Escritor Galego Universal 2024: Joseba Sarrionandia


A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi.

Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika. É membro da Euskaltzaindia e tradutor de Eliot ou Pessoa. Ten publicado arredor de corenta títulos de narrativa, poesía, ensaio ou literatura infantil. Ademais, Sarrionandia foi un dos tradutores ao éuscaro dos clásicos da literatura galega.

Nas anteriores edicións recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, Mariasun Landa, José Luandino Vieira, Ana Luísa Amaral e Lydia Cacho.

O autor recollerá o seu Premio honorífico como Escritor Galego Universal, no marco da Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2024, que terá lugar o 11 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

O venres, sexta feira, 10 de maio, a partir das 19:30 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), terá lugar un coloquio coa presenza de Joseba Sarrionandia, acompañado por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Isaac Xubín, escritor e tradutor da súa obra ao galego.

Podcast en homenaxe a Xoán Xosé Fernández Abella no Ateneo de Santiago

Desde o Ateneo de Santiago:
Xoán Xosé Fernández Abella, escritor e mestre, naceu en Monforte de Lemos en 1933. Entre o ano 66 e o 72 estivo emigrado en Venezuela. Posteriormente, en Galicia, estivo vinculado a lugares como Ortigueira, A Estrada ou Teo. Hoxe escoitaremos seis poemas del e remataremos o programa coa canción Quérote tanto, meniña, de Tino Baz.”

O programa pode escoitarse aquí.

Compostela: actividades do 4 de maio na Feira do Libro 2024