Inés Mosquera Calvo: “O que eu pensaba cando escribín o poemario, ese ‘niño común’, é finalmente a liberación”

Entrevista de Sergio Casal a Inés Mosquera Calvo en Nós Diario (foto da autora, de Nós Diario):
“(…) – Nós Diario (ND): A ave é un poderoso símbolo de liberdade na literatura. Que significa para vostede falar a través da voz dunha bubela neste poemario?
– Inés Mosquera (IM): O propio título, que é Upupú, é a transcrición fonética do canto da Bubela, que é o paxaro que toma as páxinas do poemario. Quixen concibir este libro como un canto, como unha sorte de cartografía dunha voz en diferentes momentos vitais nos que vai transitando a dualidade entre a muller e o paxaro. Dábame moito xogo facer isto a través do canto dun paxaro e quixen escoller a bubela. Ademais, os paxariños levan formando parte da miña vida desde hai moito tempo como observadora da natureza que son ao criarme nun ambiente rural, aínda que agora viva nunha cidade.
– ND: O libro móvese entre a dor, a enfermidade ou a vergonza. Que parte de Upupú lle resultou máis complicada de escribir e cal máis liberadora?
– IM: No poemario fálase de dor, de cansazo, de doenza, de fastío… O proceso da escrita deste libro foi duro, pero ao mesmo tempo foi moi gratificante. Non creo que poida primar unha sensación sobre a outra, xa que as dúas son moi importantes. (…)”

Roteiro literario en Muros. Os muros son coitelas, con Samuel L. París

O Roteiro literario Os muros son coitelas, guiado por Samuel L. París, forma parte dunha iniciativa da AELG que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

Trátase dunha iniciativa da AELG subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración Concello de Muros.

– O roteiro presencial terá lugar o domingo 21 de decembro, a partir das 09:04 horas da mañá, en Muros.

– Hai un total de 15 prazas. A inscrición, de balde, farase enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org, indicando o seu nome. Na resposta a ese correo electrónico indicaráselles ás persoas inscritas o punto de saída.

En palabras do autor: ‘Na mañá máis desesperanzadora, no día máis curto e cando xa nada importa; a luz sempre regresa. Percorrido pola desmemoria persoal que habita espazos e poemas, nunha fuxida que nos constrúe e nos derrota. Iso si: haberá café.”

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Cornellà: presentación de Literatura insólita, de Armando Requeixo, e publicación das obras gañadoras do Certame de Poesía Rosalía de Castro