Antonio Fraga Allegue e Xabier López, premios Xerais 2013 de Literatura infantil e Novela

Desde Sermos Galiza e Xerais:
“A anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que le unha novela súa, tumbada sobre unha toalla. Así comeza Cadeas, de Xabier López (Bergondo, 1974), obra gañadora do XXX Premio Xerais de Novela 2013, certame ao que se presentaron 41 obras e que está dotado cun premio de 15.000 euros. Cadeas é, para o xurado, “unha novela de novelas. Un baúl de historias que denotan, ante todo, unha prodixiosa capacidade para fabular, para recrear, para imaxinar”. Para o seu autor é “a miña novela máis arriscada e ambiciosa”.
Mais Cadeas non foi a única premiada na Gala Xerais que, máis un ano, tivo lugar na Illa de San Simón. O castañeiro de abril, de Antonio Manuel Fraga Allegue (Pontedeume, 1976), levou o XXVIII Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros. 39 obras concorreron nesta modalidade. A novela ten como protagonista a Baltasar, un neno cego que malvive no barrio máis gris da cidade baixo o cruel xugo das súas tías, as xemelgas Carabullo: “Eu son quen son, e nin eu mesmo coñezo o meu nome; mais nalgures, hai moito tempo, alguén se referiu a min como o castañeiro de Abril.”, relata Baltasar.
Para o xurado, O castiñeiro de abril e unha historia “que nos recorda que a literatura infantil, a mellor literatura infantil, é un texto literario destinado a lectoras e lectores de 0 a 99 anos, unha enorme universo escrito “.
Os Premios Xerais reuniron neste sábado a máis de 300 persoas en San Simón. Mais aqueles que así o quixer pudieron seguir a gala a través de streamming.
O mantedor da velada, unha cita obrigada para ese universo tan complexo como contraditorio e fermoso que é a Literatura Galega, foi Xabier P. DoCampo. E el, escritor, falou e leu un discurso intitulado E eu serei unha cerdeira (panfleto). “As grandes obras da historia da literatura son aquelas que nos descobren, que dan conta do lector. Quero dicir que lemos para encontrarnos, para saber quen somos, que facemos aquí e cal será o noso derradeiro destino”.
“Amo os contos como amo os soños. Para min a pregunta, para que serven os contos? é a mesma que interroga: para que serven os soños? A resposta é: son imprescindíbeis. Non se pode vivir sen soñar porque non se pode vivir desasistido da palabra dos contos, das historias, veñan estas nas novelas, no teatro, no cinema, nos mesmos contos”.
Convidou Xabier DoCampo a «ler o libro de nós, o que di dos galegos e galegas que tal queren ser. Ler a nosa nación coma iso, coma unha nación». Rematou DoCampo facendo un emocionante chamamento ás novas xeracións a «facer da lectura un acto de rebeldía»
Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Fundación Illa de San Simón, a Consellaría de Cultura e Educación e a Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios 2013. E rematou as súas palabras reclamando, nestes tempos de crise económica e austeridade, a maior atención para o mundo do libro e da cultura.”

“O xurado da XXVIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron e no que concorreron trinta e nove obras, formado por Rocío Carballeda Alonso (profesora), Mar García Pérez (licenciada e filoloxía hispánica e bibliotecaria), Isabel Mociño González (doutora en filoloxía galega e docente na Universidade de Vigo), Montse Pena Presas (licenciada en filoloxía galega, profesora da Universidade de Santiago e crítica literaria), Antonio Seijas Cruz (ilustrador e deseñador) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas O corazón da maxia, O fío vermello, Sochantre de Pontivy e Thomas Lang.
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Sochantre de Pontivy, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Antonio Manuel Fraga Allegue e corresponde ao título O castañeiro de abril.
No seu ditame o xurado da 28ª edición do Premio Merlín de literatura infantil considera que O castañeiro de abril cumpre as tres condicións case máxicas que un lector ou lectora pode pode agardar dunha novela: lela dunha volta, atraída polo interese da súa trama; estar magnificamente escritas; e ser inesquecibles porque os seus personaxes quedan aboiando no seu maxín, querendo vivir alí por moito tempo. «O castañeiro de abril cumpre as tres. Porque conta unha fermosa e dura historia, porque bebe dunha tradición popular que se renova e se trae para o presente, e porque constrúe un galego traballado co cicel dos mellores canteiros e cunha forma de escrita persoal, que estamos certos que ha constituír unha das marcas recoñecíbeis do seu autor».
«Todos estes elementos habitan a historia, converténdoa nun vizoso souto. Mais de todos os castiñeiros lanzais que nela atopamos, sobresaen dous: o seu protagonista, Baltasar, un neno privado do sentido da vista, mais con outros sentidos, se cadra máis importantes para a vida, tremendamente desenvoltos: a empatía, a preocupación polos demais e o sentido de poder coñecer as persoas a través dos sentimentos. Un personaxe dos que non se esquecen, porque é dos que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar».
«O outro castiñeiro milenario é a voz dun narrador acedo, irónico e algo trasno, inda que cun punto tenro. Nunha sociedade abafada polas invencións dos medios de comunicación, polo escurantismo dos comités de sabios, pola especulación urbanística, a mellor arma con que contamos é a peculiaridade da nosa propia voz, da nosa propia consciencia crítica, que unidos a outras tantas voces, farán fronte a iso que chaman a uniformidade de pensamento. E esta voz de narrador, partindo dun discurso politicamente incorrecto e tremendamente atractivo, vennos lembrar que pensando, enfrontándonos criticamente á realidade, seguimos estando no certo».
«O castiñeiro de abril e unha historia que nos recorda que a literatura infantil, a mellor literatura infantil, é un texto literario destinado lectoras e lectores de 0 a 99 anos, unha enorme universo escrito que nos lembra que cómpre loitar co establecido: co establecido polos poderes públicos, polos medios de comunicación e mesmo polos adultos que algunha vez esqueceron que a compaña dun animal, un xoguete construído polas nosas propias mans, o sorriso da moza que nos gusta son máis importantes que as persoas que falan, pero non achegan nada, que o diñeiro que merca ese xoguete pero que non pode converternos nos seus artesáns e que os amores perfectos de cinema, mais que nunca serán os nosos».
Rematou o seu ditame o xurado da 28ª edición do Premio Merlín saleintando que para todas as nenas, os mozos, e os adultos e adultas que seguimos a crer que pode haber castañas en abril e que lle damos valor a ese verme, mais nunca creriamos que vai caer a lúa, está escrita esta obra, que conxuga a influencia dos clásicos da LIX galegos e universais, cun finísimo tratamento da diversidade, cun cuestionamento dos valores tal e como e os coñecemos coa sempre necesaria pegada poética. Agora só nos queda agardar que un día de xuño, aquí en San Simón, volvamos reunirnos e agromen os ourizos, as castañas e, sobre todo, os soños».

