
Véxase o programa que comezou este día 29 na páxina de Rede.cat. Os actos desenvólvense na Sala d’Actes do Casal d’Associacions Juvenils de Barcelona (Ausiàs Marc, 60).
Arquivo da categoría: Recitais
Viaxe literaria a Lóuzara
VIAXE LITERARIA A LÓUZARA
Se viñeras a min polo avesedo
dunha norteira fraga de veludo,
o viño meu xa non sería acedo.
Nin acedo sería o tempo rudo,
pois farías da miña vida un ledo
paraíso de amor no vento mudo.
Fiz Vergara, Nos eidos da bremanza
Lóuzara a Xabreira, o val máis cheo de risos deste país, o berce da poesía do Fiz e o lugar máis máxico para todos os ERGUEITOS, un centro alimentador, un lugar de repouso. Os centos de castiñeiros a tripar polas encostas, o silencio, o río, a Fonte da Cova, o muíño do Fiz, a fervenza de Augadalte e o pozo de Beltrán. Porque ningún lugar hai mellor para metamorfosearse en auga como o Fanto Fantini de Cunqueiro e escapar dos cárceres da vida. Convidámosvos a todos a acompañarnos en xuño *(o día 14)* á nosa viaxe literaria a Lóuzara, para recitar aos outeiros os versos do Fiz que voarán polo ceo do seu val como bolboretas preñadas de ilusións. Quizais teñamos tempo para perdelo, coñezamos o noso interior como un mapa de sentimentos e escoitemos aos recitadadores como a música dos ríos de Lóuzara.
Agardaremos por vós na Casa da Cultura de Sárria ás 12:00 para saír cara Paredes de Lóuzara ao Mesón de Paredes onde nos agarda o comezo. Confirmade por mail (*mariacasar@hotmail.com* ) ou nos teléfonos 678 60 15 50 (María) ou 677 429 225 (Xerardo).
Recital de Alberte Momán en Compostela
O próximo venres 16 Alberte Momán recitando no Pub Momo (Virxe da Cerca, 23) textos do caderno de poesía Déixanse levar. Será ás 21:00 horas. O caderno de poesía Déixanse levar, distribúese conxuntamente c’ O alento da musa (Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2007). Tamén se contará coa presenza de Óscar Antón Pérez García. (Alberte Momán)
Francisco X. Fernández Naval na Sargadelos da Coruña
O martes 6 de maio, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Francisco X. Fernández Naval cunha intervención titulada “Auga crebada –poemas de río e mar- (dos libros Mar de Lira e Miño)”, nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.
Yolanda Castaño na Sargadelos da Coruña
O martes 22 de abril, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Yolanda Castaño nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.
Festival poético en Arteixo
O xoves 17 de abril terá lugar o festival poético que terá lugar en Arteixo no pub da alfombra vermella da flor das viñas, o Entrance Bar (R/ Ría de Noia, Praza das Viñas, a carón do Balneario). Apartir das 22:00 poderase desfrutar dun festival en lingua galega onde participarán autores coma o recoñecido poeta Paco de Souto, Miguel Mato Fondo e Paco de Tano, entre outros.
Presentación en Compostela do número 31 da revista Dorna
O día 16 de abril, ás 19:30 no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela terá lugar a presentación do número 31 da revista Dorna (2006/2007). A presentación consistirá nun recital poético-musical coa participación de Anxo Angueira, María do Cebreiro, Xiana Arias, Alberto Lema, Andrea Núñez, Lía Santiso e Manu Clavijo.
Con este número recupérase a traxectoria dunha das revistas máis importantes do panorama literario galego, que leva dende 1981 ofrecendo un lugar para a expresión de voces emerxentes xunto con outras longamente consagradas.
O presente número conta, entre outras, coas colaboracións de Anxo Angueira, Chus Pato, Darío Xohán Cabana, Elvira Riveiro, Fran Alonso, María do Cebreiro, María Lado, Marilar Aleixandre, Marta Dacosta ou Miro Villar, xunto con poetas que veñen de debutar hai pouco como Alberto Lema, Andrea Núñez, Rosa Enríquez ou Xiana Arias.
O número inclúe tamén unha antoloxía bilingüe do poeta vasco Kirmen Uribe e está ilustrado con obra fotográfica da artista Carmen Chacón.
Presentación na Coruña de Amor deshabitado, de Ánxeles Penas
O día 13 de marzo, ás 20:00 horas na Fundación Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande, 21-24), terá lugar a presentación do poemario Amor deshabitado, de Ánxeles Penas. No acto intervirán Xavier Seoane, Teresa Seara, Miguel Anxo Fernán Vello e a autora. Tamén se ofrecerán unha lectura-recital a cargo da actriz Ánxela G. Abalo e unha actuación musical do violinista Mijail Moriatov.
César Antonio Molina na Aula de Poesía de Culleredo
Inaugurado no Pazo de Vila Melania en Vilaboa (Culleredo, A Coruña) a única biblioteca temática sobre poesía que existe na Galiza, o próximo 25 de febreiro ás 17:30 o poeta César Antonio Molina fará a lectura de poemas dos seus poemarios Eume e Soños nos cantís. O acto será presentado por Miguel Anxo Fernán Vello.
Xulio López Valcárcel na Galería Sargadelos da Coruña
O martes 26 de febreiro, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Xulio López Valcárcel nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.