Vigo: X Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Afinidades electivas?, mesa redonda de teatro, con Clara Gayo e Marta Pérez

O1442217783371bannerXENUVigo2015 X Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Afinidades electivas? é unha actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, e baixo a coordinación da profesora e escritora Rexina Vega, coa que se quere achegar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras.
O obxectivo xeral deste ano é que o alumnado obteña unha unha panorámica subxectiva da situación dos xéneros poético, narrativo e teatral en Galicia na actualidade a través das/os súas/seus creadores/as. Na edición deste ano preténdese chegar a ese obxectivo a través da idea de que cada relator/a dea unha visión da obra (e/ou da figura pública) do/a outro/a, unha introdución subxectiva e breve sobre a súa recepción da obra da persoa compañeira de mesa, que preguntas lle suscita, para despois encetar un diálogo fluído entre relatores-as para, ao final, establecer un coloquio aberto para dar oportunidade ao alumnado de formular as súas preguntas.
A entrada é libre.

Venres 16 de outubro ás 19:30 h.
Charenton ClubCultura (Ramón Nieto, 58). Vigo.
Mesa redonda de Teatro.
Clara Gayo e Marta Pérez. Sigue lendo →

VI Congreso de Escritores/as Galegos/as: Para que(n) escribimos o futuro?, o sábado 26 de setembro

ProgramaVICongresoAELG2015O VI Congreso de Escritoras/es, 1442482347743BannerVICongresoAELG2015actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Concello de Pontevedra a través da súa Concellaría de Cultura, é un encontro periódico cuxa finalidade é a de dotármonos dun espazo de reflexión sobre a situación do sistema literario no que estean presentes aqueles temas que preocupen ás/aos asociadas/os. Poden verse aquí as edicións anteriores, celebradas en 1981, 1989, 1995, 2001 e 2005.
Unha vez analizadas as súas achegas conclúese que os temas de interese poden agruparse nos seguintes epígrafes, que constituirán os seis grupos de traballo que haberá no Congreso (entre parénteses, as persoas que os coordinarán):

Programa
– 10:15 h. Salón de actos. Presentación do Congreso (Cesáreo Sánchez Iglesias, Anxos Riveiro e Mercedes Queixas Zas).
– 10:30-12:00 h. Dereitos de autoría e profesionalización (Francisco Castro) – A oralidade como soporte literario (Antonio Reigosa).
– 12:00-12:30 h. Pausa café.
– 12:30-14:00 h. O futuro da literatura dramática (Afonso Becerra) – Novas formas de edición (Rosalía Fernández Rial).

– 16:00-17:30 h. Lusofonia como renovada oportunidade (Carlos Quiroga) – Formación de lectores/as (Ledicia Costas).
– 17:30-18:00 h. Pausa café.
– 18:00-19:30 h. Salón de actos. Sesión conxunta: Presentación da nova web da AELG e sesión conxunta de todos os grupos de traballo.
– 20:00-21:00 h. Actuación aberta ao público: Xardín desordenado.

Ás 19:30 h., convócase Rolda de prensa no Seminario 3, na que o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e mais Mercedes Queixas Zas como secretaria xeral da AELG e coordinadora xeral do congreso, farán públicas as conclusión do mesmo.

Convocámosvos as Socias e Socios a asistir ao IV Congreso de Escritoras/es, que terá lugar o vindeiro 26 de setembro no Pazo da Cultura (como chegar) da cidade de Pontevedra, co apoio da súa Concellaría de Cultura.

CartelVICongresoAELG2015

Entrevistas sobre o VI Congreso de Escritoras/es Galegas/os da AELG en Pontevedra

DesdeProgramaVICongresoAELG2015 o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevistas con Cesáreo Sánchez Iglesias e Alfonso Becerra, no Diario Cultural, en relación ao VI Congreso de Escritoras/es Galegas/os da AELG. Pódese escoitar a nova completa aquí.”

