Bases do VI Certame de narración breve Mestre Manuel Gacio

1.- Poderá participar calquera mozo/a matriculado en educación Primaria ou ESO, segundo as seguintes categorías:
A: Alumnos/as de Primaria.
B: Alumnos/as de Secundaria.
2.- En ambas categorías a extensión máxima será de 5.000 caracteres, espazos incluídos.
3.- Os textos versarán sobre o Pico Sacro e deberán estar escritos en lingua galega, orixinais e non premiados noutros concursos.
4.- Os orixinais presentaranse en formato PDF, en formato DIN-A4, en letra Times ou similar de corpo 12. Deben enviarse por correo electrónico ao seguinte enderezo: clmestremanuelgacio@gmail.com acompañados doutro documento onde figure a identidade do autor ou autora (Nome, enderezo, teléfono e correo electrónico) e título da obra, facendo constar no nome do documento o título da obra e a palabra PLICA. Os documentos PLICA serán custodiados pola asociación que non os dará a coñecer, preservando a identidade do autor/a ata despois da deliberación do xuri .
5.- Haberá dous premios por categoría, aínda que o xuri pode declarar deserto calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos textos.
Os premios serán:
Categoría A: Vale de 300 euros para libros e material escolar en libraría Lino de Lestedo, para o primeiro premio.
Segundo premio un vale de 150 euros para libros e material escolar en libraría Lino.
Categoría B. Os mesmos premios que na categoría A
6.- A data límite de recepción dos textos, remata o 30 de novembro de 2021.
7.- A composición do xuri darase a coñecer na páxina da Asociación Mestre Manuel Gacio.
8.- A asociación Mestre Manuel Gacio resérvase o dereito de divulgación ou publicación dos textos premiados. Neste sentido, os autores renuncian a calquera compensación económica.
9.- O xuri e a asociación están facultados para tomar as decisións que consideren oportunas ante algún imprevisto non recollido nas presentes bases.”

Pablo Nogueira gaña o XVIII Premio Pura e Dora Vázquez de narración

Desde a Deputación de Ourense:
“O escritor Pablo Nogueira Campo (O Carballiño, 1987) é o gañador do XVIII Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros e que convoca a Deputación de Ourense. O xurado, reunido esta mañá no Pazo Provincial, destacou da obra premiada, O clube de coleccionistas de selos (presentada baixo o pseudónimo “Catro latas”), “a súa perspectiva inclusiva e que da visibilidade á diversidade funcional entre a infancia”, salientando tamén “a posta en valor do medio natural e a necesidade do seu coidado, así coma a figura do avó e as relacións interxeracionais”.
O xurado sinala a grande calidade das obras presentadas, destacando do traballo de Nogueira que se trata dunha obra “cunha escrita moi coidada, na que emprega moitas referencias a personaxes históricos e literarios, o que promove a posibilidade de diversificar os itinerarios lectores e o fomento da lectura. Elo converte á obra nun bo recurso literario para mestres e o seu traballo na aula”. O xurado, presidido por Patricia Torres, deputada de Cultura da Deputación de Ourense, estivo formado por David Canda, Antón Alonso, Xosé Antón Dorrio, Isabel Mociño e Ana Malingre (secretaria).”

Ramón D. Veiga e Manuel López Rodríguez foron os gañadores do Premio Arume de Poesía

Desde La Voz de Galicia:
“O poemario Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, resultaron gañadores do Premio Arume de Poesía para a Infancia que promove conxuntamente a Fundación Xosé Neira Vilas, a asociación Gálix e a empresa Deleite. As obras premiadas serán publicadas pola editorial Embora. As dúas comparten, en opinión do xurado, unha mesma arela provocativa, arriscada e de notable creatividade.
Mentres que Ramón D. Veiga xa conta cunha boa cantidade de obra infantil, para Manuel López esta é a súa primeira incursión neste campo. A súa obra, apuntan dende a Fundación Neira Vilas, «constitúe unha singular homenaxe á poesía establecendo un diálogo con poetas relevantes na nosa literatura» explicando que «o ritmo introdúcenos nunha proposta unitaria, cunha rica linguaxe conceptual e variados recursos que nos conducen á oralidade e participación coral».
Parapluie, apuntan, «é un libro divertido e provocador no que se busca a risa pola extravagancia e a complicidade cos pequenos lectores e lectoras». Unha obra, engade a Fundación, «cunha linguaxe áxil e de calidade, na que os recursos poéticos están moi ben empregados e a sonoridade envolve os versos». O premio Arume retoma un galardón creado hai vinte anos por Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas.”

A escritora Andrea Maceiras gaña o XV Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O xurado do XV Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña decidiu conceder o galardón á obra Que se me pare o corazón se te esquezo, da escritora Andrea Maceiras. O xurado valorou, entre outras cousas, o tratamento literario dun tema tan actual como as redes sociais.
Un xurado composto polo escritor Antonio Manuel Fraga, o divulgador científico a través das contas “Moléculas en galego” e “Balea Vermella”, Francisco Javier Brea Balea, a libreira Luz Gallego, a escritora, actriz e contacontos Soledad Felloza, ademais do escritor Xosé Antón Neira Cruz, gañador da edición anterior, escolleu a obra de Andrea Maceiras entre as 43 presentadas a esta edición do certame de literatura infantil e xuvenil convocado pola Deputación da Coruña. O xurado estivo presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto coa xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria e a xestora cultural, Helena Torres como comisaria do certame.
Segundo explica o xurado, a obra Que se me pare o corazón se te esquezo, presentada baixo o lema “Plenilunio” aborda “un tema de plena actualidade como é o uso das RRSS, especialmente dos vídeo-blogs, mais tratado dun xeito non moralizante”. A obra, como engaden, “expón situacións duras sempre fuxindo da forma panfletaria”.
Outro dos valores que destacan da novela de Andrea Maceiras é que a acción atrapa o lectorado desde a primeira secuencia e agarra ata o final cunha historia en que son de especial interese as distintas relacións expostas e os afectos vividos polas personaxes.
Ademais, destacan que presenta un bo manexo da linguaxe, que conecta co xeito de sentir e vivir de adolescentes cunha gama diversa de personaxes que facilita a identificación cos mesmos.
Considera tamén o xurado que se trata dunha obra que é necesario incorporar ao sistema literario, que normaliza o uso da lingua galega nas redes. (…)”