami, Abe Rábade & Nastasia Zürcher e Xiana Lastra Pernas & Andrea Porto, a participación de Rosalía Fernández Rial, Marta Dacosta, Cesáreo Sánchez Iglesias e Anxo Angueira, e cunha convidada sorpresa moi especial. Entrada gratuíta, previa retirada de convite no Teatro Principal, de martes a sábado en horario de 18:00-21:00 h. (máx. 4 entradas por persoa).

Vexa aquí o informe de prensa para a presentación do Festival Rosalía, que tivo lugar o 18 de setembro en Compostela.