Takekazu Asaka recibe o Premio Ramón Cabanillas

Desde a Real Academia Galega:
“O académico correspondente Takekazu Asaka recollerá este sábado, 27 de xullo, o Premio Ramón Cabanillas, nun acto que terá lugar ás 20:30 horas no auditorio municipal de Cambados. As librarías Contos e Ramón Cabanillas da localidade, coa colaboración do concello, recoñecen así o labor de divulgación da lingua e da literatura galegas do profesor nipón, que acaba de publicar unha tradución á súa lingua dunha das obras do autor que lle dá nome ao galardón, A rosa de cen follas (1927). O libro será presentado hoxe, ás 20 horas, na biblioteca municipal Luís Rei. Non será a primeira achega do académico ao escritor cambadés, ao que xa lle dedicou a Cantata a Ramón Cabanillas. Takekazu Asaka publicará ademais proximamente un artigo sobre as formas de cortesía en galego no que toma como referencia, entre outras fontes, a novela Costa do Solpor do tamén académico correspondente Xosé María Lema. (…)”

María Solar, Victoria Carballo-Calero e Manuel Bernárdez, entre os Premios Insua dos Poetas 2019

Desde El Correo Gallego:
“O Padroado da Fundación “Insua dos Poetas” decidiu outorgar o premio “Insua dos Poetas” 2019 na categoría de Creación Literaria a María Solar, xornalista e escritora, polo seu traballo no mundo da comunicación, sobre todo, no programa cultural Zig Zag diario da TVG e na Revista Fin de Semana, así como pola súa contribución como creadora no eido da literatura infantil e xuvenil.
Na categoría de Artes Plásticas, o premio desta edición recaeu na profesora María Victoria Carballo-Calero, catedrática de Historia de Arte Contemporánea da Universidade de Vigo e numeraria da Real Academia de Belas Artes de Galicia, polo seu incesante traballo desde Ourense a prol da pintura, escultura, arquitectura e arte urbana. Salientando o seu labor no estudo da ilustración da Revista Nós do ano 1983.
Na categoría de Lingua e Cultura Galega na diáspora, o premiado desta edición foi o Centro Galicia de Bos Aires, institución que agrupou o 25 de xullo de 1979 aos catro centros provinciais (ourensán, pontevedrés, lucense e coruñés) que existiu na capital arxentina desde os anos 40. Esta institución, unha das de maior alcance, patrimonio e prestación de servizo de toda a emigración galega en América, agrupa na actualidade a case 10.000 socios e cumpre 40 anos de andaina.
O premio “Insua dos Poetas” 2019, na categoría de Acción Social, foi para a Asociación de Veciños da Parroquia de Madarnás, no Carballiño. O xurado quere premiar a esta entidade por estar a Insua dos Poetas enclavada en dita parroquia e polo súa constante colaboración coas actividades que alí se realizan, sobre todo, salientando o libro Historia de Madarnás, promovido pola asociación e do que son autores: José Luis Sobrado, Juan Álvarez e Francisco Fumega. O premio “Insua dos Poetas” 2019 na categoría de Iniciativa Empresarial foi para o empresario natural de Dacón, Maside, Manuel Bernárdez Otero, polo seu mecenado desde o grupo empresarial Cer & Ber, creado en 1983 coa finalidade de outorgar un servizo de asesoramento inmobiliario e asegurador a toda a comarca do Carballiño, sendo a súa actividade un exemplo de normalización na lingua propia de Galicia e contando cunha plantilla de profesionais que transcenden o marco peninsular para atender ás demandas de emigrantes galegos residentes en Francia, Suíza, Panamá e México. Na categoría de Imaxe e Audiovisual, nesta edición, o premio foi para a Asociación Fotográfica O Potiños, nada en 1965 polas inquedanzas dun grupo de persoas que ao redor da memoria do fotógrafo Gabriel Alonso, alcumado “O Potiños”, téñense preocupado en varias etapas de actuación da difusión, promoción e da vertente artística da fotografía, salientando a colaboración de diversos membros desta entidade que fotografan a Insua dos Poetas, nas diversas estacións do ano. Por último, na categoría de Medios de Comunicación, o premio deste 2019, foi para a Cadena SER do Carballiño, polo labor informativo en lingua galega que se realiza desde esta emisora de radio e pola súa preocupación constante polas actividades culturais da bisbarra. A entrega dos galardóns (que será uhna peza escultórica de Acisclo Manzano, realizada expresamente para este evento) tivo lugar o sábado, 20 de xullo, ás 12.00 horas, no transcurso da celebración da XI Festa da Palabra, na Insua dos Poetas, en homenaxe ao escritor Antón Tovar, falecido en Ourense en 2004.
Na xuntanza na que se decidiron os premios estiveron presentes Luis González Tosar, presidente do Padroado da Fundación “Insua dos Poetas”; Xabier Castro Martínez, secretario; Patricia Torres, deputada provincial de Cultura en representación da Deputación de Ourense; Anxo Lorenzo, director xeral de Industrias Culturais en representación da Xunta de Galicia; Acisclo Manzano, escultor; Antón Pulido, pintor; Miguel Anxo Fernández; Xosé Ricardo Rodríguez; Celso Sánchez González e Gisela Barbeito. “

