Arquivo da categoría: Poesía
Santiago: Roteiro A lírica medieval en Santiago
Santiago: recital poético de Iman Mersal
Ferrol: presentación de Currículum oculto, de Arturo L. Regueiro
O venres 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32), terá lugar a presentación-concerto de Currículum oculto, poemario máis CD musical, de Arturo L. Regueiro. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Luís Mosquera Camba e os músicos de Caliza Cajún: Luís Cuntín (voz), Cabe García (guitarra), Óscar Painceiras (contrabaixo) e Víctor Sánchez (clarinete).
Parlamento das Letras: Medos Romero
Entrevista de Armando Requeixo a Medos Romero no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Medos Romero (MR): Eu creo que o que máis precisa a nosa literatura é visibilidade social: estar nos escaparates das librarías, estar na televisión e nos medios de comunicación en xeral, en definitiva, formar parte da sociedade. Podería dicir tamén que precisa apoio institucional, mais que podemos agardar dun goberno que rexeita a normalización do idioma no que se escribe a nosa literatura? En canto ao propio contido da literatura, o que creo que lle sobra é aquela escritura que se elabora á marxe da vida, porque neses casos o texto non ten o pulso necesario e acaba por caerlle das mans ao lector. (..)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MR: Penso que en calidade nada temos que envexar a outras literaturas, mais o noso problema é que a literatura galega precisa tamén, ademais de autores e de libros, de lectores. E aí imos para atrás. Por iso é tan imprescindíbel e valioso o traballo constante que ti e outras persoas estades a levar a cabo para facer visíbeis as nosas letras e para favorecer o interese polas obras que se escriben en galego. Nunca vos poderemos pagar o voso labor pola difusión da literatura galega. (…)”.
Vigo: presentación de Monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás
A Coruña: Poesía+Poesía, obradoiro dirixido por Dores Tembrás
O obradoiro Poesía+Poesía, dirixido por Dores Tembrás, pretende ser unha rota de achegamento, ou varias rotas, das moitas posíbeis, á poesía galega contemporánea. Ao longo das sesións procuraremos distintos xeitos de ler que nos permitan adquirir ferramentas e aprofundar en aspectos concretos dalgunhas poéticas actuais. Cinguirémonos, na maioría dos casos, á exéxese dunha selección de textos de autores que abarcarán dende poetas dos oitenta ata novísmos creadores recén saídos do prelo. Todo co obxectivo de aplicar esas ferramentas á escrita creativa, recoñecendo os puntos fortes que caracterizan cada estilo e fortalecendo os máis débiles. A metodoloxía é sinxela: acometer a interpretación do texto dende o traballo coa palabra. Un camiño de dobre dirección da palabra ao poema e viceversa. O que nos interesa é explorar os distintos xeitos de ler, diferentes modos de enfrontarnos a un texto, tendo en conta que non hai unha única lectura por cada lector, senón que a experiencia lectora é un fenómeno múltiple. A atención que se adoita concentrar nos recursos estilísticos verase ampliada sustancialmente, prestándolle especial atención á palabra, á arquitectura do texto, á emoción. Neste sentido dende o primeiro intre establécese que o importante para chegar ao poema é a intuición. Non é precisa unha formación previa para ler poesía, aínda que esta poida enriquecer a lectura.
RESUMO
– Nivel: Iniciación.
– Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
– Horario: Todos os martes de xaneiro a marzo, de 18:00 a 20:00 horas.
– Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
– Inscrición: aquí.
– Nivel: Medio (previa entrevista).
– Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
– Horario: Todos os martes de xaneiro a marzo, de 20:00 a 22:00 horas.
– Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios de Polisemias.
– Inscrición: aquí.
A Coruña: recital de Chus Pato e Iman Mersal no Ciclo Poetas Di(n)versos
O luns
14 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Chus Pato e a poeta exipcia Iman Mersal.
Redondela: Con dez poemas por barba, recital de María Lado e Lucía Aldao
A Real Academia Galega recibe a doazón do manuscrito de Ramón Cabanillas A rosa de cen follas
“Un verso de Rosalía dá título á obra mais íntima, depurada e delicada de Ramón Cabanilas, A rosa de cen follas. Un poemario con composicións de amor que evidenciaron no seu momento (1927) a un escritor preocupado pola sinxeleza formal. O mecanoscrito orixinal deste texto, cunha dedicatoria do autor a Enrique Peinador Lines, repousará desde o xoves 10 de xaneiro nos fondos da Real Academia Galega. Isto é posible grazas á doazón que lle fará á institución Jorge Parga Peinador, fillo de Parga Pondal, e neto de Enrique Peinador. O acto de entrega, que terá lugar na sede da institución o xoves 10, inclúe tamén poemas orixinais e fotografías do poeta coa súa familia.” Desde Cultura Galega.