O xurado da XXX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorreron no que concorren corenta e unha obras, formado por Cristina Domínguez Baños (xornalista), Elisa Iglesias Gil (licenciada en tradución e interpretación), Ramón Rozas (xornalista), Iago Martínez (xornalista), Raquel Feijoo Casas (xornalista) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas Amor en alpargatas, Bela Czarda e Cadeas.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Cadeas que, despois de aberta a plica, resultou ser de Xabier López López e corresponde ao título Cadeas.
Os membros do xurado do Premio Xerais de novela 2013, no ditame que elaboraron sobre Cadeas salientaron que esta «é unha novela de novelas. Un baúl de historias que denotan, ante todo, unha prodixiosa capacidade para fabular, para recrear, para imaxinar». A novela iníciase a partir da anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que le unha novela súa, tumbada sobre unha toalla. A partir de aí establécese entre ambos os dous unha curiosa e incómoda relación que conduce a un debate sobre a identidade do que é ou non é hoxe unha novela e a súa construción. O debate nace cando a lectora convida o escritor a cear na súa casa, acompañada do seu home, tamén lector seu.
«Desde o fragmentarismo dun narrador que ás veces é pop e ás veces é culto e mostra amplos coñecementos literarios, Cadeas paséanos por diferentes atmosferas, rexistros e historias con gran sentido do humor e cunha áxil ironía que nunca chega a ser cínica.» En palabras do xurado: «en realidade, estamos ante a novela dun ventrílocuo, alguén capaz enredarnos a través de diversos xogos textuais, que a maiores queren evidenciar para o narrador a imposibilidade de contar, problematizando as dificultades da escrita. O propio escritor protagonista pon en cuestión a súa novela.»
Con ese hábil manexo dos recursos narrativos, asistimos, por exemplo, a unha fermosa historia de amor nun porto afastado que Manuel Antonio mantén cunha sorprendente muller chamada Alecto, á que coñeceu grazas un estraño navegante chamado Joseph Conrad; asistimos tamén ás peripecias vitais do propietario das cervexas Cruceiro e a súa particular relación coa bebida do lúpulo; asistimos á adolescencia dun rapaz de 15 anos durante os meses en que os veraneantes madrileños eran o punto de todas as olladas e desexos da súa vila; asistimos á historia dun home que se parecía a Dieste, ao que o une un curioso paralelismo; asistimos á trifulca que se produce entre dous grupos de mozos durante unhas festas patronais ao inicio da Transición democrática; asistimos á engaiolante relación entre o músico dunha orquestra e a camareira dun ambigú; asistimos –perplexos polo xeito de narralo– á morte do Piloto, o derradeiro guerrilleiro galego. E aínda hai moito máis.
O xurado do Premio Xerais de novela 2013 concluíu o seu ditame cualificando «Cadeas como unha historia de historias, cun xeito de narrar contemporáneo. Unha novela ateigada de personaxes magnificamente ben construídos, cruzada de referencias culturais e enraizada na tradición fabuladora da terra sobre a que escribe. Esta que pisamos».
Xabier López López declarou declarou cando coñeceu a noticia do premio que «antes de nada, quería sinalar a inmensa satisfacción por ver o meu nome emparellado co do premio Xerais, máxime nunha edición tan “redonda” coma a súa trixésima, un dos certames que poderían explicar por si e polos seus títulos a literatura galega recente e, por extensión, a historia íntima dunha boa parte da nosa sociedade».
Centrándose xa en Cadeas, a obra premiada, considerouna como «a miña novela máis arriscada e ambiciosa dende Doutor Deus, publicada no 1999, sendo unha aposta clara do xurado por formatos que entenden que a literatura, comezando pola forma é -ou debe ser- sempre “algo máis”».
Con respecto ao título dixo que «foi un dos extremos sobre os que menos dubidei á hora de acometer a súa escrita. A novela titúlase así, Cadeas, por dúas razóns primordiais. Primeira, porque está formada por varios “historias” encadeadas (aínda que en moitos delas o “elo” de enganche sexa falso ou só aparente, polo que podemos falar dunha novela “porosa” e, como tal, chea de pasadizos, trampas e mesmo calellas sen saída). Segunda, porque todas as historias que a compoñen teñen que ver coa idea de submisión/dominación: a dun escritor respecto aos seus lectores; a que sofren os namorados nas “moitas” variantes de amor; a que agocha a tradición, a que implica “sociedade” e os seus costumes; a consubstancial á violencia e ás diversas formas de colonialismo…»
Xabier Lopez debullou algúns dos temas da novela: «a través dela, abórdase practicamente o noso século XX enteiro. Dende os naufraxios na Costa da Morte de finais do XIX ao turismo dos anos 80 e 90, pasando pola guerra de Cuba, de Marrocos ou de Sidi Ifni, ata á morte do Piloto, o noso último guerrilleiro, á altura do ano 65. Todo iso sen nos esquecer dos campos de concentración nazis, a aparición de figuras senlleiras coma Dieste ou Manuel Antonio (ou os seus dobres) e o horizonte da emigración como esperanza recurrente». Para rematar, indicou que «se non aborrecese as definicións, ben podía dicir que Cadeas, tendo moito de narración clásica, bebe tamén das fontes do posmodernismo (en tanto novela fragmentaria) malia que dun posdernismo tirando a “maximalista”».”

