O venres 14 de outubro, ás 20:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Gratas e boas novas, de Celso Fernández Sanmartín. No acto, acompañando ao autor, participan Dores Tembrás e Eva Veiga, e os músicos Benxamín Otero (oboe) e Carlos Quintá (acordeón diatónico).
Arquivo da categoría: Poesía
Lugo: presentación da obra poética completa de Xosé Lois García
O venres 14 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participa Camilo Gómez Torres.
Santiago: presentación de Un mundo de mulleres, de Carmen Blanco
O xoves 13 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro da profesora e escritora Carmen Blanco Un mundo de mulleres, publicado en Biblos Clube de Lectores. No acto intervirán, coa autora, María Xosé Agra e Tucho Calvo.
Bruxelas: recital poético multilingüe coa participación de Xavier Queipo
O martes 11 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Passa Porta de Bruxelas, terá lugar un recital poético multilingüe, onde Xavier Queipo vai ler textos en galego, lingua que estará en pé de igualdade con outras moitas linguas que se falan en Bruxelas.
Múnic: recital poético de Yolanda Castaño no Instituto Cervantes
O luns 10 de outubro, ás 19:30 horas, no Instituto Cervantes de Múnic (Alfons-Goppel-Str. 7), dentro das Xornadas de Literatura Galega organizadas por esta entidade, terá lugar un recital poético de Yolanda Castaño, moderada pola xornalista Gabriele Knetsch.
Cultura levará a Fráncfort edicións en inglés de Pereiro e Cunqueiro
“O mércores
comeza a Feira do Libro de Fráncfort e Galicia estará presente a través do traballo de 19 das súas editoras. Ademais, a Xunta presentará a súa colección Galician Classics, e dará a coñecer dúas novidades recentes, como son as traducións ao inglés da poesía de Lois Pereiro, homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, e de Xente de aquí e de acolá, de Álvaro Cunqueiro, baixo o título de Folks from Here and There. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentará estas dúas novidades o vindeiro venres.” Vía La Voz de Galicia.
A relación de editoriais que forman parte do expositor institucional son: Edicións Tambre, Edicións Xerais de Galicia, Biblos, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Editorial Everest, Espiral Maior, Editorial Toxosoutos, Baía Edicións, Ideaspropias Editorial, OQO Editora, Ediciones Linteo, Edicións Embora, Andavira Editora, Rinoceronte Editora e Alvarellos Editora. (Vía Galaxia).
Chegou xa ás librerías Bretemada, poemario inédito de Gonzalo López Abente
Chegou xa ás librarías Bretemada, un poemario inédito do escritor muxián Gonzalo López Abente publicado conxuntamente pola Fundación López Abente e a Editorial Alvarellos na Colección Rescate. O manuscrito orixinal do ano 1922, integrado por cen poemas, atopábase na Real Academia Galega, que permitiu a edición a cargo de Miro Villar con limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín. Gonzalo López Abente, escritor e activista cultural a quen en 1971 se lle dedicou o Día das Letras Galegas, escribiu os poemas de Bretemada (unha metonimia de Galicia) entre os anos 1917 e 1922.
Santiago: presentación da obra poética completa de Xosé Lois García
O martes 11 de outubro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participan Héitor Picallo, Uxío Novoneyra Rei e David González Couso.
Pontedeume: Homenaxe a Ramiro Fonte, o domingo 9 de outubro ás 12:30 horas
Con motivo do terceiro cabodano, o recordado Ramiro Fonte será homenaxeado o próximo domingo 9 de outubro, ás 12:30 horas, na praza das Angustias (en Pontedeume), onde viviu durante a súa infancia. Alí descubrirase unha placa e leranse algúns dos seus poemas por Euloxio Regueira, Cristina Fraga, Ainé Chao Valera e Xosé María Álvarez Cáccamo. Neste acto participará tamén a súa compañeira, Elsa Baluja.
A iniciativa pretende ser unha reivindicación popular do valor literario deste autor e nace coa intención de converterse nunha cita anual. “Non nos gustaría que a súa obra puidese caer no esquecemento ou ser usada en beneficio de vaidades persoais ou de institucións”, indican os organizadores. “A súa obra é un patrimonio cultural. É de todos vós, lectores. E como amigos de Ramiro, queremos axudar a que a xente se achegue a ela e a coñeza”, engaden. “Ramiro teimaba en que a tarefa artística fose un camiño individual e libre, en que o intelectual non se deixase condicionar polos ditados do mercado nin servir intereses espurios”.
Este acto estará complementado por diversas actividades de divulgación da súa figura.
Vigo: nova edición do Círculo Poético Aberto
O sábado 8 de outubro, ás 23:00 horas, no Café Uf Negra Sombra (Rúa Pracer, 19) de Vigo, terá lugar unha nova edición do Círculo Poético Aberto promovido polo Grupo Penúltimo Acto.