Bases dos Premios da Crítica de Galicia 2019

“Como establece a base sétima «Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras ás secretarías dos xurados antes do 27 de setembro de 2019. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros».
A este teor as propostas poderán ser dirixidas ás secretarías de cada unha das modalidades escribindo a: premiosdacriticagalicia@gmail.com
Creación literaria: María López Sández.
Investigación: Jorge Mira Pérez.
Iniciativas Culturais e Científicas: Alba Nogueira López.
Música: Ernesto Sánchez Pombo.
Artes Plásticas: Xavier Limia de Gardón.
Artes Escénicas: Paula Cabaleiro Comesaña.
Cine e Artes Audiovisuais: Mariana Fernández Carballal.
Cultura Gastronómica: Inma López Silva.”

Cesáreo Sánchez Iglesias: “Sinto que o recoñecemento da Universidade do Ceará é á miña xeración”

Entrevista de Daniel Salgado a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“O poeta que publicou hai 41 anos Silencios e conversas de inverno -primeiro elo dunha longa cadea de títulos-, activista cultural e social, figura inevitábel da literatura contemporánea, recibe a vindeira semana a medalla de mérito artístico Alberto Nepomuceno da Universidade Estadual do Ceará do Brasil. “Sinto que é un recoñecemento á miña xeración”, di Cesáreo Sánchez Iglesias a Sermos Galiza, “e acéptoo con todo o pudor e toda a sincera humildade”.
A distinción serviulle a Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951), presidente da Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG), para botar a vista atrás e repasar a súa vida. “Hai ademais 45 anos que me organicei, con outras galegas e galegos, para dotar o país de plataformas culturais”, relata, “ou sindicais, como o Sindicato Galego de Traballadores da Administración Pública, logo integrado na CIG”. O seu nome aparece igualmente en iniciativas de prensa en galego -presidiu durante dúas décadas o Consello de Administración de A Nosa Terra- e mesmo no movemento veciñal.
“A miña biografía como activista non é más que a continuación daquilo que a ditadura interrompera, enlazando con persoas exiliadas e represaliadas polo franquismo”, indica. O feito de que o galardón veña da outra beira do Atlántico, en concreto do Nordeste brasileiro, é motivo engadido da súa satisfacción. “Alí vemos esoutra galla do noso idioma actuando”, opina, “é unha suma de gratas sensacións”.
O xurado da medalla Alberto Nepomuceno -o pai do nacionalismo na música académica do Brasil- salientou o seu traballo “a prol da cultura, das letras e das artes galegas”. Mais tamén o poeta, nome indiscutíbel da promoción dos 80, cuxa obra foi evoluíndo dun intimismo esencial e simbolista a libros marcados pola idea e a práctica da viaxe: O rumor do distante (2001), Caderno do Nilo (2013) ou As bolboretas do Mekong (2018).
Sobre a súa escrita e a poesía galega actual disertará na Universidade do Ceará dentro do programa cultural e académico “en conmemoración do Día das Letras Galegas” que decorrerá entre o 20 e o 24 de maio. Sánchez Iglesias presentará ademais a versión en portugués do Brasil de Caderno do Nilo, lerá textos de As bolboretas do Mekong e falará sobre literatura de tradición oral galega na Academia das Letras do Ceará.
“O premio serviume para facer balanzo”, insiste, antes de concluír: “Sempre tiven presente, e visitar o cuarto do Centro Galego de Bos Aires onde morreu Castelao lembroumo, aquilo que di o Sempre en Galiza: ‘Nunca nos derrotaron a esperanza’. Ese é o elemento vertebrador da miña xeración”. Ao pouco tempo, o poeta envía por whatsapp unha nova conclusión. Desta volta cita Nepomuceno: “Não tem pátria um povo que não canta no seu idioma”.”