E EU SEREI UNHA CERDEIRA (PANFLETO), discurso de Xabier P. DoCampo:

“Irmás e irmaos:
Encontrei de moi neno na casa, entre outras cousas un libro do que non sabía. Era libro de mar, de loita, de procura. De traizón e de grandeza. De almas nobres e outras miserábeis. Era, en fin, un libro coma a vida. Pero tiña algo moi grande, moi fermoso, era un libro que a min enteiro me contiña. E esa foi a primeira lección que alí durmía: que nos libros hai que procurar, máis que o que me contan, o que hai de min, alí, entre as súas follas. Porque a literatura ten a cualidade de nos falar de nós mesmos. As grandes obras da historia da literatura son aquelas que nos descobren, que dan conta do lector. Quero dicir que lemos para encontrarnos, para saber quen somos, que facemos aquí e cal será o noso derradeiro destino.
Principiei daquela a atopar entre as dos libros as palabras que xusto nome daban ao que eu sentía. E así, cada emoción que me envolvía, cada sentimento cando encontraba un nome, facíase máis meu. E como meu o recoñecía. Saber como se chama o que ti sentes é entrarlle ben dentro á túa vida. Xa nunca máis quixen ler que non fose nesa arela de procura do saber do mundo e de min mesmo.
A aquel libro e a outros, que despois lin, funlles tirando tres certezas cada día. E nos que viñeron a continuación aprendín a abandonalas, hoxe unha e mañá as outras dúas. Porque os libros axudan a collelas o mesmiño que che dan para deitalas na beira do camiño no que andas. Un libro só lévase ben coas certezas e cos dogmas, moitos libros, unha vida de libros fainos tiralas da nosa alma.
Valéronme os libros, e válenme hoxe aínda, para medrar e espolincarme por diante dos valos que nos poñen para tapar, para ocultar, para cegarnos. Porque a miña arela é buscar a vida. Esa vida que me esconden, esa verdadeira vida que os cartos ou o poder ocultan á nosa vista. E foi cos libros, coa lectura co que día a día e pedra a pedra, construín un edificio que me sustenta, que terma de min en pé e en alegría.
Amo os contos como amo os soños. Para min a pregunta, para que serven os contos? é a mesma que interroga: para que serven os soños? A resposta é, son imprescindíbeis. Non se pode vivir sen soñar porque non se pode vivir desasistido da palabra dos contos, das historias, veñan estas nas novelas, no teatro, no cinema, nos mesmos contos, quer escritos quer orais.
Os contos apréndenos a escoitar, que é tanto como ter en conta ao outro e con el facer un treito do camiño. Nada nos avisa tanto da presenza dos outros coma un conto.
Cos contos aprendemos a que os nosos desexos sexan máis grandes ca realidade. Os contos non responden á realidade de que algo aconteza, senón ao desexo de que aconteza, como dixo Tolkien. Son por tanto fornecedores de esperanza e xeradores do ánimo de loita, porque os contos apréndenos a perseguir os nosos soños.
Os contos gardan a totalidade do saber humano. Nada hai no coñecemento universal que non estea nun ou en varios contos. Dese xeito quen máis contos sabe máis sabio é. Se alguén puidese haber que soubese todos os contos, ese ser sería deus. Gnarus, verba que nos leva á nosa palabra narrador ou narradora, significa o que coñece, o que sabe, do mesmo xeito que ignarus, o que non narra, é o que ignora, o que nada sabe. O froito prohibido daquela árbore do Edén eran contos que darían ao ser humano a sabedoría. Deus apartounos de nós coa espada flamíxera do arcanxo que sentenciou: Quen coma deus! Algo así coma se dixera: Quen ousa saber os contos que só sabe deus?
Pero desde daquela os contos son para nós un anceio, un desexo incumprido de acadar o coñecemento, e por aí alimentan a nosa fantasía que é o noso camiño para a salvación de seres expulsados do paraíso, de seres feramente humanos, como dixo o poeta.
Sempre hai algo fermoso e sublime naquilo que nos salva da infelicidade dos intres fríos.
Nun deses terremotos que de cando en vez asolan os lugares nos que se asenta a pobreza apertando firmemente aos homes e mulleres que os habitan, as persoas que traballan na procura dos que puidesen ficar sepultados por embaixo de moreas de pedras e escombros, deron en sentir ao lonxe unha musiquiña. Era o son metálico das caixas de música, ese xoguete que pode ser un dos máis fermosos que existen. De primeiras non lle deron máis importancia, aló no fondo dunha desas caixas, seguramente esbandallada, ficara en funcionamento o seu mecanismo. Continuaron co seu penoso e xeneroso traballo e decatáronse de que a música cesaba. Acabárase a corda. Pero ao pouco pareceulles volver sentir o son alegre da música. Pediron silencio a todos cantos se afanaban arredor en retirar os restos das casas caídas. Volveu parar a música. Agardaron e de novo cantou  a caixiña.
Interpretaron que se a música ía e viña, alguén a tiña que manipular. Traballaron arreo horas e horas, con esa impaciencia e ese coidado co que deberán facerse estes delicados labores. Aló, enterrada moi fondo atoparon unha velliña que non podía facer máis movemento que o de abrir e pechar a tapa dunha caixa de música dentro da que unha bailarina vestida de rosa daba voltas. Unha caixiña que seguramente a acompañaba na súa mesiña de cabeceira desde os afastados anos da infancia e agora dáballe a vida.
Pois ben, a literatura está aí para nos salvar coma a caixa de música, para dar noticia da nosa existencia, da nosa presenza no mundo e na vida.
