Ningún amante sabe conducir, poesía electrónica na estrada

Desde Letra en Obras:
“Palabra, música electrónica experimental e imaxes cabalgan xuntos na última videocreación baseada nun poema de Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988). O traballo realizouno o “Trío de Invert3brados”, tres músicos que traballan coa creación de sons electrónicos. O vídeo serve de presentación do último poemario de Rosalía Fernández: Ningún amante sabe conducir, que publicou recentemente Edicións Positivas.”

A Coruña: homenaxe a Luísa Villalta, O Papagaio: a pegada dos sentidos

Poemas da Mariña, de Miguel Anxo Mouriño

Miguel Anxo Mouriño vén de sacar do prelo Poemas da Mariña, dedicado, sobre todo, ás vivencias previas e posteriores ao nacemento da súa neta. Dadas as dificultades que atopou para editalo baixo un selo editorial, decidiu facelo como libro de autor. O autor creou este blog para recoller toda a información do libro.

Alberte Valverde: “Vexo Rompente constantemente: na crise económica, na situación do país que temos hoxe”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Alberte Valverde en Praza (foto da Universidade de Vigo):
“”Rompente é un espazo de convivio, de diálogo, e de experimentación. Foi o acicate necesario que houbo na Transición para renovar por completo o campo literario galego”. O pasado mes de decembro Alberte Valverde presentou na Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento, Elementos para a descrición e análise da vangarda no final do século XX na Galiza: o grupo Rompente (1975-1983), dirixida por Burghard Baltrusch. O traballo, unha biografía artística de Rompente, serviu para organizar, sistematizar, dixitalizar e dar a coñecer os textos poéticos, teóricos e performáticos do grupo, tanto os xa publicados e coñecidos, como unha morea de inéditos. “Ante a falta de interese de todas as editoriais” por publicar a tese -destaca-, o obxectivo inmediato é que estes textos, especialmente os inéditos, sexan difundidos a través da web, nun proxecto que deberá concretarse á volta do verán.
A maior parte dos textos inéditos que esta investigación saca á luz estaban nas propias bibliotecas persoais dos integrantes do grupo. Por exemplo, Alfonso Pexegueiro conservaba un inédito teórico de 1977, aínda que a meirande parte das descobertas foron feitas grazas a Manolo Romón, “auténtico arquiveiro de Rompente”, destaca Alberte Valverde. Ademais dos textos poéticos, Valverde destaca a importancia dos traballos teóricos sobre Teoría da Literatura, política ou ideoloxía na Galicia da Transición, “cunha importancia moi grande para o campo literario galego, porque fan unha reflexión na súa propia contemporaneidade”. E despois habería un terceiro grupo de textos, os máis deles inéditos, que serían os textos performánticos. “Rompente son os primeiros que traballan a performance de xeito serio, non como simples espectáculos poéticos. Os documentos das performances estaban inéditos, a única información que tiñamos era a través da prensa da época ou por exercicios memorísticos”, sinala. (…)”

