A Coruña: recital de Emma Pedreira e Carole David no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 10 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Emma Pedreira e a poeta francófona quebequesa Carole David: DINVERSOS- Folleto 3 2012-12.

A Coruña: recital de A hostia en verso: Poetas Carnívoros vs. Poetas Veganos

O martes 4 de decembro, ás 20:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar unha nova edición de A hostia en verso, baixo o título Poetas carnívoros vs. poetas veganos. Conducido por Lucía Aldao e María Lado, o recital enfrontará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, Nolim González, Xabier Xil Xardón, Estíbaliz Espinosa e Cesáreo Sánchez Iglesias nun duelo sen tregua. O elenco complétase coa música en vivo de Mig Seoane.

Boiro: nova edición do Slam Arousa

“Slam Arousa volverá aos bares a vindeira semana. Neste caso á Pousada das Ánimas, en Boiro, durante a ponte, o día 6 de decembro, ás 22:30 horas. Nesta ocasión participarán os gañadores das edicions anteriores, como convidados (Celia Parra e Ramón Blanco).
Normas de recitado slam.arousa:
– Podes recitar calquera texto sempre que sexa teu e non dure máis de 3 minutos. A partir de 3 minutos, descóntase puntuación sobre o veredicto do público.
– Non podes usar música, disfraces ou accesorios.
– É tan importante o texto coma un bo recitado. De feito, o único importante é conquistar ao público.
– Non é imprescindible saber o texto de memoria… pero axuda, claro!
– Por votación popular decídense 3 finalistas, que volven recitar un texto (preferentemente diferente, para gañarse ao público), esa mesma noite.
– Destes 3 finalistas, sempre por votación popular, vén seleccionado o gañador que pasa á final na Illa de Arousa, no mes de marzo.
– O gañador, pode, se quere, volver recitar tras resultar vencedor para deleitar ao público.” Desde Certo.

O retorno ao recital (II)

Reportaxe en Cultura Galega:
“A poesía recitada continúa a reclamar o seu espazo na nosa cultura. A iniciativas como os recitais Poetas Di(n)versos, Picaversos ou Poetas da Hostia, súmanse novas propostas. Os Slams Poéticos están a levar a Arousa e Vigo un torneo de recitados, mentres esta última cidade vía recentemente a segunda edición do seu Festival Polipoético. A poesía pide a palabra.
Sther F. Carrodeguas é a responsable do Slam Poético Arousa, unha iniciativa que chegou este outono á nosa terra. Un Slam poético consiste nun torneo, baseados nas competicións de hip-hop, n o que dous competidores len textos propios sen contar con máis recurso do que a súa voz e presenza, sen música ou obxectos de apoio. De cada unha destas roldas un xurado selecciona un dos participantes ata chegar a unha final, da que sae o gañador da rolda. Segundo explica a coordinadora, o proxecto xurdiu dun obradoiro que deu a poeta catalá Irene La Sen sobre este tema en Rianxo. “Eu xa levaba un tempo traballando na cuestión dos recitais, e esta fórmula pareceume bastante sinxelo de organizar. Entón primeiro pensei en o facer aquí, aos poucos foron empatando as cousas e ao final ampliou a toda a Ría de Arousa”. O proxecto intégrase na liga que se celebra a nivel estatal “vai haber seis sesións cada ano, que é o número imprescindible que permitirá que o finalista poida acudir á final estatal. Decidimos organizar un cada mes, de vila en vila, serán cinco roldas locais e despois unha final que quero que sexa na Illa de Arousa, aínda está por fechar”. O que asista á final estatal terá a opción de recitar en castelán, con subtítulos nunha pantalla ou sen apoio de ningún tipo. (…)”.

Terceiro número de Revista de Poesía

“Desde xa pode lerse e baixarse en pdf o número 3 completo da Revista de Poesía, proxecto semestral do Grupo Alea de Análise Poética dirixido a investigadores/as e público en xeral. Inclúe artigos, reseñas e traducións sobre poesía galega e internacional.
poesiagalega.org pon a disposición pública o terceiro número da súa Revista de Poesía, cuxo comité de redacción está formado por Arturo Casas, Margarita García Candeira, María López Sández, Montse Pena Presas e María do Cebreiro Rábade Villar.
Esta será a última entrega da xeira que se inaugurou hai un ano. Vén coincidir coa finalización das actividades programadas para o trienio 2010-2012 polo GAAP e o equipo do proxecto de investigación poesiagalega.org.”