A Coruña: Paseos pola Coruña Literaria 2015, con Dores Tembrás, Pedro Feijoo e Felipe Senén

AF_CARTAZ_PASEOS_35x50_cmPaseos pola Coruña literaria é 1443428176274paseoslitcorunha2015-bannerjpgunha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, na que terán lugar novos paseos pola nosa cidade coas propias escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na Coruña.

17 de outubro
A Coruña, unha cidade ao descuberto, con Dores Tembrás.
Saída: Xardíns dos Cantóns.

A cidade que se abre nunha cartografía infantil, unha urbe que se pon ao descuberto por medio das historias dos avós pero tamén dos referentes literarios coñecidos na adolescencia. Unha pequena deriva pespuntada palabra a palabra:
e as pegas rebuldás
cubriron as rúas
o asfalto nevado de noces
e todos
cos zapatos de Dorothy
en compaña do lobo
choutando nelas.

31 de outubro
A Coruña de Rosalía e Murguía: tras o vento da negra sombra, Pedro Feijoo.
Saída: Praza do Humor.

Teñen todas as cidades unha outra vida que, por veces, non se ve. Ou si, se se observa cos ollos adecuados… Unha vida feita da textura das letras, de sangue de tinta, e alma vestida nas historias. Nas que foron e nas que non foron… Desta volta, eu propóñovos un paseo por esoutra cidade, A Coruña de Rosalía e Murguía. Un paseo após as pantasmas daqueles nomes, de Gala, de Alejandra, de Anxo Aian e de Aurelio Aguirre, desde as miserias de rúa Tabernas, axustando as contas da Real Academia Galega, até as sombras do cemiterio de San Amaro e as súas tebras, a escuridade na que, moitas veces, vive a luz verdadeira. Se é que tal cousa existe, claro está. E todo, por suposto, sen deixar de lado o humor, que por algo hai na cidade unha praza a el adicada. Ou acaso non vos parece suficientemente gracioso que veña un de Vigo a ensinarvos a cidade? ;) Espero que sexa do voso maior agrado!

14 de novembro
De conversa co “Genius loci” dunha cidade vella, con Felipe Senén
Saída: Porta do Xardín de San Carlos.

Adentrarémonos na Prehistoria e na Historia desa croa ou croio de pedra rosa que é a Coruña. Dende o baluarte Vello ou Xardín de S. Carlos, ás 12 do mediodía dese sábado 14 de Novembro, cando aínda celebramos por Galiza adiante aos dous santos homonimos das Panoias, aos San Martiños de Tours e mais ao de Dume, cando aínda arrecenden na memoria as lumeiradas e as castañas asadas dos Magostos. Encetaremos unha pequena xeira arredor das luces e das sombras, na busca da conversa co “genius loci” dese couto ou “locus amoenus”, entre as pantasmas de Xerión, de Moore e de lady Sther Stanhope, de Porlier… polas paisaxes e as paisanaxes inspiradoras de Aguirre, Pondal, Rosalia, o Murguía dos Precursores, Francisca Herrera… sen librarnos da Condesa. Escudos, campas, epígrafes, lendas, mitos e ritos que se perden e que lembraremos baixo o Arco do Arquivo do Reino de Galiza… a carón do templo dos Domine-Cane, das fratellas de San Francisco e a carón dunha imaxe que foi Venus, feita Virxe da Estrela para os nautas do Mar dos Ártabros…Porto de Compostela.
A Coruña é cidade serea, ben o sabía Lugrís, da María das Batallas, de Ines de Ben, de Xoana de Vega, de Concepción Arenal, de Rosalía, Carolina Herrera, María Barbeito, Luisa Villalta que facía música coa palabra. Aqueloutra Coruña que cheiraba a tabaco e chicolate e un raparigo abríase ó mundo entre o amor e a morte, Pabliño Picasso. Marineda atlántica, de castros, altares, torres e muiños a beilar movidos por un vento toleirón… A Cidade amada de Garcés, de ida e volta de Manuel María, de atlántidas… Unha conversa en alto para coñecer, querer e defender realidades fronte a virtualidades, a orixe, a orixinalidade fronte á macdonalización´.