Entrevista de Emílio Xosé Ínsua e Olalla Cociña

Entrevista Emílio Xosé Ínsua a Olalla Cociña, no blogue A Ínsua do Ínsua:
“(…) – Emílio Xosé Ínsua (EXI): En 2005, nunha entrevista para o diario El Progreso de Lugo co gallo da presentación en Viveiro do teu primeiro libro, indicabas, e cito literalmente, que “non me vexo adscrita a ningunha tendencia”. Xa te sentes máis “encadrada” no panorama poético galego? Con que outras autoras e autores sentes afinidade?
– Olalla Cociña (OC): Pois sigo sen verme “encadrada”, non me gustan as etiquetas e os moldes xeracionais adoitan ser reducionistas… Afinidades teño moitas, e tamén dependen de cada momento de escrita. Máis aló de afinidades eu entendo a poesía como un feito ou unha fala da amizade, e neste sentido poido falar da poesía “compartida” con Dores Tembrás, Branca Novoneyra, Gonzalo Hermo, Olga Novo, Xiana Arias, Luz Pichel, Estevo Creus ou Jesús Castro, entre outros poetas. (…)
– EXI: Na túa poesía, esencialmente íntima, está moi presente a idea da indagación: todo aparece envolto nun nimbo misterioso, como agardando pola revelación. E hai tamén moito de exploración da memoria, de revisitación das raíces da propia identidade. Estás conforme con que sexan estas algunhas das chaves da túa poética?
– OC: O poeta Nobel Tomas Tranströmer di que un poema é un soño realizado en vixilia, que soño e poesía teñen leis compartidas. Non podo estar máis de acordo. A poesía está feita do mesmo material que os soños, onde sempre hai algo de indagación na memoria e por onde axexamos a propia identidade, e todo isto, velado. O misterio. Sen poesía non hai misterio.
– EXI: Cóntanos como naceu e en que consiste esa iniciativa que animas desde hai algún tempo en Compostela, xunto con Branca Novoneyra, que se denomina Picaversos.
– OC: Pois é un ciclo de lecturas poéticas onde convidamos a tres persoas a compartir poemas propios e favoritos arredor dun lema. Veñen do mundo da literatura, mais tamén da música ou do teatro. Naceu pola ansia de facer algo novo, autoxestionado, ocupando un espazo distinto diante dunha programación tristeira. Queríamos gozar e facer gozar da poesía en vivo fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público, e penso que o fomos conseguindo. Este é o terceiro ano que o organizamos, coa colaboración do pub Modus Vivendi, onde se celebran a maioría das sesións, pero tamén da Universidade de Santiago, este ano fixemos algunha sesión en espazos cedidos pola USC. (…)”

Daniel Salgado: “Declararon unha guerra contra todos nós e non nos decatamos ou non a tomamos en serio”

Entrevista de Montse Dopico a Daniel Salgado en Praza:
“(…) – Montse Dopico (MD): María do Cebreiro e ti publicastes xuntos A guerra. Non se distingue o que escribiu un e o outro… Como foi o proceso de creación?
– Daniel Salgado (DS): Sempre estamos conversando: por correo, por teléfono, en persoa… A guerra comezou como un intercambio de poemas, noticias, fragmentos de textos… que foi moi seguido e tivo unha continuidade no tempo. Nun momento pensamos que de todo aquel magma de conversas podía saír un libro. O que fixemos foi seleccionar, revisar, reordenar… Os textos son dos dous. Pero tampouco houbo unha intención de que non se saiba quen escribiu cada parte… Propuxémoslle o proxecto á editorial Barbantesa e aceptaron encantados. Ademais quedou moi ben a portada, co anxo de Paul Klee que a Walter Benjamin lle inspirou a súa teoría do anxo da historia. Unha revista académica americana, Abshynte, vai publicar anacos de A guerra nun monográfico sobre novas escritas de Europa. A proposta foi de Neil Anderson, que fixo a tradución ao inglés.
– MD: Hai unha continuidade entre todos os teus libros. Sempre estivo presente neles a loita de clases, a consciencia de pertencer a un recuncho de Occidente… Mais desde Os poemas de como se rompe todo e ruído de fondo describes unha paisaxe de cascallos, ruínas, que antes máis ben intuíase.
– DS: Todos os meus libros teñen que ver, e de maneira consciente, co noso tempo, individual e colectivo. Gústame que se note, ademais. Si hai unha continuidade, e pode que si, que haxa agora unha confirmación dunha catástrofe que antes se intuía. E non é só cuestión de política, ou si o é mais no sentido de como nos afecta, como colectividade, o que está a pasar, como afecta ás nosas relacións como individuos. En canto á maneira de escribir, ruído de fondo levoume a unha calella sen saída. Porque vai ata o final dun xeito de entender a linguaxe que non consigo levar máis alá, que me levou a un punto morto. Non sabía como continuar. E neste último libro, Dos tempos sombrizos, tentei romper con iso. De feito envieino a un premio para obxectivalo, porque era un salto tan grande que non sabía se funcionaba… Por iso é un libro con moitas referencias concretas, con dedicatorias a amigos… Quixen rexistrar cousas de maneira directa. (…)”