Gañadoras/es da XV edición dos Premios Frei Martín Sarmiento

Desde o blogue dos Premios Frei Martín Sarmiento:
“O día 3 de maio coñecéronse os gañadores da décimo quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento, organizado polo departamento de Dinamización Lingüística de Escolas Católicas coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O acto, foi conducido pola comunicadora e locutora Paula Pájaro, estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo presidente de Escolas Católicas, Juan Manuel Buján.
Os gañadores desta XV edición do Premio Frei Martín Sarmiento foron:
Educación Infantil
Olalla González; Un máis; Ed. Kalandraka.
– 1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria
María Lado; 5 minutos; Ed. Auga editora.
– 2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria
Pere Tobaruela; Catro pedras vellas; Baía Edicións.
– 3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
Ledicia Costas; A señorita Bubble; Ed. Xerais.
– 4ª categoría: 1º e 2º de ESO
Fernando M. Cimadevila; A incríbel viaxe de Noa; Ed. Contos Estraños.
– 5ª categoría: 3º e 4º de ESO
David Lozano Garbala; Descoñecidos; Ed. Rodeira-Edebé.
– 6ª categoría: bacharelato e adultos
Lito Vila Baleato; Campus Morte; Ed. Galaxia.”

Nova Nursia, de Héctor Cajaraville, e As orixes da fotografía en Galicia, de Carlos Castelao, premios Losada Diéguez

Desde Sermos Galiza:
Nova Nursia (Xerais, 2018), a novela de Héctor Cajaraville sobre Frei Rosendo Salvado, gañou a 34ª edición do premio Antón Losada Diéguez na categoría de creación literaria. En ensaio, o galardón foi para As orixes da fotografía en Galicia (Alvarellos / Consorcio de Santiago de Compostela, 2019), de Carlos Castelao.
A obra de Cajaraville válese dunha combinación de perspectivas -narración en terceira persoa e cartas en primeira- para achegar a figura do relixioso que, de Tui a Australia, está considerado ademais o introdutor do eucalipto en Galiza. Beneditino, protagoniza esta “áxil novela histórica”, en palabras do xurado.
As orixes da fotografía en Galicia é un traballo pioneiro, de gran profundidade documental, sobre “a chegada e asentamento da fotografía na sociedade compostelá”. É ademais unha coidada edición con ducias de imaxes que contribúen a “rescatar a memoria visual da época”.
Ao certame, organizado polos concellos do Carballiño e Boborás, concorreron 38 obras, 16 na modalidade de ensaio e 22 na de literatura. Está dotado con 6.000 euros por categoría e entregarase nun acto no pazo da familia Losada Diéguez en Moldes (Boborás) o vindeiro 15 de xuño.
O xurado estivo presidido polo concelleiro de Cultura do Carballiño Diego Fernández. Participaron como vocais: pola Real Academia Galega, Afonso-Vázquez Monxardín; polo Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas; do Museo do Pobo Galego, Francisco Fariña; por Boborás, Patricia Torres; da Universidade de Santiago, María do Mar Lorenzo; da Universidade da Coruña, Manuel Ferreiro; e da Deputación Luís González Tosar.”

A escritora María Reimóndez, Premio dos Clubs de Lectura 2019

Desde as Bibliotecas Escolares de Galicia:
“Na XII Xornada dos Clubs de Lectura, que reunirá o 7 de xuño de 2019 en Compostela ao profesorado que coordina os clubs de lectura en 243 centros adheridos á convocatoria desta consellería, entregarase o Premio dos Clubs de Lectura 2019 á escritora María Reimóndez.
O pasado 23 de abril, a D.X. de Centros e Recursos Humanos publicaba unha Resolución pola que se concedía este galardón a María Reimóndez por ser a escritora galega máis lida nos clubs de lectura. Aínda que na relación de autores e autoras máis lidas polos clubs de lectura no pasado curso 2017/2018 María Reimóndez aparece cuarta na lista, cómpre lembrar que este premio só se entrega a autores/ as en vida e que cada autor e autora pode recibilo unha soa vez.
É de salientar que entre os títulos máis lidos polos clubs de lectura no curso 2017/2018 aparecen títulos de María Reimóndez como Corredora, A dúbida, Dende o conflito, As cousas que non queremos oír ou Moda galega.
A escritora afirma que a literatura contribúe a conformar valores e ten que servir para construír outro mundo. Así Genet, a atleta etíope protagonista de Corredora, quere mostrar ao mundo enteiro do que son capaces as invisibles. Por iso, cando por fin está no podio, entende que levantarse e correr, unha e outra vez, é o seu camiño e o seu fogar aprendido na cerna da montaña, no país onde naceu e onde cabe o mundo enteiro.”