A Coruña: obradoiro De misterio e técnicas, por Dores Tembrás

Desdeef82f24141c153e29bb7f35d3aabc287 Apiario:
Co aninovo arrincamos un curso de escrita creativa na Coruña. Os luns (19.00-21:00) aproximarémonos á literatura da man de Dores Tembrás dende dúas perspectivas: misterio e técnica. Emoción e mensaxe. Todo para adentrarnos na trampa, para descubrir o motor do texto. Un dos obxectivos é analizar o estrañamento que ten lugar cando un poema ou unha prosa nos toca. Traballar dende o íntimo ao universal. Percorrer os grandes tópicos, achegarnos ás palabras da tribo. Procurar as chispas metálicas que desprenden o contacto de determinadas palabras e analizar o traballo de grandes escritores universais (Cortázar, Marai, Müller, Pizarnik, Valente, Paz…) co fin de fascinarnos e tentar acceder ao mecanismo do poema e a maquinaria do texto.
Queres escribir? Buscas un espazo onde compartir a túa escrita e adquirir novas técnicas?
Estamos en Apiario (Rúa Pondal 4, Entrechán Esq.) Dende o luns 12 de xaneiro podes achegarte cando queiras.
Matrícula e toda a info: info@apiario.eu”

Carlos Negro: “Cómpre combater a idea de amor que perpetúa os roles de ‘machito’ e princesa”

EntrevistaCarlos Negro de Romina Bal a Carlos Negro en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que te decidiches a escribir Penúltimas tendencias?
– Carlos Negro (CN): En cada poemario gústame cambiar de voz, xogar coa poesía. Neste caso quixen poñerlle voz a unha moza contemporánea. Nas mozas os roles de xénero están moi marcados, expostos totalmente ás mensaxes cargadas de estereotipos grazas aos medios de comunicación. Pretendo que reflexionen sen xulgalas, sementando dúbidas. Hai dez anos non vivían no inmediato das redes sociais e, aínda que existe máis información, tamén hai máis lixo. Penúltimas tendencias é a resposta a un retroceso na liberación dos estereotipos. (…)
– P: Cal era o teu obxectivo?
– CN: Empregar esa linguaxe pop, a que falan as mensaxes que dirixe a publicidade e crear unha moza ficticia que esta cambiando e que cuestiona ese mundo ou que dubida del. Combater esa linguaxe de Crepúsculo, Xogos da Fame, One Direction, Hanna Montana… e provocar emoción a través dos versos, quitarlles o medo, o medo á poesía, tamén a súa transcendencia. O libro aposta pola diversidade de emocións das adolescentes para que sexan libres, pula polo dereito á intimidade para que sexan conscientes de que hai experiencias persoais que non teñen porque compartir. Turra para que se cuestionen a realidade. (…)
– P: Como son os obradoiros que desenvolves nas aulas e cal é a túa experiencia?
– CN: Adoito levar comigo unha serie de obxectos que emprego para combater o consumismo e os roles de xénero, a violencia tamén. Levo espellos, gloss, maquillaxe, pinta unllas… Creo certo misterio arredor deles para que se amosen atentos botando man de bonecas góticas ou barbies e fágoos pensar sobre o que quero transmitir en poemas meus como por exemplo en Casual look, Monster girl, Gótica ou en Princesa (contra) Disney. Tamén facemos cuestionarios como o que hai no libro e achego a visión da protagonista en poemas como Superpop e Guapa y a la última, entre outros. Emprego a poesía como ferramenta de aproximación e elas responden moi ben. Nun dos últimos obradoiros que desenvolvín no CPI Miño regaláronme unha morea de poemas contestando ao meu A que sabe o amor? e fiquei moi feliz. (…)”

