Arteixo: presentación do libro inédito Galiza, de Manuel María

O mércores 29 de decembro, a partir das 20:00 h., no Centro Cívico Cultural de Arteixo, terá lugar a presentación do libro Galiza, ensaio inédito de Manuel María. No acto, organizado pola Fundación Manuel María e a Asociación Cultural Monte da Estrela, participan Aniceto P. Nunes, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Marica Campo, Saleta Goi e Alberte Ansede, e aproveitarase para presentar tamén o proxecto da Casa Museo do autor chairego.

Santiago: presentación do almanaque poético 12 poetas para un ano

O xoves 30 de decembro, ás 20:00 h., na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55), de Santiago de Compostela, preséntase o almanaque poético 12 poetas para un año, publicado por Ediciones El Gaviero, e antologado por Maite Dono. No acto estarán presentes as participantes galegas no libro: Branca Novoneyra, Estíbaliz Espinosa e a propia Maite Dono.

Santiago: presentación de Cartas de Poeta. De Uxío Novoneyra a Ramón Piñeiro. 1953-1972

O xoves 23 de decembro ás 11:30 h., na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, preséntase o libro Cartas de Poeta. De Uxío Novoneyra a Ramón Piñeiro. 1953-1972, editado polo propio Consello da Cultura Galega baixo a coordinación de Luís Cochón e Luís Alonso Girgado. No acto intervirán Ramón Villares, Luís Cochón e Uxío Novoneyra Rei, fillo do poeta. A nova aparece recollida en Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, El Correo Gallego, La Voz de Galicia e Cultura Galega. Pequena escolma en Cultura Galega.

Vigo: presentación de A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia, de Xavier Castro

O xoves 23 de decembro, ás 20:00 h., no Salón do Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Vigo, preséntase o libro de Xavier Castro A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia, publicado por Biblos. Participarán ademais do autor, o escritor, profesor e crítico literario Estro Montaña e o xornalista Fernando Franco.

O Saviñao (Escairón): presentación do libro Circular polo Saviñao III

O xoves, 23 de decembro, a partir das 20:00 h., no Círculo Saviñao (Rúa Pardo Bazán, 17, O Saviñao, Escairón), preséntase o libro Circular polo Saviñao III, editado por esta entidade para conmemorar o seu 50 aniversario. Nel colaboran, entre outros, Xesús Alonso Montero, Xosé Lois García, Xabier Quiroga, Carlos Quiroga, Siro López e Yolanda Castaño.

Santiago: presentación de Obediencia, de Antón Lopo

O mércores 22 de decembro, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, presentación da novela gañadora do Premio García Barros 2010, Obediencia, de Antón Lopo, publicada en Galaxia. No acto participan, co autor, Carlos Lema e Anxos Sumai. Comentado en Galicia Hoxe, e con crónica posterior tamén en Galicia Hoxe e Xornal de Galicia.

Santiago: presentación de Abelcebú, de Carlos Negro

O martes 21 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Abelcebú, de Carlos Negro, publicado por Edicións Positivas. O acto, segundo comentan, consiste na aparición “Por segunda vez en Compostela, en vivo e en directo, baixo apariencia carnal, o Demo en persoa, o noso adorado e pecadento Abelcebú. Exercerán de acólitos, nesta extravagante cerimonia, os seguintes elementos: Paco Macías (proveedor de surtidos Cuétara, Carlos Negro (amanuense trapalleiro) e Inacio Vilariño (mestre en augardentes). Haberá exorcismos literarios, tómbola malévola e, por suposto, gran queimada”, e advirten que a “Libraría Couceiro non se fai responsábel dos danos morais que poida padecer o público asistente a este evento. Rógase leven extintores, por se ascaso.”