E chegamos á hora de que se note o ton panfletario que non é máis que a voz axitadora. Autor de panfletos ben coñecido e acreditado foi Jonathan Swift, e del todos temos na memoria o que escribiu en 1729 so o título Unha modesta proposición, que non era outra que a de, para acabar coa pobreza infantil en Irlanda, cebar e engordar os fillos mendicantes das familias pobres, para unha vez acadado o peso recomendado de vinte e oito libras seren sacrificados e servidos nas mesas dos que os puidesen pagar. Di Swift: «Concedo que este manxar resultará algo custoso, e será polo tanto moi apropiado para terratenentes, quen, como xa devoraron á maioría dos pais, parecen acreditar os mellores dereitos sobre os fillos
Cando o relín hai uns días veume á cabeza a idea de convidar a solucionar o conflito lingüístico cosendo en requintado petit point os beizos das persoas que falamos galego arreo, iso si deixando un buraquiño polo que poida entrar unha palliña que permita a inxesta de alimento líquido, mais non sei por que non teño hoxe ganas de retrancas nin de vos facer rir coas nosas penas. E preferín seguir a vos falar de libros e de lectura.
A nada se parece tanto a vida como a un conto, quizais unha novela. Mesmo chamámoslle vivir ao intento de facermos relato do noso paso polo tempo. E a nada se parecen tanto os países coma a un libro inconcluso. Ler é ir coñecendo os acontecementos que cada páxina nos relata e, ao mesmo tempo, ir anticipando os que virán. Sen ese sentido e esa habelencia para anticipación non hai lectura. Xa que logo o mellor xeito de sabermos o que nos pasa é ler. Ler o libro de nós, o que di dos galegos e galegas que tal queren ser. Ler a nosa nación coma iso, coma unha nación.
E así podemos decatármonos de que a cada suceso do pasado correspóndelle outro no presente. Anteriores acordos e pactos con aqueles negros poderes que se mostraban permisivos co accesorio para controlar o esencial teñen correlato exacto no presente. Desde o primeiro momento escolleron entre nós aos que habían  entrar ao escuso da noite na casa onde dorme Viriato. E os mesmos que intentan borrarnos do mapa como nación,  buscan a nosa submisión a  “un mal menor”, pretendendo que esquezamos que é un mal, e aceptalo fainos tan perversos coma o causante do propio mal. E de mal menor en mal menor estamos a chegar ao mal absoluto.
Acabouse o noso tempo. Somos as xeracións que trouxemos a nación á situación actual e nada hai que nos poida convidar á fachenda. Cando lemos o libro da nación encontramos a nosa lingua en grave perigo de non chegar viva, que é tanto coma dicir sen posibilidades de uso normal, aos máis novos; a beiramar convertida nunha horrenda liña de cemento; andar os montes por entre paisaxes de eucaliptos ou de cinza; ver e cheirar a morte das nosas rías; contemplar os mil ríos de que falou Otero Pedrayo convertidos en vertedoiros… Pouco ou nada hai que nos poida dar un motivo para o orgullo.
E mesmo agora nós, os que habíamos tirar a nación da miseria na que a sumiron, entramos nunha guerra fratricida por algo que non temos. Unha loita estéril que nos vai privar de acadar meta ningunha, vainos impedir inventar a deus. E digo isto ao lembrar un conto de  Clarice Lispector que me chega a través dun artigo de Tomás Eloy Martinez publicado en La Nación de Bos Aires, e que segundo o autor do artigo, el tivo coñecemento del por un borrador que trouxo de Río Sara Porrúa. Non dei co conto en ningún lugar da obra da extraordinaria escritora ucraíno-brasileira. Chámase, talvez, Viúva Negra:
Non hai araña tan laboriosa como Viúva Negra. Pasa a vida estudando as teas que se tecen nos niños da escuridade e reparando este ou aquel erro. Ás veces trata de copiar os deseños que admira pero os resultados do seu traballo son insignificantes, apenas torpes correccións da arte allea. Aracne, a súa amiga, recomendoulle que observe os debuxos do seu propio corpo e trate de reproducilos. Sobre o abdome de Viúva Negra hai unha fosforescencia vermella en forma de reloxo de area, pero só a natureza podería tecer algo así. Unha noite Viúva Negra coñece a Araño, e queda cegada pola rapidez con que arma as súas teas marabillosas e a felicidade sinxela con que as imaxina. Pensa que talvez Araño poida tecer un reloxo de area que brille na noite. Ofrécelle que compartan o niño e examinen xuntos as imperfeccións das teas alleas. Cando atopa manchas marróns nun dos tecidos máis luminosos, teima en corrixilas e limpalas. Araño négase, porque aduce que a arte é o que é. Viúva Negra indígnase e no frenesí da pelexa están a piques de devorarse. Viúva Negra é astuta, teme a forza de Araño e resolve vencelo cunha artimaña humillante. Pídelle que despregue por última vez unha das súas teas inverosímiles. Araño é vaidoso e non se pode negar. Solta con forza os seus fíos coma se fosen as plumas dun pavo real e cando o ve ben inchado pola beleza da súa soberbia, Viúva Negra, que calculou cada movemento, crávalle un aguillón fatal na cabeza. Araño cae fulminado e nin sequera advirte as feroces mordeduras coas que Viúva Negra o desgarra para alimentarse. Tomou xa todo o que se podía tomar del. Baleiro e moribundo, Araño non lle serve xa.
Viúva Negra sofre un desencanto final: ninguén coñece o seu triunfo. Quedouse co niño e coas teas, pero ninguén descende á súa escuridade, onde xa non brilla a luz de Araño. Foi tan bo o que pasou. Foi tan bo que agora Viúva Negra quere inventar a Deus. Pero mentres sexa ela a que o invente, Deus non ten ganas de existir.
