Taboleiro do libro galego (decembro 2016-xaneiro 2017), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí as novidades editoriais publicadas en lingua galega máis demandadas nalgunhas librarías galegas ao longo dos meses de decembro de 2016 e xaneiro de 2017. Nesta ocasión, a información subministrárona un total de doce librarías. Grazas, pois, a Cartabón, Casa del Libro de Vigo, Cronopios, Andel, Lila de Lilith, Suévia, Biblos, Librouro, Moito Conto, Trama, Miranda e Libros para Soñar.

NARRATIVA
1º-. Dolores Redondo, Todo isto che darei (tradución Dolores Torres), Xerais.
2º-. Antón Riveiro Coello, A ferida do vento, Galaxia.
3º-. Manuel Esteban, A ira dos mansos, Xerais.
4º-. Daniel Asorey, Nordeste, Galaxia.
5º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
6º-. Patrick Ness, Un monstro vén a verme (tradución de Xesús Fraga), Kalandraka.
7º-. Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
8º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
9º-. María Canosa, Cando cae a luz, Urco.
10º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia.
11º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.

POESÍA
1º-. Marilar Aleixandre, Desescribindo, Apiario.
2º-. Manuel Antonio, De catro a catro (manuscrito inédito), (edición de Anxo Tarrío), Alvarellos.
3º-. VV.AA., No seu despregar, Apiario.
4º-. Paula Carballeira, Nunca mascotas, Galaxia.
5º-. Marga Tojo, Últimos bruídos, Positivas.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Ana Torres Jack, Máis aló do azul e do rosa, Galaxia.
2º-. Jorge Mira-María Canosa, A que altura está o ceo?, Alvarellos.
3º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.

XUVENIL
1º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
2º-. Héctor Cajaraville, Quen dá a quenda?, Xerais.
3º-. David Pérez Iglesias, Todo o tempo do mundo, Xerais.
4º-. Iria Misa, Xa non estou aquí, Xerais.
5º-. Carlos Meixide, Cans, autoedición.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. María Canosa, Rubicundo, Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Iago López, Macus Romero, O cociñeiro Martiño, Xerais.
2º-. María Lado, Rosalía de Castro, Urco.
3º-. Xosé Ballesteros, Marco Somà, Os tres porquiños, Kalandraka.

LIBROS CD-DVD
1º-. VV.AA., Aire. Maria Fumaça, Galaxia.
2º-. Miguel Ángel Alonso, Luz Beloso, Mel, unha mosca agradecida, Nova Galicia.
3º-. Migallas, Canta connosco, Kalandraka.
4º-. Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Non hai berce coma o colo, Kalandraka.
5º-. Paco Nogueiras e David Pintor, Brinca vai!, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Jacobo Fernández, Marcopola 4. Avoa power, Xerais.
2º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
3º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
4º-. Fermín Solís, Así é Santiago, El Patito Editorial.

Compostela: presentación de Nas rúas de Compostela, de Rosalía Morlán

O sábado 4 de febreiro, ás 16:30 horas, no Centro Sociocultural da Rocha Vella (Rúa do Beado, 1, baixo), en Santiago de Compostela, Rosalía Morlán presenta Nas rúas de Compostela. No acto participan, xunto á autora, Armando Requeixo, Valentín García, Luís Reimóndez e Carlos Delgado. Lerán poemas do libro Irina García Caeiro e o grupo Palabras Vivas.

Oiartzun: Homenaxe a Concha Murguía 2017

O Excmo. Concello de Oiartzun e o Fato Cultural Galego Daniel Castelao, de Pasaia, organizan a Homenaxe a Concha Murguía 2017, co seguinte programa:

Xoves 2 de febreiro, ás 19:00 horas, na Sala de plenos do Concello:
– Recital poético musicado, vasco-galego, de poemas de Rosalía de Castro e de Antton Kazabon:
· Recitadores: Antton Kazabon e Xosé Estévez.
· Músicos: Edurne Saizar, piano; Haizea Lekuona, frauta; e Oihane Mitxelena, acordeón.

Venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala de plenos do Concello:
– Presentación do trailer do documental Euskal Herria: sitio distinto, a cargo do seu autor, Davide Cabaleiro, e de Ainhoa Aranburu, ilusionista.

Sábado 4 de febreiro, ás 12:00 horas, na Praza de Santo Estevo e na Sala Manuel Lekuona da Casa de Cultura:
– Ofrenda floral e homenaxe a Concha Murguía Egaña, coas intervencións da Concelleira de Cultura, Dona Iosune Cousillas, e de D. Xosé Estévez, historiador. Actuarán os txistularis Lartaun Txistulari Taldea, de Oiartzun, e o grupo de gaiteiros Trisquele da Casa de Galicia de Donostia. Ao remate do acto os asistentes serán agasallados co galano dun refrixerio.