Paula Carballeira: “Nos meus personaxes está toda Paula Carballeira”

EntrevistaPaula Carballeira de Carlos Loureiro a Paula Carballeira en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Canto de Paula Carballeira hai nas túas personaxes? -ti mesma tes confesado que te “disfrazaches en peles de personaxes”-…
– Paula Carballeira (PC): Nos meus personaxes está toda Paula Carballeira, só que selecciono dentro de min os rasgos que mellor lles van e intento ver cara a onde me levan. Interpretar un personaxe é toda unha aventura, tes que arriscarte e deixarte ir da man da persoa que dirixe, explorando as túas posibilidades como intérprete de emocións, de movementos, de ficcións. (…)
– NG: Escribir e contar contos para idades máis temperás require imaxinación, compromiso… pero cando falamos de versos, iso xa é outra cousa, e estamos a nos referir ás túas obras poéticas de Contatrás…
– PC: A poesía require se cadra maior imaxinación, maior compromiso, como dis, hai que seleccionar moi ben as palabras, escoitar a súa música, debuxalas no papel. Para min a poesía sería a linguaxe universal, porque nela se crean xogos, melodías, imaxes, todo un mundo.
– NG: E para amosar unha vez máis a interdisciplinariedade entre xéneros, achamos a versión teatralizada das anteriores obras poéticas so o título de A folla máis alta… Sería buscando unha maneira mellor de chegar ao publico máis novo ou foron outras as circunstancias?
– PC: Con A folla máis alta pretendemos demostrar que ás veces a nosa condescendencia co público infantil non nos deixa descubrir que a súa capacidade de evocación, de entrar na ficción do xogo teatral, lles permite atopar respostas para desenvolverse no mundo que nos rodea. Desde a poesía, os ritmos, as coreografías de movementos e o humor, sorprendémonos coa boa acollida que o espectáculo tivo por parte do público e, ao mesmo tempo, puxemos o noso gran de area para contribuír ao emprego de formas teatrais contemporáneas tamén para público infantil e familiar. (…)”

Esther F. Carrodeguas: “O que une a Maruxa e Coralia é estar separadas dun mundo que as exiliou en terra, sen mandalas lonxe”

EntrevistaEsther F. Carrodeguas de Montse Dopico a Esther F. Carrodeguas en Praza:
“Maruxa e Coralia coidan unha da outra. Xogan. Parolan. Saltan as normas que elas mesmas se impoñen. Sobreviven á violencia extrema que sufriron a través do vínculo que as une. Dunha dependencia mutua que as separou do mundo e ao mesmo tempo as mantén nel, recreado ao seu xeito. Abraiadas. Espertas. Cómplices. Amigas. Irmás. Nun retrato que soborda humanidade. Poesía. Forza. Espontaneidade. Así é Voaxa e Carmín, a obra coa que a escritora e actriz Esther F. Carrodeguas vén de gañar o Premio Abrente de Textos Teatrais. Cando o recolleu, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, lembrou que as populares Marías non son unha estatua de postal, senón unha lembranza do que non debería volver pasar. Falamos coa autora, -que é tamén a directora do grupo de teatro Airiños, de Rianxo-, desta e das súas outras obras como poeta e dramaturga.
– Praza (P): Ao recoller o premio lembraches que Coralia e Maruxa foran vítimas de violencia sexual, machista, social e institucional. Convertidas en estatuas silenciosas para que os turistas fagan fotos. Supoño que ese foi o motivo de escollelas como protagonistas da peza. Foi así?
– Esther F. Carrodeguas (EC): Ben, dito así causa confusión: a estatua evidentemente non se fixo para que os turistas fagan fotos, senón con outra intención, pero o que sucede é iso. Ao non ter referencia a estatua á historia que hai dentro dos corpos, vemos só superficialmente a realidade. Este texto escribino na ESAD de Galicia. Tiñamos que escribir un texto histórico ou que partira da Historia. Partir dun feito documental. Eu quería facer unha historia con mulleres como protagonistas e malia que barallei moitas opcións, pronto me cativaron estas dúas mulleres polo que de teatral hai na súa vida.
Precisamente esta foi a grande dificultade da que me fun dando conta ao escribir o texto, que tiña que competir coa súa propia condición de personaxes e mesmo case de mito. E ademais que eu, que son moi diplomática, tiña medo de escribir algo que fixera mal no recordo da xente. Eu quería que o meu texto doese porque a historia é unha historia de violencia, pero dende o respecto: escribir unha obra que quixeran e puideran ver as persoas que as coñeceron, e que lles gustara. Non sei se o conseguín, só sei que foi difícil: estiven a piques de abandonar pero en fin… tiña que aprobar! jaja. En realidade xa me namorara demasiado da historia e por suposto impliqueime na súa escrita moito máis que para un traballo de aula. As Marías, un pouco como a Gioconda, teñen moito misterio detrás delas. E iso sempre magnetiza.
– P: O xurado salientou, entre outras cuestións, o carácter “poético” da peza. E é case como se falasen en verso entre elas. Foi así como pensaches eses diálogos? Por que?
– EFC: Cando comecei con este proxecto, moi pronto, vía ás dúas personaxes como sacadas dunha obra de Thomas Bernhard. E un día, cando xa tiña moitas escenas escritas e moita documentación e o proceso avanzado, de súpeto escribín a primeira escena en verso e apareceron: eran elas. Lin a escena en clase e gustou a todos. Estaba feliz. Unha compañeira, cando lía escenas soltas, un día espetoume que era incrible porque eu facía unha poesía pero como cotiá, de andar pola casa. Que non había lirismo, nin vocabulario poético nin nada, que coas palabras coas que todos imos mercar o pan ou falar no ascensor, elas falaban poeticamente. A poesía, daquela, neste caso, vén do ritmo: do oral.
Para min a oralidade é algo moi importante cando escribo, cando escribo calquera cousa. Sempre teño que ler todo en alto e ver se soa ben. Moitos dos meus textos, de feito, enténdense moito mellor se eu os leo á xente, porque naceron cunha oralidade determinada. Que falen en verso, ademais, forzou que foran ficando soas en escena: algúns “extras” tiveron que ir ficando atrás porque non había maneira de que callaran personaxes que falaran en prosa. Rompían o ritmo todo. Para min a obra, que é un camiño ao mar, ten esa cadencia das olas, constante, que por veces son ondiñas e por veces marexada. Elas, Coralia e Maruxa, con dous nomes de mar, teñen o mar dentro. (…)”

