Verónica M. Delgado: “O reintegracionismo foi quem de construir um nicho de mercado para os pequenos projetos de edição independente”

EntrevistaVerónica Martínez Delgado 2 a Verónica Martínez Delgado no Portal Galego da Língua:
“(…) – Portal Galego da Língua (PGL): Obra individual, mas também muita obra coletiva. Com observas a participação em obras coletivas? É apenas contextual ou também é uma necessidade de pertencer a um grupo, geração…?
– Verónica Martínez Delgado (VMD): As gerações são um invento para simplificar até ao extremo o que não pode e não deve ser simples. Embora a vida humana não possa ser resumida com um recurso tão pobre, é bem certo que, durante a existência duma pessoa, os relacionamentos que se vão produzindo são muito importantes. É esse um motivo das obras coletivas, deixarem pegada desses relacionamentos. Foram esses grupos de amigas e de amigos, de colegas, que propiciaram a minha participação nestas pequenas obras coletivas. Por outra parte, os grupos são importantes para aumentar a dimensão do trabalho criativo, num processo de criação coletiva. A obra individual vê-se em muitas ocasiões inserida num contexto, a recriação dum ambiente concreto enquanto se mexe com a obra parcial de outras autoras. Finalmente são pequenos testemunhos dum momento concreto, pequenas pegadas. (…)
– PGL: No teu caso, poesia feita por mulheres, poesia feminista ou simplesmente poesia numa sociedade que discrimina polo género, pola idade, pola língua, pola cor da pele, pola ortografia, polo capital económico…?
– VMD: Não existe uma ideologia única na qual incluir todo o feminismo, igualmente não existe uma única mulher a escrever poesia, nem uma ideia única que inclua o pensamento de todas as mulheres.
O que eu faço é poesia que fala dum contexto, dum tempo e dum lugar, em que o pensamento livre está a ser absolutamente aniquilado. Esse tempo e esse lugar em que o cristianismo pós-franquista continua a ser uma máxima inquestionável dentro da sociedade. A poesia deve fazer pequenos buracos para abrir um pouco de luz. Como mulher, o padecimento pessoal é enorme e, consequentemente, deve ser manifestado de forma contundente. (…)
– PGL: Finalmente, depois de uns anos tão prolíficos quanto a publicações e presença pública, de que falará a tua escrita no futuro? Aprofundar caminhos já abertos? Abrir novos caminhos?
– VMD: A criação é sempre um caminho aberto. A escrita foi sempre uma necessidade, pelo qual continuarei a me expressar desse jeito, mas creio que devo começar um tempo de descanso, de silêncio. Dar saída a outros projetos profissionais que têm ficado parados durante muito tempo, demasiado já.
Acho que escreverei sempre do que me despraz, do que me dói, continuarei a denunciar as situações injustas, também do gozo, das minhas pequenas coisas, mas nem sei se continuarei a publicar. Contudo, é difícil dizer por que percurso vai avançar a minha escrita nesta altura.”

Arteixo: concerto-presentación do disco Desorballando outonos. A Quenlla canta a Díaz Castro, este venres 10 de xullo

A QUENLLA ARTEIXO_10-07-15Preséntase en Arteixo, por primeira vez, un traballo colectivo e levado a cabo por un grupo de amigos que se xuntaron para render homenaxe ao poeta e tamén amigo Xosé María Díaz Castro, homenaxeado nas pasadas Letras Galegas.
A obra inédita do poeta é unha obra importante que conviña resaltar dalgún xeito. O grupo A Quenlla interpreta 15 poemas do autor, 13 novos e inéditos e dous dos máis coñecidos do seu libro Nimbos.
Apórtase un libro, obra de D. Alfonso Blanco Torrado, amigo persoal do autor e depositario da súa obra literaria, quen fai un percorrido pola súa obra e pola súa personalidade xenerosa e chea de humanismo. D. Xulio Xiz Ramil, amigo do autor e xornalista e coautor da recolla de imaxes e son, aporta un DVD en recorrido pola xeografía vital do autor recitando poemas propios e en conversa con outras persoas da súa contorna.
Todo este traballo amósase no “Concerto Didáctico” especialmente deseñado para Asociacións Culturais sen ánimo de lucro que queiran divulgar a obra poética e tan delicada de Xosé María Díaz Castro.
Estará o grupo A Quenlla e dará un concerto en directo. Estará tamén o autor do Libro, D. Alfonso Blanco, e falará da dimensión do autor en cuestión, e tamén o autor e director da recolla das imaxes e entrevista -D. Xulio Xiz-, que falará e será presentador, aportando algunhas imaxes que van no vídeo sobre Díaz Castro.
Farase en primicia en Arteixo, despois doutras seis exposicións en ámbitos culturais levados a cabo desde organismos oficiais, e será da man da A. C. Lisístrata, que xa asumiu en tempos un concerto (Mini e Mero acompañados por Saxa) e que da man de Ana Hermida, volve dirixir e estimular esta actividade cultural por estas terras.
O concerto será gratuíto, para todos os públicos e terá lugar o venres 10 de xullo, no Auditorio de Arteixo, ás 20:30 h. podendo reservar a entrada pola internet no enderezo lisistrata.asociacion@gmail.com