A Coruña: actos literarios destacados nas Festas de Monte Alto 2015

Ocartaz2015festas domingo 6 de setembro, ás 12:00 horas, dentro das Festas Monte Alto 2015 da Coruña, o Colectivo Poético-Literario “In Nave Civitas” fará un roteiro que sairá da Praia Santo Amaro e percorrerá todos os recunchos da costa da Torre, para dar a coñecer os nomes e historias das súas pedras, furnas e lugares. Tamén será unha homenaxe ao histórico percebeiro coruñés e veciño do Barrio, Milucho Mariñas.
Previamente, o venres 4 de setembro, sobre as 19:30 horas, no Campo de Marte, lerán o pregón das festas Xosé Iglesias e Teresa Ramiro.

Mondoñedo: presentación do libro Un paseo polo Barrio dos Muíños

11916105_1685603785007439_3663490744768563254_n11899912_1685603801674104_5238681312550950632_n

Pontevedra: II Día das Galegas nas Letras, dedicada a María Victoria Moreno

OMaría Victoria Moreno sábado 15 de agosto, no Parque dos Gafos (Rúa da Estación), en Pontevedra, terá lugar a II edición do Día das Galegas nas Letras, convocado pola Plataforma de Crítica Literaria A Sega.

Este é o programa:
12:00 h. Paseo con Leonardo. Punto de encontro: entrada ao Parque dos Gafos na Rúa da Estación.
14:00 h. Xantar no Parque dos Gafos.
16:00 h. Homenaxe a Mª Victoria Moreno.
Carmen Penim
Laura Cuba
Cristina F.
As Boubas
Habelas Hainas
Micro aberto: lemos María Victoria Moreno.
Sorteo da boneca de María Victoria Moreno entre as persoas participantes. Doazón de Actante Dorado.
– Durante todo o día: O Tendal de Mª Victoria. Exposición da súa obra.

A FORZA DA VONTADE

“Hai lugares onde nos nacen e lugares onde escollemos nacer. Hai familias que nos veñen dadas e outras que creamos para nós. Hai linguas que se nos falan e outras que coa determinación obstinada de quen se quere poñer do lado que máis o merece, escollemos para nós. Se cadra o accidente do noso nacemento pode determinar abondas cousas na vida, pero a escolla e a vontade teñen a forza mesmo de cambiar o lugar co que se asociará por sempre o noso nome, a lingua na que se falará de nós, o pobo que ha de celebrarnos para sempre.
Esa lingua, ese pobo e ese nome somos neste II Día das Galegas nas Letras todas nós segando para recoller as gavelas de María Victoria Moreno. Ela que escolleu o lugar onde vivir cada minuto, ela que escolleu a familia dos afectos, ela que escolleu a lingua e a comunidade á que pertencer. Tamén ela que escolleu as historias que quixo contar, aquelas nas que cada unha, coma unha gavela única, brilla na súa complexidade, na súa letra diáfana e motivadora. María Victoria Moreno escribiu para todas nós dende o espírito máis abranguente, máis total. Para nosoutras que buscamos nos relatos nenas que nos expliquen a vida nos nosos termos, á nosa idade. Para nosoutras que, adolescentes, procuramos descubrir o desenlace sen saber que o importante está se cadra no camiño. Para nosoutras que padecemos nos nosos corpos a dor mais tamén a esperanza. Para nosoutras que queremos saber doutras vidas aparentemente próximas pero ao tempo moi afastadas.
María Victoria representa para nós a forza da vontade fronte á desidia e o accidente, a decisión consecuente da palabra xusta. E con esa mesma vontade facémola nosa e pertencémoslle nunha celebración á que estades todas convidadas.”

