Corcubión: presentación de Pallaso, de Fernando Castro

A Capela do Pilar, en Corcubión, acolle o venres 15 de outubro, ás 20:00 horas, a presentación do libro de teatro Pallaso, de Fernando Castro, obra gañadora do Premio de Teatro Varela Buxán, publicado por Edicións Fervenza. O acto incluirá a lectura dramatizada dunha das escenas da obra por parte das actrices Elisa Lema, Andrea Rodríguez e Lucía Senra, de Farándula Velutina.

A Coruña: presentación de O portugués esquecido. O galego e os dialectos portugueses setentrionais, de Xosé Manuel Sánchez Rei

O 14 de outubro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, preséntase O portugués esquecido. O galego e os dialectos portugueses setentrionais, de Xosé Manuel Sánchez Rei, publicado por Laiovento. O autor estará acompañado por Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto. Para asistir cómpre inscribirse mediante o seguinte formulario.

Vigo: Mamasunción. Como facer unha película a través da mirada de Chano Piñeiro, de Pedro Sancho

O 13 de outubro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do Museo do Mar de Galicia, en Vigo, preséntase o libro Mamasunción. Como facer unha película a través da mirada de Chano Piñeiro, de Pedro Sancho, publicado por Edicións Fervenza. En dito acto, o autor estará acompañado pola directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio; Mari Luz Montes, viúva de Chano Piñeiro; e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.