Acabouse o noso tempo. Cumpriuse o prazo da Viúva Negra cobizosa que matou a luz do Araño.
Agora cómpre ler con sentido da anticipación no relato e iso só o poderedes facer os máis novos e as máis novas, aqueles que até agora carecestes de calquera poder de decisión, que só fostes xente obediente, disciplinada que seguistes os nosos desvariados pasos. A nova lectura ten que se facer sen nós e sen a nosa sombra sobre de vós. Facede da lectura un acto de rebeldía, procurade unha nova interpretación do texto, ide ao último e máis fondo significado de cada palabra, aquel que estaba por descubrir e que agora, ao pronunciárdelo vós con voz nova e con fondo eco, nacerá e será un novo berro, unha nova  luz no escuro túnel do futuro. Onde a vida me levou a min a pór escepticismo, ponde vós esperanza. Onde as miñas forzas xa son débiles, veñan as vosas medradas que tiren do noso horizonte a traidores e ladróns.
É tempo de petar con forza sobre da mesa da historia, Ese forte golpe de puño, de irada man pecha que fai abanear a propia mesa e todo canto nela hai salta polo ar. Despois todo caerá outra vez sobre da vella madeira e teremos o caos. Deixádeo vir, aí debe nacer un novo xeito de ordenar as cousas. O voso xeito de organizar o mundo. Un albor, nunca antes visto e que procura pola felicidade de todos os seres humanos. pero para iso tedes que, como fixo Eolo para axudar a Ulises, encerrar todos os malos ventos que impidan chegar a Ítaca nun saco e cerralo ben. Nós somos os malos ventos que desvariamos o rumbo do barco. Collede o temón e poñédevos aos ventos portantes. Poñede a proa ollando ao punto no que o futuro agroma, alí onde se le a verdade que o libro da nación contén, e ao pasar a páxina encontraredes que a nación está a parir a vosa liberdade. E lédeo como se le un palimpsesto, rañando a folla para dar co texto primixenio, o que contén a esencia do noso ser, aquilo que nos outorga un lugar no mundo.
Ler é sempre procurar o lugar onde nace a liberdade.. A casa é vosa, ocupádea e cambiade a pechadura. E despois chamade pola boa xente para habitala. Chamade como facía Cabanillas:
¡A alma galega dorme,
a santa Ideia está morta,
e tés de ir porta por porta
encendendo os corazóns!
E para encender os corazón cómpre un facho, cómpre o lume. O lume da palabra e o lume das ideas, xustamente os materiais da literatura. Pero tedes, xa dixen, que crear palabras novas, palabras para un tempo e un mundo que nunca antes foron e aínda non serán. Outra vez a lectura da que Italo Calvino dicía: «Ler é ir ao encontro de algo que está a punto de ser é aínda no se sabe que será.» Se ledes con atención e aproveitamento o libro da nación, aí é a onde tedes que ir “a onde non se sabe que será” E para ir a ese lugar aínda non están escritas todas as palabras nin trazados os camiños, a vós vos toca dicir a palabra vosa e procurar o camiño propio.
O poeta estadounidense Robert Frost ten un fermoso poema que se titula “O camiño non elixido” que nos tres últimos versos di:
Dous camiños se bifurcan nunha fraga e eu,
Eu tomei o menos transitado.
E iso fixo todo diferente.
Se pasamos as páxinas do libro para atrás están todos os nosos pasos marcados no camiño. Se reparades con atención veredes que nese camiño non hai herbas, só pedras enterradas e terra ben pisada, se acaso algunha rodeira marcada de vello. Nas súas beiras o mato e as silveiras arredáronse para deixar franco o paso. Mesmo a auga fixo os seus riscos nas beiras e decorre paralela e disciplinada. Ese foi o noso, o camiño dos que escribimos as páxinas de atrás.
Nas páxinas de adiante o mato e as silvas inundan todo. As árbores inclinan case até o chan as pólas baixas. O toxo medra e amarelea en canto a vista enxerga. Aí está o voso camiño. Teredes que vos armar de fouces e fouciños. De brazos fortes e loitadores. De ánimo invencíbel e de probada lealdade. E con todo iso principiar a facer camiño: cortando, rozando, queimando.
E que quedará para min?
Para min procurade un lugar asollado e a resgardo do nordés,
sería ben na Chaira de nacenza ou na Fraga que me acolle na vellice.
Tamén aquí, en San Simón, ollando a vermella festa do solpor sobre do mar.
Alí facede un furado, catro cuartas de fondo. E cuarta e media, todo máis dúas, para o largo.
Enriba da terra que tirastes deitade as miñas cinzas amodiño, pouco han armar que eu son cativo.
Mesturade con coidado e agarimo terra e cinzas todo remexido.
Metede no buraco antes de nada unha boa cerdeira ben nacida.
Ide botando agora terra e cinzas e enchede até enriba aquel buraco.
Despois hai que pisar ben pisadiña, de arredor da cerdeira a terra toda.
Un caldeiro de auga ben cumprido.
Dade volta e ídevos sen ollar atrás
e sen saudade.
Volvede no abril cando floreza.
Eu serei silencio, ela alegría.
Benzoade a floreada nevarada.
Agardade pola abella que se pouse ou a branca bolboreta que a visita.
E ídevos sen máis.
E non volvades apañardes as cereixas.
Iso é o que eu faría.
Non me imitedes.
Deixádeas para o merlo e o pimpín.
Que as goce a pega ou o ouriol.
E serei, irmaos, unha cerdeira e vós seredes o novo, o que alborexa.
Fermoso día no que nacen o pan, a palabra e a ledicia.
E xa sabedes, sempre vós, nunca comigo, que non valen os odres vellos para o viño novo da próxima vendima.
Mais nada. Dade saúdos meus aos da casa e despídome á chairega, irmás, irmaos, astra outra millorada.

