Vigo: presentación de Como en Alxeria, de Xosé Ramón Pena

O venres 15 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase Como en Alxeria, de Xosé Ramón Pena, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Bragado.

Vigo: presentación de Xeórxicas do pan, de Ramón Otero Pedrayo

O venres 15 de febreiro, ás 19:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o libro Xeórxicas do pan, de Ramón Otero Pedrayo, publicado en Galaxia. No acto intervirán Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol, Manuel Forcadela, Silvia Penas, Víctor F. Freixanes, Ernesto Pedrosa e Alfonso Zulueta de Haz.

Lugo: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez

O mércores 13 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase o libro En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, Luís Tosar e Manuel Bragado.

Xosé María Lema Suárez: “En Costa do Solpor aparecen persoeiros que hoxe en día percorren a nosa xeografía histórica”

Entrevista a Xosé María Lema Suárez en Compás da Costa:
“(…) – Compás da Costa (CdC): Nesta historia [Costa do Solpor] non faltan os piratas e as batallas navais. Os habitantes da Costa da Morte da época estaban familiarizados con estas guerras?
– Xosé María Lema Suárez (XMLS): Quen o sabe! Habería que preguntarllo ó amigo Víctor Castiñeira, que sabe ben disto. A trama transcorre na Costa do Solpor, entre a ría de Fisterra e a da Coruña. É unha historia rural de mar e terra, que ocorre na Coruña tamén porque alí había unha base de piratas, está demostrado. Había barcos que tiñan en corso que atacaban ás ordes do rei. É dicir, había piratas que ían por libre e corsos, que ían a conta do rei e tiñan que pasar Facenda. Os malos nesta historia non teñen nacionalidades. Hai galegos bos e malos. (…)
– CdC: Hai xa moito tempo traduciches ó galego O pirata Kernok de Eugène Sue. Foi daquela cando che “picou o verme” de aventurarte a escribir unha novela?
– XMLS: Es a primeira persoa que mo dis, pero tes razón! Hai algo do pirata Kernok na miña novela. Kernok era bretón e eu son un amante das fisterras célticas. Por iso hai numerosas referencias á Bretaña, Irlanda, Cornualles… Hai algo de Kernok e de máis piratas, dos que me estiven informando. Esta novela ten unha base histórica importante. Nela falo de temas como os castigos da época contra os piratas. Aparece unha meiga tamén, xa que naquela época os piratas eran moi supersticiosos e crían nas maldicións e no destino. Na trama tamén hai linguaxe de xuramentos e linguaxe amable e poética, inspirada sobre todo por poetas da Costa da Morte. (…)”

Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013 (VIII)

Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Finalizamos coa publicación diaria dos centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:

Sábado á noite: CPR plurilingüe Montesol, Vigo.
-Compadre, desque un vai vello: CEIP plurilingüe San Marcos, Abegondo.
Prólogo: IES Illa de San Simón, Redondela.
Nasín cando as prantas nasen: CEIP Alexandre Bóveda, Chapela-Redondela.
-Cantan os galos pra o día: CPI da Cañiza.

Vigo: presentación de Carnia Haikai, de Elvira Riveiro

O sábado 9 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Social Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Carnia Haikai, de Elvira Riveiro, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto, xunto á autora, participan Silvia Penas, Héitor Picallo e a DJ alemá Carina Posse, no que será un acto que combine a reflexión sobre os textos, o discurso arredor da xénese das ilustracións que acompañan os poemas, o recitado, a música e o vídeo.