Estevo Creus: “Pouca xente pensa que a poesía pode facer rir, que é algo moi necesario”

EntrevistaEstevo Creus a Estevo Creus en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Tamén vostede estivo no mundo da edición, non?
– Estevo Creus (EC): Aquela editorial era Letras de Cal, a finais dos anos noventa. Eu era un socio máis e estaban Rafa e Miro Villar… Eramos uns 20 e a idea era publicarlle a xente que non tiña nada publicado e eran voces que había que sacar á rúa. Eses problemas da edición…
– LVG: Sigue sendo difícil publicar, sobre todo, poesía?
– EC: As editoras non o están pasando moi ben. Vender libros é cada vez máis difícil, e vender poesía aínda máis. De vez en cando unha editorial publica algún poemario por aquilo de manter a poesía.
– LVG: Por iso gañaron espazos os recitais poéticos?
– EC: Pois non sei. Levo retirado do mundanal ruído case dez anos, estiven traballando en dous proxectos que non me gustaron e están no caixón. Creo que cada vez hai máis recitais. Desde hai dous ou tres anos a xente moi nova é a que fai recitais de poesía. Aí é onde se ve que hai xente que crea, que ten gañas de crear, que fai poesía moi diversa, moi ligada ao humor. As veces parece que humor e poesía non casaban ben, non é a imaxe que se ten, e pouca xente pensa que a poesía poda facer rir, que un ámbito moi necesario… De todos os xeitos, o que vamos facer o sábado 4 Pablo Seoane e eu no CGAC é un ladrillo duro de roer, non é un espectáculo de humor. (…)
– LVG: Que pegada ten o territorio na súa poesía?
– EC: Marca moito, non podo concibir a poética sen o territorio que habitei de neno e que sigo habitando de adulto. Dáche a linguaxe para explicar as cousas universais, que non se poden explicar sen aludir á praia, á area da praia, aos cantís… O territorio está sempre presente para explicar o universal, tomas eses elementos particulares para explicar o universal.
– LVG: Prepara novo libro?
– EC: Estou traballando en cousiñas. O importante e o bonito é que de repente un se atope coa necesidade de plasmar no papel cousas. Ando traballando. Non teño nada para saír de maneira inmediata. (…)”

Elvira Riveiro Tobío: “(r)escribo (en parte) o que me rodea, o que vexo, o que leo, o que ouzo, o que me revolve…”

EntrevistaElvira Riveiro por Carina Posse de Carlos Loureiro a Elvira Riveiro Tobío en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Que ten en realidade a poesía que te ten tan engaiolada a este xénero? Xamais probaches con outros xéneros literarios?
– Elvira Riveiro (ER): Teño escrito relatos, un pouco sen pena nin gloria. Supoño que me custa máis e me gusta menos escribir relato simplemente por unha cuestión de hábito. De hábito lector, máis tamén de preguiza. Dáme preguiza narrar. O que ten o xénero lírico, se é que aínda existe como tal a día de hoxe, é que (no meu imaxinario, polo menos) me permite unha maior liberdade, permíteme unha permanencia no caos sen sentirme incómoda e mais unha total indisciplina como investigadora, investigadora das historias que revela (ou non) o poema, quero dicir.
– NG: Todos os xéneros literarios teñen moita interdisciplinariedade con outras artes e falando da poesía, quizabes as máis próximas sexan a música e a imaxe… artes coas que convive a túa actividade lírica, ou non?
– ER: Ben, si… Ese contacto ou intersección entre artes, que ás veces se presenta como algo novo, rompedor, de vangarda… xa existía na literatura grecolatina ou nos cancioneiros galego-portugueses, por poñer un par de exemplos coñecidos. O feito de botar man doutras disciplinas consideradas artísticas ten no meu caso moito que ver con relacións persoais (con ilustradoras, con músicos…) e tamén co meu propio interese pola música e pola imaxe. Non se trata de descubrir a pólvora, desde logo, senón de xuntar materiais de diferente procedencia para darlle máis pulo e máis matices ao que escribo. Tampouco debería obviar que me parece evidente que procurar a simbiose de poesía con música, ou de poesía con imaxe, ou do que cadre en cada caso, ten un efecto directo na cantidade de público interesado na obra en cuestión.
– NG: E claro, aquí a internet cobra un peso moi importante na poesía, un xénero que a nivel editorial está a pasar por grandes problemas aquí en Galiza… Podería ser a internet o futuro máis inmediato do que até agora foi a poesía en libro?
– ER: O futuro é o libro, mais tamén a internet, os e-books, os recitais… Todo é futuro. Non creo que sexan soportes incompatibles e tampouco que (polo menos polo de agora) uns vaian matar aos outros. Os problemas que poida ter a poesía a nivel editorial penso que teñen que ver, non coa poesía en si, senón cun sistema editorial precario e dependente e, fundamentalmente coa educación en xeral e coa situación do idioma galego en particular. A verdadeira revolución non sería editar máis, nin máis poesía, nin facer máis recitais, nin… A verdadeira revolución para a poesía (e para o ser humano galego ou de Filipinas, tanto me ten) sería ter unha educación universal, pública e realmente de calidade. Ese debería ser o gran investimento de calquera país con ou (coma no noso caso) sen estado. Todo o resto, viría rodado (a poesía, a música, a ciencia, o equilibrio mental…) (…)”