Xabier P. DoCampo

Xuño de 2013″

A Coruña: entrega dos premios Literarios da A. C. O Facho do ano 2013

“Com o galho das Letras Galegas, o dia 7 Junho às 19:00 horas efectuará-se a entrega dos prémios literários: Concurso de Contos de nenos para nenos e Concurso de Teatro Infantil da A. C. O Facho. O acto realizará-se na sala de conferencias da ONCE sita no Cantom Grande, nº 3 da Corunha.

Concurso de Contos de nenos para nenos
1º.- Prémios da Categoria A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos).
Primeiro prémio: A nube samaritana de Lucía García López, aluna de Ponferrada, O Berço.
Segundo prémio: A miña pequena gran historia, de Camila Mosquera Filak, aluna do CEIP Concepçom Arenal, A Crunha.
2º.- Prémios da categoria B. (Rapazes e rapazas de 13 a 16 anos)
Primeiro prémio: A viaxe das fotos? de Ricardo Pazos do Muiño, aluno do IES Eduardo Blanco Amor, Ourense

Concurso de Teatro Infantil
O júri acordou por unanimidade conceder o prémio à obra intitulada Espantallo. Aberta a plica correspondente, resultou ganhador D. Carlos Labraña.”

Coñécense os gañadores da 4ª e 5ª categoría do Premio Martín Sarmiento

Desde o blog do Premio Martín Sarmiento:
“Na Festa da Lingua celebrada o 17 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, fixéronse públicos os/as gañadores/as da IX Edición do Premio Frei Martín Sarmiento, nas seguintes categorías:
4ª categoría: 1º e 2º de ESO: Ledicia Costas e Pere Tobaruela, por Mortos de ningures, publicado en Everest.
5ª categoría: de 3º a 4º de ESO e Bacharelato: Xosé Henrique Rivadulla Corcón, por O noso amor será eterno, publicada por Xerais.”

Finalistas do I Premio Muíño do Vento de textos de contraportada

“Reunido o xurado do I Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada, formado por Sari Alabau Albors, Carmen Cuesta García, Candela Lobeiras Barro, Marisol Soto Prieto e Antonio Yáñez Casal, que actúa en calidade de secretario, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas os textos das obras Bandeiras negras, de Ana María Galego Gen; O mundo secreto de Basilius Hoffman: Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila, e Verdedades, de Yolanda Castaño.
A entrega do premio, que consiste nun cadro do pintor ferrolán Poldo Rapela, terá lugar o día 4 de maio no transcurso dun acto músico-festivo ao que fai referencia o punto 10 das bases do premio.”

Convocatoria do IX Premio de literatura infantil e xuvenil Raíña Lupa

“Coa ansia de fomentar a creatividade fabuladora dirixida ao mundo dos nenos e, ao mesmo tempo, facer memoria deste personaxe da lenda e dos contos populares en relación coas terras de Compostela, a Deputación Provincial da Coruña convoca o IX Premio de literatura infantil e xuvenil Raíña Lupa, de acordo coas seguintes

BASES

Primeira.-
Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, que non fosen premiadas nas cinco edicións anteriores, e que presenten narracións en lingua galega, dirixidas ao público infantil e xuvenil, inéditas e non premiadas en ningún outro premio o certame.
Segunda.-
Establécese un premio único e indivisible, dotado con 6.500 €.
Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables.
A Deputación publicará a obra premiada, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregará ao gañador trinta exemplares.
Terceira.-
As obras serán de tema e extensión libres, observando as características propias da narrativa dirixida ao público infantil ou xuvenil, e poderán incluir elementos ilustrativos, gráficos, etc.
A presentación será feita, preferentemente, en formato dixital, por medio dun CD que incluirá na carátula a seguinte inscrición: IX Premio de literatura infantil e xuvenil “Raíña Lupa”, título da obra e lema o seudónimo; o tratamiento de texto será Word, OpenOffice ou PDF.
No caso de optar pola presentación en papel, as obras serán presentadas por duplicado, en exemplares separados, tamaño DIN A 4, e impresos polas dúas caras, ademais deberán estar numerados, grampados ou encadernados.
A obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada achegada dun sobre aparte; no exterior do sobre figurará o título da obra e o lema ou pseudónimo do seu autor; no interior incluirase unha copia do NIF, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico e, ademais, unha declaración expresa de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data da súa presentación, en ningún outro certame ou premio.
Cuarta.-
O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 5 de abril de 2013.
Os orixinais enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre IX Premio de literatura infantil e xuvenil “Raíña Lupa”.
Quinta.-
O xurado estará presidido polo presidente da Deputación da Coruña e formarán parte del: a deputada presidenta da Comisión de Cultura, Educación, Deporte e Mocidade e cinco persoas de recoñecido prestixio no eido literario.
O xurado será nomeado polo presidente da Deputación, e actuará como secretario o da Corporación ou o funcionario no que delegue.
A composición do xurado darase a coñecer con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
Sexta.-
Os participantes terán a obriga de comunicarlle á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
O xurado non poderá declarar deserto o premio e presentará a súa proposta ao presidente da Deputación, que é o órgano competente para concedelo.
A decisión do xurado terá lugar no mes de xuño de 2013 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, e a través dos distintos medios de comunicación.
A plica correspondente á obra que resulte finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñecer o seu nome.
Sétima.-
Non se devolverán os orixinais non premiados que, a partir do día seguinte á decisión do xurado, serán destruídos.
Oitava.-
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

A Coruña, 18 de febreiro de 2013.”

Convocada a XI edición do Premio Literario Conde de Gondomar

Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O Concello de Gondomar convoca a XI edición do Premio Literario Conde de Gondomar.
– Poderán participar todos os mozos/as do Val Miñor que teñan entre 10 e 20 anos.
– O certame conta co apoio do Instituto de Estudos Miñoranos e a Deputación de Pontevedra.
Nesta XI edición, organizada pola Concellaría de Educación, establécense dúas modalidades, Poesía e Relato Curto. Poderán concorrer todos os autores de 3º Ciclo de Educación Primaria, ESO e Bacharelato que residan no Val Miñor e non superen os 20 anos.
Os e as participantes poderán presentar, individualmente, unha única obra, por cada unha das modalidades, de tema libre que deberá remitirse, antes do día 13 de abril de 2013, ás Oficinas do Concello de Gondomar (Rexistro), na seguinte dirección: Praza Doutor Latino Salgueiro s/n 36380 Gondomar.
Todos os interesados que desexen maior información poderán consultar as bases do certame no Concello.”

Convocado o Premio de Poesía Joven Babel 2013

A Sociedad Asturgalaica de Amigos del País convoca o Premio de Poesía Joven Babel 2013, con arreglo ás seguintes BASES:

