Betanzos: Proxecto María Balteira. Betanzos na lírica medieval galego-portuguesa, do 1 ao 7 de xullo

Cangas: Sexo, feminismos e cultura, na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo

O sábado 29 de xuño, a partir das 19:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Cangas:
Presenta: María Armesto.
19:15 h. Feminismos. A historia cóntana as vencedoras, de Anna R. Figueiredo
A historia cóntana as vencedoras é un traballo divulgativo para animar ás mulleres máis novas a coñecer o movemento feminista e profundar nel.
19:30 h. Chámame señora pero trátame coma a un señor, de Inma López Silva.
Chámame señora pero trátame coma a un señor, lonxe de ser un ensaio ao uso é unha memoria personal do machismo na cultura, se se quere, unha perda da inocencia, unha ruptura con certos silencios, mesmo un balance de máis de vinte anos de dedicación á literatura.
19:45 h. Ám@me. Pensar o amor no século XXI, de Chis Oliveira e Amada Traba.
Ám@me é un traballo divulgativo sobre a complexidade do amor nestes tempos onde todo cambia á velocidade da luz e nos que compre desaprender os modelos nocivos baseados nos mitos románticos e nunha sexualidade condicionada pola pornografía.
20:15 h. Debate. Conduce: Gaila Fernández Mariño.
21:00 h. Espectáculo: 15 minutos. Actriz e Directora: Mónica Sueiro.
21:20 h. Clausura.
Representante da Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do Concello de Cangas. Colabora: Dª Paula Tenorio, Directora do CIM de Cangas.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 29 e 30 de xuño

O 30 de xuño continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 29
12:00 h. Isabel Villanueva asina O galego mola, na caseta da Libraría Don Papel.
13:00 h. Cantos de traballo das mulleres do mar, banda sonora da novela A gran travesía de Chiruca Macallás, espectáculo musical de Xurxo Souto.
13:00 h. Raquel Castro estará asinando exemplares de A formiga fóra do carreiro, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Pedreira.
17:30 h. Presentación de Sementes viaxeiras, de Yolanda Castaño e Xosé Tomás, publicado por Embora.
18:00 h. Marcos Viturro Gómez asina Patadas na boca, na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
18:15 h. Presentación de Pelo de nube, de Dani Viéitez e Iria Iglesias, publicado por Embora.

Domingo 30
18:00 h. Gabriel G. Esteves asina Matrioskas na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
18:00 h. Concerto de presentación de Canta, miña pedra, canta, de Xoán Curiel, publicado por Galaxia.
19:00 h. Héctor Cajaraville asina na caseta da Libraría Pedreira.

O CDG repón Neorretranca e posmorriña no Salón Teatro cun encontro co público e funcións inclusivas e de conciliación

Desde o Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) repón no Salón Teatro de Santiago o seu espectáculo Neorretranca e posmorriña, dirixido por Gena Baamonde, que poderá verse na sede da compañía pública entre mañá xoves e o vindeiro domingo, antes de se despedir do público o 5 de xullo cunha función no Teatro Afundación de Vigo.
Esta será a segunda estadía da montaxe en Compostela, onde desenvolveu unha primeira quenda do 11 de abril ao 5 de maio para iniciar, a continuación, unha xira por outros seis escenarios galegos. Desta volta, o Salón Teatro acollerá catro novas representacións desta proposta arredor da identidade galega, que inclúe un encontro co público tras o pase de mañá, unha función inclusiva o venres e o domingo de conciliación do día 30, con cambios nos horarios habituais para se adaptar á temporada de verán: de xoves a sábado, ás 21,00 h., e o domingo, ás 19,30 h.
Tras a función de mañá, retomarase así mesmo o programa Encontros co Público, posto en marcha polo Centro Dramático Galego para lle ofrecer aos espectadores a oportunidade de intercambiar impresións co equipo artístico das súas producións propias e doutras das propostas exhibidas no Salón Teatro.
Teatro inclusivo
En canto á función do venres, dáse continuidade á aposta da compañía pública por facilitar a inclusión nos seus espectáculos a través da tradución simultánea á linguaxe de signos e a elaboración dun programa en lectura fácil, así como da audiodescrición e da reserva de espazos para cadeira de rodas. Para a organización deste pase, cun prezo especial único de 5 euros, vólvese contar coa colaboración da ONCE, da Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga Plena Inclusión), da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) e da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física de Galicia (Predif).
Ademais, nesta reposición de Neorretranca e posmorriña volverá celebrarse un novo Domingo de Conciliación, un servizo gratuíto pensado para que as nenas e nenos gocen dun taller de artes escénicas mentres os seus maiores asisten ao espectáculo.
Elea López, colaboradora habitual nas actividades infantís desenvolvidas polo Centro Dramático Galego, impartirá este novo obradoiro na Fundación Granell, onde a cativada pasará unha tarde entretida con xogos arredor dos monicreques, teatro de sombras e outras actividades relacionadas co oficio escénico.
Esta iniciativa, incluída no prezo da entrada, desenvolverase de 19,00 a 22,30 h para un máximo de 30 prazas, que poden solicitarse tanto no despacho de billetes do Salón Teatro (aberto desde mañá ao sábado, de 19,00 a 21,00 h., e o domingo, de 17,30 a 19,30 h.) como no correo centro.dramatico.galego@xunta.gal e no teléfono 881 867 229 (ata o venres, de 9,00 a 14,00 h.)”

Rianxo: Curso de verán da USC. Galego, porta aberta para o mundo 2

Actividades da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2019