Lugo: comeza a Feira do Libro

O martes 14 de maio bota a andar a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados nestes dous días:

Martes 14
19:00 h. Inauguración da feira. Actuación dos alumnos do Conservatorio de Música de Lugo. Intervencións institucionais. Dentro da programación inaugural, actuación de María Lado e Lucía Aldao, co seu espectáculo de poesía, historias e música Con dez poemas por barba.
20:00 h. Urdime Teatro representa Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, charla posta en escena entre a actriz Laura Ponte e o dramaturgo e fillo do autor, Roi Vidal Ponte.

Mércores 15
19:00 h. Presentación do libro Feminismos, da escritora María Reimóndez, publicado por Edicións Xerais. Xunto coa autora do libro, participará no acto Encarna Otero. Ao remate da presentación, a escritora asinará exemplares da súa obra na caseta da Libraría Trama.
20:00 h. Coloquio con humor: Contos das 3.651 noites. Divertidos relatos a cargo de Lois Pérez.

Betanzos: recital poético e musical na Libraría Carricanta

O mércores 15 de maio, ás 20:30 horas, na Libraría Carricanta (Rúa Doutor José Fariña, 1) de Betanzos, terá lugar un recital coas intervencións poéticas de Pedro Casteleiro, François Davo, Eduardo Estévez, Tati Mancebo, Luís Mazás e Ramiro Torres, en diálogo coa música en directo de César Morán.

Vimianzo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O sábado 11 de maio, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Vimianzo, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Vimianzo e o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, participan, xunto ao autor, Manuel Antelo, Chus Barbeira, Concha Blanco, Alexandre Nerium e Manuel Bragado.

Henrique Monteagudo: “O Cancioneiro de Afonso Paez testemuña que o cultivo poético do galego permaneceu despois da escola lírica galego-portuguesa”

Entrevista a Henrique Monteagudo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como foi o achádego do Cancioneiro de Afonso Paez?
– Henrique Monteagudo (HM): A descuberta foi realizada en 2011 por Dolores Pereira Oliveira, do Arquivo Histórico Provincial de Lugo, e Gabriel Quiroga, daquela Director do Arquivo de Galicia. Estaban a revisar un rico fondo documental propiedade de dona Pilar Iglesias Osorio, un fondo que proviña dunha rama da familia Osorio, unha das máis relevantes da nobreza galega da idade moderna, aparentada cos Pita da Veiga, os Andrade e os Lemos. Ese fondo contén documentos de distinto tipo desde o século XV en diante.
Sorprendeulles atopar polo medio uns textos en verso galego, xuntos a uns instrumentos notariais labrados en Ferrol entre 1432 e 1435. Gabriel pediume que informase sobre a antigüidade, carácter e valor filolóxico daqueles textos. Ao comprobar a súa data e ver que eran totalmente inéditos, decateime inmediatamente de que estabamos ante un testemuño excepcional do cultivo poético do galego nos finais do século XIV e comezos do XV. A sospeita inicial converteuse en certeza ao analizar a súa lingua e comparalos coas composicións coetáneas contidas no Cancionero de Baena, compilado en 1435.
E, por certo, o achado demostra a importancia de contar cun bo corpo profesional de arquiveiros, que fan un traballo magnífico e pouco lucido, pero que resulta fundamental para a conservación e valorización do noso patrimonio, tamén el ameazado pola política de recortes dos servizos públicos. (…)
– SG: Que relevancia ten para a nosa historia literaria a aparición destes textos?
– HM: O cancioneiro testemuña que, contra o que se pensaba, o cultivo poético do galego permaneceu despois do apagamento da escola lírica galego-portuguesa, isto é, despois de 1350. E non só nas cortes de Castela e en man de poetas basicamente casteláns, senón tamén en Galicia e por poetas galegos. Isto é extraordinario, se pensamos que en Portugal non temos case ningún exemplo de poesía desde 1350 ata case a metade do século XV. Por outra banda, a poesía en castelán dese período, recollida no Cancionero de Baena, ten un carácter ben distinto aos textos que acabamos de traer a lume. En realidade, o descubrimento ten unha grande importancia para toda a historia literaria peninsular. (…)”