PRIMEIRA. Poderán participar todos os escritores que o desexaren, con un ou máis poemas orixinais e inéditos escritos en castelán, galego ou galego-asturiano.
SEGUNDA. Os autores deberán ter unha idade comprendida entre os 16 e os 18 anos en día do fin de prazo de presentación de orixinais.
TERCERA. Os autores deberán ser orixinarios ou residentes dos concellos de Navia, Villayón, Coaña, Boal, Illano, Pesoz, Grandas de Salime, El Franco, Tapia de Casariego, Castropol, Vegadeo, San Tirso de Abres, Taramundi, San Martín de Oscos, Santa Eulalia de Oscos, Villanueva de Oscos, Ribadeo, Barreiros, Trabada, Pontenova, Fonsagrada, Navia de Suarna, Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e Baleira; ou cursar estudos de ESO ou Bacharelato nos institutos de Ensino Secundario de Navia, Tapia de Casariego, Vegadeo, Ribadeo, Pontenova ou Fonsagrada; ou ser fillos de socios da Sociedad Asturgalaica de Amigos del País.
CUARTA. Cada poema, de tema libre, deberá ter unha extensión máxima de 100 versos. Presentarase por quintuplicado, en formato Din A4, mecanografado a dobre espazo e por unha soa cara. As obras presentadas faranse chegar nun sobre por participante no que tamén se incluirán os datos persoais do autor (nome, apelidos, enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico) así como copia do DNI o certificado dun profesor do centro en que cursa os seus estudos. Os institutos que o desexaren poden enviar agrupados todos os sobres dos seus alumnos.
QUINTA. Os orixinais enviaranse a: Sociedad Asturgalaica de Amigos del País, apartado de correos nº 1, 33760 Castropol. No sobre indicarase obrigatoriamente Para el premio de poesía Joven Babel 2013. O prazo de presentación de orixinais finaliza o 15 de marzo de 2013. Consideraranse incluídos dentro dese prazo as obras que teñan mataselos de orixe desta data ou anterior.
SEXTA. O xurado estará composto por Belén Rico Prieto, Silvia Murias Gómez, Félix Menéndez González, Arturo Álvarez Fernández e Luis López Suárez. O fallo do xurado será feito público o 25 de marzo y será inapelable. Ademais do Premio, seleccionaranse catro accésit. Se na deliberación previa á votación se considerase por maioría dos seus membros que ningunha das obras presentadas posui calidade suficiente para optar ao Premio, este poderá declararse deserto, non así os catro accésit.
SÉTIMA. O premio non ten dotación económica.
OITAVA. O autor premiado, así como os accésit, lerán as súas obras nos II encuentros de poesía A Bendición de Babel, que terán lugar na Casa de Cultura de Castropol, o Venres Santo de marzo de 2013, ás seis e media da tarde.
NOVENA. A obra premiada queda a disposición da Sociedad Asturgalaica de Amigos del País para a súa posible publicación, sen que se deriven diso dereitos de autor, tanto mediante impresión en proceso dixital como a través de internet.
DÉCIMA. Os orixinais non seleccionados serán destruídos, non admitíndose peticións de devolución.
UNDÉCIMA. A participación neste Premio implica a total aceptación das Bases. O xurado resolverá todos aqueles aspectos non contemplados nas mesmas.

Castropol, 17 de xaneiro de 2013.

Convocado o I Premio Urco de relato fantástico

BASES

1. E isto que vén sendo?
Urco, a editora pioneira na edición de literatura fantástica en lingua galega convoca o: I Premio Urco de Relato Fantástico.
2. E logo por que?
A mellora da capacidade lectora e o fomento da creación literaria entre a mocidade, así como dar a coñecer a literatura de xénero fantástico.
3. A quen vai dirixido / quen pode participar / que teño que facer?
Poderá participar calquera alumno de secundaria dos centros públicos da Galiza, presentando como máximo un relato por cada categoría.
4. Como participo?
Fase 1: inspiración
Todos os grandes escritores en potencia teñen que se inspirar nos mestres da súa época e do pasado, daquela deberás ler, cando menos, un dos seguintes libros, que estarán encadrados en cadansúa categoría:
A praga escarlata. Jack London. Categoría «Horizontes escuros».
Nas montañas da loucura. H. P. Lovecraft. Categoría «Teño medo, mamá!».
O mundo secreto de Basilius Hoffman: O ladrón de soños. Fernando M. Cimadevila. Categoría «Fantasías aventureiras».
O xogo de Ender. Orson Scott Card. Categoría «O distante e fantástico futuro».
Fase 2: a choiar!
Despois dunha conveniente dose de inspiración, toca sacar o mellor de cada un e escribir o noso conto fantástico.
Os relatos terán que estar escritos en lingua galega e ser orixinais e inéditos.
A extensión será de dez folios como máximo, tamaño DIN A4, por unha soa cara, a dobre espazo, xustificado e cunha fonte Garamond a tamaño 12.
Os traballos escritos en Comic Sans serán directamente descartados sen ler.
5. Onde e como os mando?
O enderezo para envialos é o seguinte:
Urco Editora / Rúa do Avío 11, baixo / 15705, Compostela, Galiza.
Debes enviar 2 sobres separados, un co relato ou relatos (non os asines!!!) e outro cos datos persoais. Este procedemento serve para que o xurado lea os contos sen saber de quen son e así garantir que os premios se repartirán só en función da calidade. Ambos os dous sobres deben ter o mesmo tamaño e levar por fóra o título do conto ou contos, a categoría ou categorías a que se adscriben e o pseudónimo co que os asines.
Sobre 1: Conterá unha folla cos datos reais da autora ou autor (nome e apelidos, centro docente e datos de contacto, título do relato ou relatos e categoría ou categorías nas que participa).
Sobre 2: Aquí terás que meter a túa obra mestra, unha ou varias, segundo participes nunha categoría ou en máis.
6. E canto teño que bulir?
O prazo de recepción de orixinais finaliza o 26 de abril de 2013.
7.Como se escollen os gañadores?
Urco Editora seleccionará, de entre todos os presentados, tres relatos por cada categoría para seren publicados nunha obra colectiva. Estes relatos serán os finalistas do concurso, de entre os cales un xurado elixirá os catro gañadores; un en cadansúa categoría.
O xurado estará formado por profesionais reputados do mundo da literatura e a cultura galegas.
8. E que gaño, se gaño?
O premio para os finalistas consistirá nun lote de libros e a publicación do seu conto nun volume colectivo. Os gañadores de cada categoría recibirán, alén do lote de libros e a publicación, un dispositivo e-reader cargado con varios títulos da editorial.
9. E cando sei se gañei?
A entrega de premios terá lugar a finais do mes de maio, en Compostela. Todos os participantes serán convidados ao acto.
A obra colectiva de gañadores e finalistas estará a disposición do público desde o mesmo día da entrega de premios.
10. A quen me dirixo se teño algunha dúbida?
Para calquera dúbida podes contactar connosco a través do correo electrónico davidcortizo@urcoeditora.com.
As dúbidas non resoltas ou calquera continxencia sobre estas bases serán resoltas pola organización e, no seu caso, polo xurado.
11. Que se vai facer cos orixinais?
Os participantes poderán pasar pola editora a recoller os seus orixinais até o 30 de Xuño, pasado ese tempo procederase á súa reciclaxe.
12. O feito de participar no concurso supón a aceptación das presentes bases.