Manuscritos: Francisco Añón

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Froito da colaboración que establece xenerosamente a Fundación Penzol con este blogue, para divulgar algúns dos seus fondos bibliográficos manuscritos, ofrécese aquí un poema manuscrito de Francisco Añón (1812-1878). Para recabar algunha información sobre a composición “Alma en pena”, ou tamén coñecida como “A pantasma“, vistas as dificultades que presentaba o orixinal para a súa lectura e interpretación decidín acudir a Ramón Blanco, profesor, poeta e salientable investigador sobre Añón que sistematizou unha mostra do seu saber oceánico sobre este poema. Coa autorización do autor de Emily on the road, comparto abaixo boa parte das súas reflexións pois axudan a entender cabalmente a composición, tanto a súa intrahistoria como a súa peripecia ecdótica. Beizón, ao profesor Ramón Blanco pola súa estimable lección. (…)”

ac2a6on_009148_0001ac2a6on_009148_0001-1ac2a6on_009148_0001-2ac2a6on_009148_0001-3

Celso Emilio Ferreiro en mapuche

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“(…) Cómpre seguir desenversando a Celso Emilio e mais nun tempo como o actual e para iso incorporo aquí unha tradución do celebérrimo “Irmaus” ao mapuche, que se publicou no ano 1993 e que vén da man, como se sinala, do “Centro Cultural Mapuche”. Sinto carecer de máis datos sobre a publicación titulada “Pu Peñi”, onde viu a luz ao se tratar dunha fotocopia solta que tiro dos fondos cedidos pola Fundación Celso Emilio Ferreiro.”

poema-irmaus-en-galego-e-mapuche1

Taboleiro do libro galego XXIX (decembro 2014), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Un mes máis, e un ano máis, velaquí o primeiro “Taboleiro do libro galego” que incorpora aqueles libros de noso máis vendidos, neste caso no pasado mes de decembro, mercé á puntual e xenerosa colaboración dun total de trece librarías galegas como son Trama, Paz, Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar, Pedreira, Couceiro, Aira das Letras e Lila de Lilith. Grazas ás librarías colaboradoras, ás editoriais que fan posible estes libros e, por suposto, ás creadoras e creadores que os conciben e nolos ofrecen.

NARRATIVA
1º-. Ofrenda á tormenta, de Dolores Redondo, Xerais.
2º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
3º-. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, Galaxia.
4º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
5º-. Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala, Galaxia.
6º-. Conduce rápido, de Diego Ameixeiras, Xerais.
7º-. Hostal Norte, de Xosé Duncan (ilustracións de José María Picón), Urco.

POESÍA
-. Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, do Colectivo Ronseltz, Edicións Positivas.
2º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
3º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
4º-. Tempo de exilio, de Joseba Sarrioinaindia, Faktoría K de Libros (tradución de Isaac Xubín).
5º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.

ENSAIO-TEATRO
-. Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira, Através Editora.
2º-. A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci, Kalandraka (tradución de Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez).
3º-. Historia da Literatura Galega II, de Xosé Ramón Pena, Xerais.
4º-. Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, Galaxia.
5º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.

XUVENIL
-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
-. Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros, Xerais.
-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
-. Dragal III, de Elena Gallego, Xerais.
-. Os megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña, Xerais.

INFANTIL
-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Ribas, Xerais.
-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso Diz e ilustracións de Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
-. Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, de Chema Heras (e ilustracións de Kiko Dasilva), Kalandraka.
-. Antón e o Apalpador, Barafunda Animación.

LIBROS CD-DVD
-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
5º-. Cocido sinfónico, de Os tres TENedORES, Galaxia.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Historias de Icía e Avoa (condensadas), de Sabela Arias Castro, Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos.
3º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.

OUTROS
1º-. Calendario Xerais 2015 (Xerais) e Luzes, nº 12, novembro 2014.
2º-. Cociñando con Benigno Campos, Galaxia.

