Santiago: presentación de Alicerces nº 18: Luís Seoane, teórico do deseño gráfico, no Museo do Pobo Galego

O venres 26 de novembro, ás 19:30 h., no Museo do Pobo Galego, terá lugar a presentación do nº 18 da serie Alicerces, Luís Seoane, teórico do deseño gráfico, coa que se conmemora o centenario do nacemento do prolífico autor coruñés. A edición, ao coidado de Xosé Ramón Fandiño e Gloria López, foi posible mercé á autorización da Fundación Luís Seoane.

A Coruña: presentación de Sétimo andar, poesía alén

O sábado 27 de novembro, ás 21:00 h., no Centro Social Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9) da Coruña, preséntase Sétimo andar, poesía alén, o segundo libro do colectivo A porta verde do sétimo andar, no que participan María N. Soutelo, Ramiro Vidal Alvarinho, Alfonso Láuzara, Rosa Enríquez, Alba Méndez, Manolo Pipas, Miguel Ángel Alonso Diz, Alberte Momán e Ana Cibeira.

Palmeira (Ribeira): presentación de As deusas do calvario, de Francisco Antonio Vidal

O venres 26 de novembro, a partir das 20:30 h., na Casa do Mar de Palmeira (Ribeira), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, o Ateneo Valle-Inclán, a Editorial Toxosoutos e o Concello de Ribeira presentan o libro As deusas do Calvario, de Francisco Antonio Vidal, nun acto no que estarán presentes o autor; o socio de Barbantia Xesús Laíño; a representante do Ateneo Valle-Inclán, Rosa García Pose; e mais o alcalde de Ribeira, José Luís Torres Colomer.

Lugo: presentación de Gran Lugo de nebra, de Uxío Novoneyra

O venres 26 de novembro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de San Domingo, 4), preséntase a obra Gran Lugo de nebra, de Uxío Novoneyra, publicada en Alvarellos. No acto intervirán a viúva do poeta, Elba Rei, o alcalde de Lugo, Xosé C. López Orozco, o vicepresidente da Deputación Provincial, Xosé Antón Bao Abelleira, a profesora María Pilar García Negro, o pintor Xesús Blas Lourés e o editor Henrique Alvarellos Casas.

A Coruña: presentación da antoloxía “Breogán’s Lighthouse”, coordinada por Antonio Raúl de Toro

O xoves 25 de novembro, a partir das 20:00 h., na FNAC (Praza de Lugo, s/n.) da Coruña, preséntase a antoloxía da literatura galega en edición bilingüe galego-inglés Breogán’s Lighthouse, coordinada por Antonio Raúl de Toro, e publicada na editorial británica Francis Boutle Publishers.

Ourense: presentación do libro Educación e ideoloxía en Ourense na IIª República, de Xosé Manuel Cid Fernández

O xoves 25 de novembro, a partir das 20:00 h., na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12, baixo) de Ourense, preséntase o libro Educación e ideoloxía en Ourense na IIª República, de Xosé Manuel Cid Fernández, publicado en Andavira. No acto interveñen, xunto ao autor do libro, Paco Maxide, Manuel Peña Rey, Américo Peres e Lucila Ventoso, editora da publicación.

Santiago: presentación de Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras

O xoves 25 de novembro, a partir das 20:00  h., terá lugar na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela a presentación da novela Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras, cuxa primeira edición esgotou todos os exemplares á semana da súa saída. O acto contará coa participación de Dolores Vilavedra. Desde esta semana pódese ver o booktrailer da novela na rede.

Pontevedra: presentación de Crónicas do mañá. 50 anos de contos cubanos de ciencia ficción

O xoves 25 de novembro, ás 18:00 h., na Libraría Paz (Rúa Peregrina, 29) de Pontevedra, preséntase o novo libro Crónicas do mañá. 50 anos de contos cubanos de ciencia ficción, preparado polo autor cubano do xénero José Miguel Sánchez, “Yoss”, e editado por Urco Editora. No acto participará Juan Soto, presidente da Asociación “Amigos de Cuba” de Pontevedra, e Rodrigo Vizcaíno e Tomás González Ahola, membros da editorial.

Lugo: presentación de Nube de seda na Lúa e outros relatos, de Xosé Luís Vázquez Somoza

O mércores 24 de novembro, a partir das 20:00 h., no IES Lucus Augusti (Avenida Rodríguez Mourelo, s/n.) de Lugo, preséntase Nube de seda na Lúa e outros relatos, de Xosé Luís Vázquez Somoza, publicado en Toxosoutos.