Marcos Abalde: “A min o que me interesa é alimentar a esperanza”

EntrevistaMarcos Abalde a Marcos Abalde en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vés de gañar o Lueiro Rey de poesía e o xurado salientou “o tempero dunha voz moi afinada, chea de resonancias e lecturas que soubo procesar para ofrecer unha aproximación ben persoal a temas e motivos entre os que a memoria dos desfavorecidos, represaliados e desherdados resulta decisiva”.
– Marcos Abalde (MA): Isto de Exhumación é unha metáfora para se referir á historia, hai que coller a historia a contrapelo para coller a versión dos vencidos, das vítimas, dos derrotados. É o que tento facer, falar desde a súa cosmovisión, pero non reducila na súa condición de vítimas, senón tentar recuperar o seu potencial emancipador. (…)
– SG: A nivel literario segues apostando por xéneros minoritarios, o teatro e a poesía.
– MA: Si, é o que me gusta. É como preguntarlle a un pintor por que fai pintura e non escultura. Eu escribo teatro porque se me pasan historias pola cabeza e penso que o teatro sería a maneira máis eficaz de contalas, é unha arte que me gusta a pesar das dificultades que haxa. (…)”

Entrevista a Paco Souto

Entrevista Paco Soutoa Paco Souto en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Como é, no teu caso, o processo de criação literária (e artística em geral)?
– Paco Souto (PS): É diverso. Ás veces parto dunha proposta concreta -“vou escribir sobre tal cousa…”-, ás veces mesmo escribo por encargo (as menos: he, he!), e outras achéganseche visións ineludíbeis ás que logo lles darás forma. Adoito partir do inconsciente, do xesto, para logo ir concretizando. Sempre digo que escribir é aprendermos a riscar e quen vexa os meus manuscritos (manuscribo, si!), acreditará no proceso. Sempre lembrarei aquel poema de “Veño da fin do mundo…” que memoricei mentres guiaba de volta para Muros. Ou os moitos versos que escribín en pleno agobio laboral os sábados á noite cando era taberneiro no Dado, por exemplo… (…)
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (plásticas, música, visuais, etc.)? Que experiências tens nestes âmbitos?
– PS: Non se pode entender a literatura sen a presenza das outras artes, sexa como pretexto ou contexto. No meu caso, a experiencia plástica é moi importante, e non só como observador. Nestes anos tiven a fortuna de asistir a cursos como os de Ana María Vargas ou Afonso Costa e, por suposto, manter relación de camaradaxe e colaboración con moit@s pintores amig@s.
E levo moitos anos realizando recitais coa música de Serxio Moreira ao vivo. Ollo, non con música de fondo, senón como partes intrínsecas e coordinadas dun único acto creativo. Nese sentido LUGAR DE INCENDIOS, que xa pasou pola Palavra Comum, paréceme exemplificador. Pero non quero esquecer TEMPO ESCURO ou o recente PROXECTO BARRO, verdadeiros actos performáticos.
– P: Quais são os teus referentes (desde todo ponto de vista)?
– PS: A arte ou é incómoda ou non é. Quero unha literatura que me descoloque, que propoña. Unha música que subleve, que non me acougue. Un teatro que me devolva a máscara que levamos dentro e ilumine o camiño, os múltiplos camiños. A linguaxe da arte é múltipla. Eu son varios. Eu son tod@s e cada un.
Podería facer un catálogo de autor@s, de músic@s, de pintor@s, mais seria inútil ou parcial. A xente do común. O que está na tradición tamén é o meu referente. A miña nai non sabe ler pero sabe en carne propia todos e cada un dos traballos que fan da nosa terra un eido produtivo. Iso é CULTURA. Iso tamén é o MEU REFERENTE. (…)

Todas as mulleres que fun, por Eli Ríos

DesdeEli Ríos A Sega:
“Andrea Nunes e Raquel Rei crean no 2008 o grupo poético-musical As Candongas do Quirombo a través do cal xeran as imaxes que acompañan este poemario.
Podería destacar a importancia desta creatividade experimental na que a poesía escrita se reinventa impresa en sucesivos fotogramas. Podería, tamén, falar da intertextualidade (María do Cebreiro, Chus Pato, Ana Romaní…) coa que, a autora, xoga deconstruíndo o suxeito para erixir outro colectivo feminino como quen tece un fío tras outro até chegar á peza final: un poemario-matria. Podería, sen dúbida, ademais, chamar a atención sobre a temática na que o mundo simbólico se alza ben lonxe do capitalismo, da falta de consciencia ecolóxica e a contrafío do sometemento. Podería, filoloxicamente falando, analizar os recursos e técnicas que a poeta domina á perfección para artellar, páxina a páxina, un poemario como Todas as mulleres que fun.
Podería facer todo o anterior pero… non quero! Porque hai escritas que nos abren portas a moitas persoas que experimentamos esta forma de expresión artística. E, este, é o caso.
Xa sabemos que aquilo que non se representa non existe. Entón, se desexamos visibilizar a figura da muller podemos colocala como protagonista e suxeito do texto. A idea estaría ben se non fose porque a linguaxe é falocéntrica nas propias estruturas, é dicir, esa hipotética relación binaria nos xéneros, ao final, non é máis do que unha clara estrataxema que exclúe o feminino. O poemario de Andrea Nunes é devastador nese sentido: o imaxinario masculinista non existe! (…)”

Vigo: recital aberto de poesía de xénero

O 440luns 7 de marzo, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa), en Vigo, terá lugar un recital aberto de poesía de xénero, no marco do programa de actos que con motivo da conmemoración do “8 de marzo”, Día Internacional das Mulleres, organizado polo Consello Municipal da Muller e a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo. O acto está aberto ao público ata completar o aforo do local. O acto quere ser coral, polo que se pide ás persoas participantes que achegasen un poema da súa escolla sobre a temática de “muller” e/ou “igualdade”, que se compartiría co público presente.

Compostela: recital In-verso en Compostela, con Lorena Rei, Ramiro Vidal Alvarinho e Rosa Enríquez

OIn-verso Compostela venres 4 de marzo, ás 21:30 horas, no Airas Nunes Café (Rúa do Vilar, 17, baixo) de Santiago de Compostela, terá lugar o primeiro recital de poesía no ciclo In-verso en Compostela, organizado pola Lanzadeira de Alcor e o Airas Nunes Café. Recitarán: Lorena Rei, Ramiro Vidal Alvarinho e Rosa Enríquez. Presenta: Manuel L. Rodríguez.