A Coruña: festa-presentación de Nierikate, de Xoán Abeleira

O venres 3 de febreiro, ás 20:00 horas, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, 27), na Coruña, terá lugar unha festa poético-musical arredor de Nierikate, obra que recolle traducións para o galego de Xoán Abeleira. No acto participan, xunto ao autor, Silvia Longueira, François Davo, Begoña Paz, Manuel Rivas, Pedro Casteleiro, Blanca Silva e Lino Braxe, entre outras persoas.

Anxo Tarrío: “Manuel Antonio foi un espírito moi rexo”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Anxo Tarrío en Praza:
“(…) – Praza (P): Como é o contexto persoal no que Manuel Antonio escribe a obra [De catro a catro]?
– Anxo Tarrío (AT): En política, o poeta proclamábase anarco-nacionalista e estaba moi próximo á Asemblea nacionalista que encabezaba Antón Vilar Ponte. Por outra parte, mantiña unha aversión ao caciquismo hexemónico e institucional conservador de España, ao carlismo e a xermanofilia. Tivo relacións estreitas cos amigos de Rianxo, como Rafael Dieste, quen, malia non se aliñar naquela organización nacionalista, mantivo unha estreita amizade con activistas, políticos, escritores e artistas da pintura galega, da que salientou como divulgador e fixo obxecto temático e articulador da súa peza teatral A fiestra valdeira (1926). Manuel Antonio, neste sentido, mantivo estreita comunicación e familiaridade con el. Tamén con Castelao, Carlos Maside, Álvaro Cebreiro e algúns máis dos renovadores da arte pictórica da etapa que denominamos Época Nós (1920-1936). Por outra parte, dende mozo, estivo atento ás evolucións da literatura das vangardas, neste sentido, é sorprendente que, vivindo en aldeas, como eran Asados, Rianxo ou Padrón naquela altura, puidese Manuel Antonio reunir unha biblioteca non pequena e ben seleccionada como se descubriu ao morrer en 1930 aos vinte e nove anos.
– P: Que elementos tivo en conta á hora de realizar esta edición? Que variantes se introducen con respecto a outras edicións?
– AT: A máis importante é propiamente o feito de acceder eu ao orixinal do manuscrito, que non figura citado nas edicións posteriores á de 1928 da editorial Nós, da Coruña, agás a de Domingo García-Sabell, que foi o propietario del, do manuscrito. Unha das características desta edición facsimilar é o respecto pola cuberta e polo formato orixinal, pois, doutra forma, non respondería á condición de facsimilar que denominamos. (…)
– P: Como valora a influencia doutros autores e das lecturas do poeta na obra?
– AT: Manuel Antonio foi un espírito moi rexo, no que se refire a non querer depender de ninguén que non fose o seu propio albedrío e criterio. Neste sentido, no se apreza ningunha influencia directa que tomase como pauta a seguir, a non ser a norma que defendeu de sempre: o respecto á orixinalidade, que sempre presidiu o seu quefacer poético, libre de xustillos, e o respecto ao ritmo e rima que lle imprimía aos seus poemas. Fuxía dos consonantes en –iño, -iña, como deixou escrito nun texto en prosa titulado “Fatigémos-nos”. Desprezaba as poéticas decimononicas, sobre todo as manidas manifestación do romanticismo ruralista e eglóxico que abondaban noutros poetas.
É moi elocuente o epistolario que podemos ler dende o ano 1979, da man de Domingo García-Sabell, reunido coas cartas que lle dirixiu aos amigos. Alí, moi a miúdo, mostra o seu talante individualista, sen renuncias, mesmo intransixente, polo que atinxe ao fondo amor pola Terra (“a idolatría da Terra”, como dixo nunha carta sobre Galicia) e pola liberdade. Pero non se trata dun amor de contemplación, senón crítico coas interpretacións manidas, sentimentais e románticas, sen renunciar totalmente a elas, como se pode detectar nalgún momento en De catro a catro, como o último poema, titulado “Adeus”, cargado de nostalxia e sentimento da perda que quedaba atrás no barco no momento de pisar el terra na “vila natal”. Fixo propios algúns pensamentos de Castelao, cando lle escribía a el en carta, datada en Rianxo en 1922, onde lle dicía: “cómpre ser primarios ou primitivos da nova Arte, que debe nascer da Gracia e da Beleza. No folklore é onde debemos deprender, pois alí é onde a nosa tradición quedou cortada”. (…)”