Convocado o XLV Concurso Literário de Teatro Infantil da A. C. O Facho

“Assumindo como próprias as palavras de Juan Ramón Jiménez quando afirmava que “Teatro infantil é aquele que também lhe gosta aos nenos”, a Junta Directiva da Associaçom Cultural O FACHO acordou convocar o Concurso de Teatro Infantil, que, nesta nova etapa, se regerá polas seguintes

BASES

1º) Poderám optar ao devandito prémio todas as pessoas que pressentem obras inéditas –em qualquer tipo de suporte- nom representadas, nem premiadas noutros certames e que esteiam escritas em língua galega.
2º) Estabelece-se como prémio único, a ediçom da obra ganhadora, da que o autor ou autora receberá 100,.- € e um lote de livros teatrais.
3º) A obra, que nom poderá exceder os 80 fólios, será presenteada por quintuplicado, em formato DIN A4, a dobre espaço e mecanografados por umha soa cara.
4º) Os originais para o Concurso enviaram-se por correio á sé da Associaçom Cultural O FACHO. R/ Frederico Tápia n.º 12-1º A Corunha (15005) ou a Caixa de Correios n.º 46, Oficina Principal de A Corunha. Apresentarám-se sob um lema, que figurará na portada dos textos enviados, e viram acompanhados de um envelope fechado que contenha no exterior o lema da obra e, no interior, o nome, apelidos e telefone do autor ou autora.
5º) O prazo de admissom de originais finaliza o dia 30 de Abril de 2013 às doce da noite. O falho do prémio fará-se público no mês de Maio.
6º) Os ganhadores serám elegidos por um júri nomeado pola Associaçom Cultural O FACHO. O mesmo está composto por pessoas de reconhecido prestigio no âmbito teatral galego.
7º) O júri poderá declarar deserto um ou vários dos prémios do concurso e será o que deverá resolver aquelas situaçons que se pressentem e que nom esteiam contempladas nestas bases, assim como as duvidas que podam existir na sua interpretaçom
8º) A participaçom neste Certame implica assumir as bases do mesmo.
9º) Os originais nom premiados poderám ser retirados, no prazo de 30 dias, no local de O Facho, prévio correio dirigido ao endereço postal da Agrupaçom.
No caso de que o autor o autora nom resida na Corunha poderá solicitar que lhe sejam enviados por correio postal.
Esta convocatória entrará em vigor ao dia seguinte da sua publicaçom nos médios.

Na cidade d’A Corunha, 2 Fevereiro 2013.

Convocado o XLV Concurso Literário de Contos de nenos para nenos da A. C. O Facho

“Recuperados em 2008 os prémios literários que desde os anos sessenta convocou O FACHO e nos que participárom ou ganhárom muitos dos escritores e escritoras que hoje fam possível com a sua obra umha literatura galega de qualidade e de grande importância nas letras universais, realiza-se a convocatória para 2013 do XLV Concurso Literário de Contos de Nenos para Nenos.

BASES DO CONCURSO

1. Poderám participar rapazes e raparigas que pressentem as suas obras em Língua galega. Os trabalhos presenteados deveram ser originais e inéditos em toda a sua extensom.
2. O prazo de admissom de originais finaliza o dia 31 de Março de 2013 às doce da noite.
3. A apresentaçom de originais para o Concurso fará-se por correio postal dirigido à sede da Associaçom Cultural O FACHO. R/ Frederico Tápia, 12-1º 15005A Corunha. Podendo fazer individualmente ou por médio do centro onde curse os seus estudos.
4. No caso em que sejam os centros escolares os que pressentem os originais ao Concurso, deveram fazer umha pré-selecçom dum máximo de dous trabalhos por categoria, qualquer outro terá que ser apresentado individualmente.
5. As obras haverem de serem relatos originais e nom estarem editados por nengum procedimento impresso ou electrónico, nem terem sido premiados em qualquer outro concurso ou certame literário e em condiçons para que os seus direitos de publicaçom podam ser cedidos à Associaçom Cultural O FACHO por período de cinco anos contados a partir do dia do falho do júri.
6. Para além da originalidade literária, o júri valorizará a riqueza lingüística e o conhecimento gramatical reflectido nas obras.
7. Estabelecem-se duas categorias:
– Categoria A. Nenos e nenas de 6 a 12 anos.
– Categoria B. Rapazes e rapazas de 13 a 16 anos.
8. As quantias dos prémios serám as que seguem:
– Categoria A.
* 1º: 100,.- € em efectivo e um lote de livros doados pola Editorial Galáxia.
* 2º: 100,.- € em efectivo e um lote de livros doados pola Editorial Galáxia.
– Categoria B.
* 1º: 100,.- € em efectivo e um lote de livros doados pola Editorial Galáxia.
* 2º: 100,.- € em efectivo e um lote de livros doados pola Editorial Galáxia.
9. Cada autor só poderá apresentar umha obra atendo-se aos seguintes limites de extensom:
– Categoria A Um máximo de cinco fólios.
– Categoria B Um máximo de dez fólios.
10. As obras haverem de se apresentar por duplicado, manuscritas ou mecanográficas, encadernadas ou grampadas e levaram por detrás do último folio os seguintes dados:
– Nome e apelidos do autor/a.
– Endereço e telefone. Correio electrónico.
– Centro onde cursa os seus estudos.
– Categoria na que participa.
11. Os prémios serám escolhidos por um júri nomeado pola Associaçom Cultural O Facho em falho que se fará público no mês de Maio.
12. O júri poderá declarar deserto um ou vários dos prémios do concurso e será o que deverá resolver aquelas situaçons que se pressentem e que nom esteiam contempladas nestas bases, assim como as dúvidas na sua interpretaçom.
13. A participaçom neste Concurso implica a aceitaçom das presentes bases.

Correo electrónico: o_facho_a_cultural@yahoo.com.br

A Corunha, 31 de Janeiro 2013