cartaz_galegas_letras_2015

A Fundación Uxío Novoneyra organiza un festival literario no Courel

DesdeFestival dos Eidos Fervenzas Literarias:
“A Fundación Uxío Novoneyra organiza do venres 14 de agosto ao domingo 16 de agosto o Festival dos Eidos, que terá lugar na aldea de Parada do Courel, onde está localizada a casa que foi morada do poeta Uxío Novoneyra. Serán tres días de lecturas poéticas, concertos, roteiros e cinema para celebrar a primeira edición deste festival literario, un tributo á terra que inspirou ao autor de Os Eidos. Haberá tamén obradoiros e conferencias sobre o mundo da edición e da literatura.
O Festival dos Eidos forma parte do proxecto europeo LitFest; unha iniciativa comprometida co ensino permanente (para toda a vida e para todo o mundo) a través da literatura. Un proxecto no que tamén están integrados a Fondazione Alfonso Gatto (Salerno, Italia), o festival de poesía St. Clementin Litfest (St. Clementin, Francia) e a ONG Catching Lives! (Canterbury, Reino Unido). A proposta está desenvolvida co apoio da Comisión Europea a través do Programa ERASMUS + e fai fincapé na dimensión educativa destes festivais, motivo polo que no programa a Fundación Uxío Novoneyra aposta pola formación práctica vinculada á literatura.
O Festival dos Eidos principiará o venres ás 17.00 h. cun encontro na Casa da Fonte, en Parada do Courel, casa vividoira de Uxío Novoneyra e sede da fundación que leva o seu nome. Será unha xornada de portas abertas e visita guiada. De seguido (19:00 h.) o escritor Xose Lois García pronunciará a conferencia A literatura galega no espazo da Lusofonía. Unha cea convivio na Ferreiría de Seoane e un concerto a cargo de Uxía Senlle pecharán esta primeira xornada.
A segunda xornada do Festival chega repleto de actividades, como un obradoiro de Crowdfunding para proxectos literarios, a proxección do filme A esmorga (ás 15:00 h.), diálogos poéticos (ás 18:30 h.) ou un recital de Carlos Oroza. Isto e moito máis para unha xornada que rematará co concerto de Wöyza.
O Festival dos Eidos finalizará o domingo, onde as e os asistentes poderán participar, a partires das 10.00 h., no roteiro Bico do Brelo de avistamento de paxaros seguindo os versos de Os Eidos de Novoneyra.”

A Alba de Gloria volve escoitarse no Pico Sacro

Desde2015071815150460163 Sermos Galiza:
“Pasaron nove décadas desde que Castelao participara na peregrinaxe ao Pico Sacro, cando por aquel entón a ditadura impedía celebrar a festa nacional. O maxín de Castelao volveu sobre o Pico Sacro desde o exilio, cando teceu unha das súas pezas máis profundas, a Alba de Gloria, o discurso de celebración do Día da Patria.
Desde 2011, a Federación Galiza Cultura, a través das Asociacións Vagalumes e O Galo, conmemora a peregrinaxe de Castelao ao Pico Sacro. Por aquel entón cumpríase o 125 aniversario de Castelao co “total desprezo por parte da Xunta de Galiza”. A organización decidía entón homenaxear a “Alba de Gloria” nun ano caracterizado polo furibundo ataque do Goberno de Feijóo á lingua e á cultura galegas.
“Queremos renderlle unha homenaxe a Castelao e volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais coa lembranza dunha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura”, sinala a organización.
Contra ás 12:00 h., o escritor, arqueólogo e etnógrafo Calros Solla deulles a benvida ás persoas asistentes cun discurso de afirmación da identidade galega como algo que resiste ao longo dos séculos. Xa no cumio, a néboa e a chuvia deron paso a unhas raiolas de sol para a lectura do Alba de Gloria, que correu a cargo de representantes das asociacións culturais da Estrada, Vedra, Boqueixón, Santiago e Silleda. A continuación, o gaiteiro Raúl Galego pechou o acto da mañá coa interpretación do Himno Nacional.
As persoas que asistiron ao acto, entre elas asociados e asociadas de entidades culturais da bisbarra, tiveron a oportunidade de coñecer de perto, a través de Iolanda Aldrei, as lendas que xurdiron ao redor do Pico Sacro, así como o seu valor arquitectónico, coa historias das construcións borradas co paso do tempo. Á chegada á capela, tivo lugar a actuación de Mini e Mero. (…)”