Belén Pichel: “A unión das compañías de teatro é histórica”

EntrevistaBelén Pichel de Carme Vidal a Belén Pichel en Sermos Galiza:
“Escena Galega duplicou o número de compañías asociadas en só uns días. Responde, segundo a súa nova presidenta, Belén Pichel, a un tempo novo no teatro galego, por vez primeira unido para sumar forzas e defender o seu futuro. Mercé Castro, Xoque Carbajal, Tatán Cuña, Xesús Ron, Areta Bolado e Artur Trillo acompañan a Belén Pichel na nova directiva da entidade.
– Sermos Galiza (SG): Que supón ese reforzamento de Escena Galega coa “acción colectiva” de ingreso de compañías?
– Belén Pichel (BP): Pois eramos 17 compañías asociadas e pasamos a 40. Trátase dun feito histórico porque, até o momento no se conseguira que toda a profesión estivera xunta. Mesmo compañías que levaban moitos anos de traxectoria eran reticentes a se incorporar. Cos acontecementos sociais que estamos a vivir nestes últimos tempos quixemos darlle un pulo a Escena Galega e convidar ás compañías a participar, o que coincidiu co movemento por parte delas que estaban falando ao tempo de unirse. (…)
– SG: Á marxe dese incremento, a crise levou moitas compañías?
– BP: Quen aguantou estes catro anos foron heroes porque foron durísimos. Os recortes foron tremendos, non comparábeis con ningunha área. No primeiro xa nos meteron un do 30% e moitas compañías tiveron que deixar os locais e mesmo vender material que tiña, e outras, claro está, desapareceron.
– SG: Agora destacan que van optar pola organización e desbotar un discurso queixoso da situación.
– BP: É a nosa postura. Deixar ao lado esa queixa continuada para pasar a transmitir un discurso ilusionante. A nova directiva leva pouco tempo no cargo mais traballamos arreo e abrimos grupos de traballo para facer propostas concretas, para a vindeira feira, sobre o modelo de subvencións, para a proxección exterior do teatro galego…En certa medida, volvemos a como cando se iniciou o teatro profesional, cando as compañías ían coas súas furgonetas e facían de todo. Vivimos unha volta de vinte ou trinta anos. Queremos, de todas maneiras, transmitir a enerxía que temos neste momento por estar xuntos e traballar polo noso futuro, non só protestar. (…)”