Yolanda Castaño: un banzo máis na escada iniciada por Rosalía de Castro

EntrevistaYolanda Castaño a Yolanda Castaño en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Rexeitamos plenamente falarmos de literatura con voz de muller por cuestións obvias, pero sen embargo temos que recoñecer o forte pulo que mulleres poetas aportaron á nosa poética contemporánea, ou non? Canto lles debemos a voces como Luz Pozo, María Xosé Queizán, Helena Villar Janeiro, Xohana Torres…?
– Yolanda Castaño (YC): Efectivamente non se pode falar dunha poesía cun membrete que a cualifique absurda e uniformemente como “poesía de muller” (tan ridícula como unha suposta “poesía de home”), pero si podemos falar das diversas poéticas de mulleres, obras literarias abordadas por autoras, en moitísimos casos –ademais- cunha patente marca de xénero. Aí hai calidade, diversidade, diría que ambición literaria, incansable procura, e mesmo capacidade de risco. Abofé que as achegas son incalculables e tanto lles debemos. Moitas abriron os camiños para nós e trazaron modelos novos, logo de que o fixera a gran Rosalía. Propuxeron sendas distintas e amplas, auténticas e comprometidas coa palabra. Dado que o discurso literario estivera durante séculos en mans masculinas, por forza a incorporación da muller a ese discurso vai traer un aire fresco que xa non terá volta atrás.
Con todo, debemos ser coidadosos, atender a cada achega en particular e non entusiasmarnos autocompracentemente co mero feito da autoría feminina ou co fenómeno que en si mesmo significou. (…)
– NG: Antes falamos da interacción. Interactuaches a túa lírica coa música, coa imaxe, co audiovisual… Mais, como xustificar a interacción entre poesía e gastronomía (Cociñando ao pé da letra)?
– YC: Nese libro tratamos de descubrir canto se parecen entre si todos os procesos creativos, e a cociña tamén o é. Escollín a 22 dos mellores escritores/as galegos/as de todos os xéneros literarios e pedinlles dúas cousas: que reescribisen unha receita coa que tivesen algún vínculo emocional –e a abordasen dende un alento literario, non técnico ou teórico- e que logo a cociñasen para nós. Ingredientes, doses, condimentos… Comprobamos canto se parece o modus operandi dun creador/ou creadora xa sexa enriba da páxina en branco ou sobre o mesado da cociña.
– NG: E conectando co anterior, non podemos deixar pasar sen que nos fales de Tender a man.. Como xurdiu esta iniciativa de mestura de poesía, danza, imaxes, performance…?
– YC: Xurdiu ao tratar de crear un diálogo da poesía con outras linguaxes creativas como as que mencionas, un diálogo que pode resultar moi rico e estimulante, capaz de ofrecer ao lector/a máis asideiros, máis pistas. Este tipo de proxectos colectivos, nos que distintas disciplinas artísticas serven a un mesmo contido, teñen tamén a virtude de facernos transcender a soidade da escrita, aprendendo a achegarnos ao outro, ao código dos outros, enriquecéndonos con esa ollada dende fóra capaz de darnos respostas, ou quizais de propoñernos novas cuestións.
– NG: Desde logo que na túa poética acharemos todo tipo de temáticas, pero por que a maior parte da crítica salienta o tema erótico da túa poesía? Non será que aínda perviven certos tabús na literatura?
– YC: Non creo que a crítica documentada saliente tanto esa temática, dado que non a volvín tratar dende o ano 1998… Creo que o que ocorre é que os comezos de calquera escritor ou escritora –máxime se son, se cadra, tan profusos e ‘movidos’ coma o foron os meus- tenden a eclipsar a evolución que veña despois. Niso, os medios de comunicación tamén fan moito: teñen présa por encadrar e simplificar en tres trazos. É certo que o noso pensamento é limitado e tendemos a caracterizar simplistamente para poder manexar mellor as ideas. Os lectores/as pouco atentos poden correr o risco de descansarse nese encadramento doado, acomodaticio e limitante, en lugar de esculcar de máis preto todo o que veu despois dos anos 1995-98. Á vez, pode que a algún tipo de persoas lles chame tanto a atención o tratamento do corpo ou da sexualidade que xurda unha vez máis ese efecto ‘eclipsador’ do resto de contidos. (…)”