Dores Tembrás: “Son miles os valedores do galego. Todos xuntos conseguiremos medralo”

Entrevista a Dores Tembrás en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH):O pouso do fume, podería ser ese sedimento-sentimento que fica en nós tal que unha canción inacabada, unha lembranza que queremos recordar así, pero que a nosa timidez que impide saber (ou non querer saber) que nin sequera a morte é quen para deter ese proceso metamorfósico do mesmo fume que antes foi lume máis alá da sinonímica sinestesia. Podo ou non, referirme ao teu libro Dores, pero en todo caso é un nobre pretexto para falar do seu significado e da posibilidade dos seus significandos… É unha corpórea polisemia que foxe de si e do presentimento da derrota, do imposíbel esquezo…?
Dores Tembrás (DT): O pouso do fume é memoria, un intento de apreixar o que xa non é, cristalizar o que se esvae. Arredor do poemario hai unha constelación de palabras que poderían servir de resposta á túa pregunta: COMBUSTIÓN, OXIDACIÓN, POUSO, lume, orixe, palabra, silencio, comuñón, morte, fe, legado, infancia-infancia-infancia, dor, matriarcado anónimo, desaprender, ausencia, desafío, prodixioso, mestres, discípula, extinción, ofrenda. Na miña adicción ao pasado, a infancia é o centro que me permite embalsamar a perda, ambarizala, e sempre a derrota, a ferida (esa cita precisa de Chantal Maillard que cita Olalla Cociña no extraordinario Libro de Alicia ), de aí a palabra. (…)
GH: A poesía é esencial na túa vida… Transcende da palabra ao acto, á actitude?
DT: Entendo que eu vou na procura da poesía, coido que é unha cuestión de dirección, non tanto un estado, na liña do que comentaba antes: unha pulsión que me somete, á que me someto, no proceso.O poético é unha vía multidireccional que, en ocasións, se percorre varias veces. Por exemplo, cando me asalta o poético no acto ou na actitude, de aí á alquimia da palabra, que de novo, pero non sempre, pode transcender ao acto-actitude. É coma un ciclo completo, con tódalas metamorfoses imaxinábeis, retroalimentándose.”

A Coruña: presentación de Os papeis do vagabundo, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón

O martes 30 de novembro, a partir das 20:00 h., no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o poemario Os papeis do vagabundo, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón, publicado en Espiral Maior. No acto, ademais do autor, participan Miguel Anxo Fernán-Vello e Xavier Seoane.

Vigo: presentación de De sombras e poemas que son casas, de Xosé María Álvarez Cáccamo

O luns 29 de novembro, a partir das 20:00 h., na Casa del Libro (Rúa Velázquez Moreno) de Vigo, o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo presenta o seu libro De sombras e poemas que son casas, que ven de publicar en Edicións do Cumio, dentro da colección Antoloxías Poéticas Sonoras. Durante o acto estará con el o tamén escritor Manuel Forcadela, ademais de Cándido Meixide, responsable da parte multimedia da colección, e de Francisco Villegas, director da editorial.

Bueu: presentación de Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez e recital poético

O domingo 28 de novembro, a partir das 18:00 h., no Centro Social do Mar de Bueu, preséntase o libro Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez, publicado en Ir Indo. Posteriormente, haberá un recital poético a cargo da propia autora, acompañada á guitarra por Estela Martínez Martínez e Alejandro Lorenzo Díaz.

A Coruña: presentación de Sétimo andar, poesía alén

O sábado 27 de novembro, ás 21:00 h., no Centro Social Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9) da Coruña, preséntase Sétimo andar, poesía alén, o segundo libro do colectivo A porta verde do sétimo andar, no que participan María N. Soutelo, Ramiro Vidal Alvarinho, Alfonso Láuzara, Rosa Enríquez, Alba Méndez, Manolo Pipas, Miguel Ángel Alonso Diz, Alberte Momán e Ana Cibeira.

Lugo: presentación de Gran Lugo de nebra, de Uxío Novoneyra

O venres 26 de novembro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de San Domingo, 4), preséntase a obra Gran Lugo de nebra, de Uxío Novoneyra, publicada en Alvarellos. No acto intervirán a viúva do poeta, Elba Rei, o alcalde de Lugo, Xosé C. López Orozco, o vicepresidente da Deputación Provincial, Xosé Antón Bao Abelleira, a profesora María Pilar García Negro, o pintor Xesús Blas Lourés e o editor Henrique Alvarellos Casas.

A Coruña: Elas falan, espectáculo poético-musical do grupo Ouriol

O venres Elas falan26 de novembro, a partir das 20:30 h., no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, o grupo Ouriol, formado por Eva Veiga (interpretación e elección dos poemas), Fito Ares (frauta traveseira) e Bernardo Martínez (clarinete e percusións), presentan este espectáculo poético-musical, Elas falan, no que se fan valer a voz de todas as mulleres. A través dos seus poemas –estarrecedores, lúcidos, valentes, fermosísimos– revélannos algo que, máis aló das circunstancias históricas e biográficas nas que se producen, atinxen aos homes e ás mulleres de toda época e condición. Elas son Anna Ajmátova, Marina Tsveitáieva, Sylvia Plath, Alejandra Pizarnik, Nazik Al Malaika, Luísa Villalta, Clarice Lispector, Pilar Pallarés, Luz Pozo Garza e Wislava Szymborska. Organizado pola Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña.

A Coruña: Isto é o que nos foi dado, homenaxe escénica a Ricardo Carvalho Calero

O mércores 24 de novembro, a partir das 21:00 h., no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, con entrada libre até completar capacidade, terá lugar, dentro das actividades das Xornadas Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación, o espectáculo Isto é o que nos foi dado, homenaxe escénica ao autor, dividido en dúas partes: un recital a cargo de Lino Braxe, Flor Maceiras, Santiago Fernández e Manu Clavijo, e un concerto de Ugia Pedreira e Fred Martins.

Ponteceso: conferencia de Anxo Angueira no Outono Pondaliano

O martes 23 de novembro, a partir das 16:00 h., na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, proseguen as actividades do Outono Pondaliano, coa conferencia de Anxo Angueira sobre Rosalía, a musa dos poetas. Posteriormente, a partir das 19:45 desenvolverase un recital cívico rosaliano en conmemoración do 125 aniverrsario do pasamento da poeta. O programa completo pódese consultar aquí. Vía Fervenzas Literarias.