Entrevista a Mário Herrero, gañador do Premio Illas Sisargas 2015

DesdeMário Herrero A Revista Fin de Semana, da Televisión de Galicia:
“O concello de Malpica convoca dende hai dez anos o premio de Poesía Erótica Illas Sisargas. Na edición 2015, fallada a finais de ano, o gañador foi o poeta e tradutor Mário Herrero co poemario A razão do perverso. A entrevista pode verse aquí.”

A AELG reivindica un Panteón de Galegos Ilustres para o pobo

Desde2016022115294464973 Sermos Galiza:
“No acto que celebrou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) polo Día de Rosalía -que terá lugar esta cuarta feira (día 24)-, Cesáreo Sánchez pediu acabar coa ocultación e o secuestro ao que están sometidos os galegos ilustres, entre os que se atopa a propia Rosalía.
“Aínda que poida ser desolador estar nun lugar onde os nosos símbolos nacionais están materialmente ocultados e que só é accesíbel co permiso eclesiástico, trátase dun exercicio de inmersión na realidade máis cruel que temos que transformar”, apunta Cesáreo Sánchez en declaracións a Sermos Galiza, “máis cedo que tarde, Rosalía ten que ser rescatada do secuestro, os galegos e galegas non podemos tolerar esta situación ferinte”.
O presidente da AELG lembra que “no seu día o corpo de Rosalía foi traído aquí nun acto de voluntaria transcendencia cultural e política para o galeguismo de entón. Seguían a estrela que Rosalía levaba na fronte e que Curros cantou”. “Otero dixo: nesta hora estará a nacer algún recanto da nosa terra, o home ou a idea que transformará en pobo profundo o ritmo da nosa historia. Esa muller foi Rosalía de Castro”, engade o presidente da AELG.
Na conmemoración das escritoras e escritores galegos tamén interveu Suso de Toro, quen apelou a Rosalía como un crisol onde a cerna do pobo tomou forma e tivo alma e como a poeta das desposuídas que foi quen de construír un relato e de fundar todo un pobo. De Toro, que leu o manifesto da AELG, describiu Rosalía como unha persoa “verdadeira e libre”. “Debido ás circunstancias sociais da época, tivo que pagar esa liberdade, pechada na súa casa cos seus poemas”, apuntou o escritor, quen tamén lembrou a “xustiza social” que Rosalía pedía para os desherdados.
No acto da AELG, María Xesús Astrai, Afonso Becerra, Rosalía Fernández, Margarita Ledo, Celia Parra, Mercedes Queixas, Eli Ríos, Isabel Risco, Alba María e Francisco Susavila recitaron poemas da autora. Tamén participou a Coral da Asociación Solfa, que lle puxo voz a poemas da propia Rosalía, de Cabanillas e de Manuel María.”

Orixes da escrita: Penélope

capela-san-alberte-IIDesde Criticalia, de Armando Requeixo:

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

Se hai un territorio emblemático na poética de Díaz Castro ese é o que vai de Parga ata A Pastoriza, espazos ambos os dous que, xunto ao etnotopónimo Galiza, figuran no máis célebre dos poemas do autor: “Penélope” (Nimbos, 1961).
No derradeiro dos serventesios hendecasílabos da composición é onde figuran Parga —que non é outra que a localidade de San Salvador de Parga— e mais A Pastoriza. E é respecto desta última onde ten xurdido certa confusión interpretativa que convén aclarar.
A Pastoriza é un haxiotopónimo que, como xa explicou algún estudoso diazcastriano (velaí, poño por caso, os traballos de Xaquín Campo Freire) non alude nin ao concello da Pastoriza norlugués nin a outras localizacións coruñesas con ese nome, senón ao santuario do San Alberte (así chamado por ser o seu padroeiro) ou da Pastoriza (tamén denominado deste xeito por celebrarse nel unha célebre romaría o primeiro domingo de agosto en honor á Divina Pastora).
A este santuario da Pastoriza ía de romeiro Díaz Castro cando rapaz, tamén de mozo e logo de adulto, tras a Guerra. Daquela, o Tempo que vai desorballando os prados coma sono percorre esa legua escasa para regresar á mandorla na que todo se envolve en sabas de mil anos, nun outono atemporal, un camiño que andan os ventos dando un paso adiante e outro atrás sempre ao carón de río Parga, guieiro fidel que á súa beira leva de San Salvador de Parga ata A Pastoriza, espazo matricial e orixe da escrita nimbada.”

Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2016, no Panteón de Galegos Ilustres, o domingo 21

CartelAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-ActoCentral_001PROGRAMA

  • Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
  • Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa.
  • Negra Sombra (Letra: Rosalía de Castro; música: J. M. Capón).
  • No escuro (Letra: R. Cabanillas; música: Fuxan os Ventos; arr.: F. Tobar Cereijo).
  • Lectura do Manifesto da AELG. Suso de Toro.
  • Lectura de poemas rosalianos:
    María Xesús Astray Rodríguez
    Afonso Becerra
    Rosalía Fernández Rial
    Margarita Ledo
    Celia Parra
    Mercedes Queixas Zas
    Eli Ríos
    Isabel Risco
    Alba María
    Francisco Susavila
  • Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa:
    Na morte de Castelao (Letra: R. Cabanillas; arr.: F. Tobar Cereijo).
    Os soños na gaiola (Letra: Manuel María; arr.: F. Tobar Cereijo).
  • Ofrenda floral.
  • Interpretación do himno.

Ourense: María Lado e Lucía Aldao presentan Pendanca e oso

OAldaolado Pendanca e oso sábado 20 de febreiro, a partir das 22:00 horas, en El Pueblo Café Cultural (Rúa Samuel Eiján, 1), en Ourense, Lucía Aldao e María Lado, Aldaolado, estrean o recital Pendanca e oso, unha fábula aldaolado sobre o amor.

Gondomar: presentación de 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca

O12645143_1112882418750977_163834670063731356_n venres 19 de febreiro, ás 20:30 horas, na sala de conferencias do Instituto de Estudos Miñoranos, aula Ponte de Rosas, situada na Avenida da Feira, 10, baixo, de Gondomar, preséntase o libro colectivo 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, coordinado por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro, e publicado por Biblos. No acto participan Marta Dacosta, Pepe Cáccamo, Ledicia Costas, Miriam Ferradáns e Irene Silva, que nos ilustrarán sobre a xestación deste orixinal e importante libro e recitarán algúns dos seus poemas.