Vigo: actividades destacadas do martes 7 de xullo na Feira do Libro

OFeira do Libro de Vigo 2015 martes 7 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:

– 19:00 h. Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Arias Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, publicada pola Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor F. Freixanes.
– 19:45 h. Presentación do último número da revista Grial.
– 20:30 h. Homenaxe poética a María do Carme Kruckenberg, organizada pola Editorial Galaxia e presentada por Mercedes Queixas Zas. Pechará o acto o grupo musical Xardín Desordenado.

Vigo: actividades destacadas do luns 6 de xullo na Feira do Libro

OFeira do Libro de Vigo 2015 luns 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:

– 18:30 h. Miguel Ángel Alonso Diz asinará exemplares de O valente coello que quixo soñar e outros libros seus na caseta da Libraría Andel.
– 19:45 h. Xosé María Álvarez Cáccamo e Fernando Casás, presentan Arqueoloxía da memoria, publicado polo selo editorial Niké de Urco Editora.
– 20:30 h. Antonio Piñeiro presenta A identidade fascinada, publicada por Galaxia. Participan, xunto ao autor, Ramón Nicolás e Carlos Lema.
– 21:15 h. Concerto presentación do CD Aprendendo a ladrar, por Xardín Desordenado recollendo a poesía musicada de poetas galegas.

Paseo poético por Ribadeo guiado por Xavier Rodríguez Baixeras

OXavier Rodríguez Baixeras Concello de Ribadeo e a AELG colaboran na organización dun paseo poético que da man de Xavier Rodríguez Baixeras nos permitirá coñecer o Ribadeo literario.
Será mañá, sábado 4 de xullo, a partir das 12 do mediodía e con saída no Parque dos Canapés, diante da Escola de Idiomas (como chegar), perto do lugar onde en 2012 se instalou o monólito e se plantou a palmeira que lembran a homenaxe “O Escritor na súa Terra” que a AELG rendeu a Xavier R. Baixeras.
O paseo inscríbese no programa de actividades da Feira do Libro de Ribadeo.

ruta literaria feira do libro

Vigo: actividades destacadas do sábado 4 e domingo 5 de xullo na Feira do Libro

OFeira do Libro de Vigo 2015 sábado 4 e domingo 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para estes dous días:

Sábado 4
– 18:00 h. Actividade infantil. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz. Organizada por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. Noa Pérez asina exemplares da súa obra O ocaso da familia Portela, publicada por Barbantesa, na caseta de Librouro.
– 19:45 h. Jorge Emilio Bóveda presenta A morte vén en chancletas, publicada por Enxebrebooks, acompañado de David Cortizo.
– 20:30 h. Iria Collazo presenta Coma unha áncora, publicada por Galaxia. Participará no acto Francisco Castro.

Domingo 5
– 19:00 h. Séchu Sende presenta A República das Palavras, publicada por Através Editora. Participará a cantora Alba María.
– 20:00 h. Recital poético do Grupo Brétema.

III Feira do Libro de Ribadeo (do 3 ao 5 de xullo)

Feira do Libro Ribadeo 2015 1Feira do Libro Ribadeo 2015 2