Bases dos XXVIII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o XIV Manuel María de literatura dramática infantil e xuvenil e XVII Barriga Verde de textos para monicreques

Versos desde Begoña – Concurso de poesía escurecida

Desde o IES San Clemente:
1 Obxecto e finalidade
O Día das Letras Galegas de 2026 dedícase a Begoña Caamaño, autora que renovou a narrativa galega cunha voz singular e comprometida. Para esta celebración nacional, o IES San Clemente propón un concurso creativo que nos permita redescubrir, doutro xeito, a beleza das súas palabras. Nesta ocasión, queremos que nazan versos desde a súa narración, a través da técnica da poesía escurecida (blackout poetry).
Convidamos a escoller unha páxina das obras Circe ou o pracer do azul ou Morgana en Esmelle e aplicar nela esta técnica: resaltar as palabras que desexes conservar e escurecer as demais, creando así un novo texto poético a partir do orixinal. Como no seguinte:
Esta iniciativa parte do Departamento de Lingua Galega e Literatura e do EDLG do IES San Clemente, dentro do proxecto anual “O galego fainos fortes”, e mantén a continuidade coa longa tradición de premios de creación literaria realizados desde este centro no corazón de Compostela.

2 Categorías de participación
A Estudantes de secundaria de calquera lugar do mundo.
B Persoas de calquera idade de calquera lugar do mundo.
C Estudantes do IES San Clemente, en calquera das súas modalidades.

3 Formato da obra
Cada creación poética debe basearse nunha páxina dunha obra de Begoña Caamaño.
As obras entregaranse obrigatoriamente en formato dixital, resaltando as palabras ou frases seleccionadas e escurecendo o resto.
As creacións deben ser orixinas e inéditas. Cada participante poderá presentar unha única obra.
Valoraranse a creatividade, a estética e a coherencia da obra que se entregue.

4 Prazo de entrega
As obras presentaranse até o 29 de xaneiro de 2026.
Enviaranse por correo electrónico a: edlg@iessanclemente.net, con indicación do nome da autora e do autor, da categoría en que participa e, no caso de que sexa estudante, cal é o seu curso e centro de ensino. Ademais, tamén deberán indicar a que obra de Begoña Caamaño pertence a páxina seleccionada para a súa creación.

5 Premios
Entregaranse dous premios por cada categoría de participación:
1º Premio: Vale de 100 euros para compra de libros en galego.
2º Premio: Vale de 75 euros para compra de libros en galego.
Ademais das obras galardoadas, poderán seleccionarse outras para a súa difusión a través das redes sociais e outras publicacións do IES San Clemente.

6 Aceptación das bases
A participación no concurso implica a aceptación destas bases e o recoñecemento do fallo do xurado.”

Acta do xurado do X Certame de narración breve Mestre Manuel Gacio

As bases desta edición poden consultarse aquí.

Convócase o IX Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño

“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o IES Ribeira do Louro, a Editorial Galaxia e o Concello do Porriño convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.”

BASES

1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas maiores de idade que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, se ben hai que ter en conta que van ser lidas e interpretadas por alumnos e alumnas de ensino secundario, de 12 anos en diante.
3. Cada autor/a poderá presentar máis dunha obra, se así o desexa. Non se poderán presentar aquelas autoras e autores que tivesen gañado o premio nas tres edicións inmediatamente anteriores.
4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma e unha figura acreditativos e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato de edición.
5. Haberá unha única obra gañadora e o premio poderá quedar deserto se as obras presentadas non se adecúan á finalidade do premio, segundo o criterio do xurado.
6. O PRAZO de presentación de orixinais comeza unha vez publicadas as presentes bases e remata o 27 de febreiro de 2026.
7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto coa plica, nun sobre pechado cos datos do autor/a. O ENVÍO farase a través de correo postal ao enderezo: IES Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño.
8. O XURADO estará conformado por unha persoa do equipo de EDL do IES Ribeira do Louro, dous profesionais do ámbito das artes escénicas e unha representante da Editorial Galaxia como secretaria con voz e sen voto; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, ás novas linguaxes contemporáneas e á singularidade temática das pezas.
9. A obra gañadora darase a coñecer no mes de maio e a gala de entrega do premio farase nun acto organizado polo IES Ribeira do Louro, na derradeira semana de maio de 2026.
10. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o/a autor/a deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
11. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na secretaría do IES Ribeira do Louro do Porriño no prazo dun mes a partir do fallo do xurado. As obras non recollidas serán destruídas pasado o mes.
12. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.”